O número dous do Concello, Santi Domínguez, criticou unha decisión que considera partidista.
Abel Caballero está disposto a utilizar todas as armas contra unha posíbel fusión de Caixanova con Caixa Galicia. Este mércores anunciou unha nova entrega da súa particular batalla convocando a todos os veciños do municipio de Vigo a manifestrase na rúa o vindeiro martes 9 de febreiro “en defensa da cidade e contra a fusión das caixas.
O rexedor fixo o anuncio acompañado polos nove concelleiros socialistas. Porén, Caballero explicou que convoca a mobilización a título persoal e non en nome do consistorio. O político vigués non chegou a revelar se algún cargo de Caixanova estaba ao tanto da decisión. Caballero confía en que os vigueses protesten masivamente e que “contesten” o posicionamento do PPdeG e do BNG. A protesta partirá do cruce Urzáiz coa Vía Norte e rematará posibelmente na Porta do Sol.
Críticas do BNG
A reacción dos nacionalistas vigueses non se fixo agardar. O tenente de alcalde Santi Domínguez sinalou que a manifestación “non defende” os intereses da cidade senón “unha opinión política sobre un tema determinado”. Domínguez negou que “ninguén vaia roubar nada” e lamentou que Caballero basee os seus argumentos de mobilización no “medo”