Asegura que se o goberno español presenta un recurso, sería político e non xurídico e exixe a Feijoo que acuda xa ao FROB.
“Que este venres se anuncie o probábel recurso de inconstitucionalidade non é ningunha casualidade”, adianta Carlos Aymerich. O portavoz parlamentario do BNG referiuse a que “este paso” se dea xusto despois de que Caja Madrid designase por unanimidade a Rodrigo Rato como presidente e insistiu en que “supón unha proba máis” da existencia “dun pacto entre PP e PSOE en Madrid, co interese común de repartirse Caixa Galicia e Caixanova”.
Na mesma liña, Aymerich denunciou que o goberno español está “decidido a deixar a Galiza sen poder financeiro” e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a recorrer xa ao Fondo de Reestruturación e Ordenación Bancaria (FROB) para demostrar que non está a tomar parte nesa suposta estratexia para repartirse as caixas.
Así, pediu ao presidente da Xunta que “pase das declaracións aos feitos”, ao tempo que cualificou como “político” e “inxustificado” o recurso que previsibelmente presente o goberno español contra a lei de caixas. Ao respecto da manifestación convocada en Vigo en contra da fusión, o portavoz nacionalista apuntou que “se quedaba algunha dúbida” despois de que o gobernador do Banco de España admitise que un SIP é “dificilmente reversíbel”, hoxe confírmase que o “único” que se vai pedir nesa protesta é que “interveña Madrid e leve consigo as caixas”.