Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A NOVA POLÍTICA LABORAL DO CONSORCIO

Dos supostos “enchufados” aos contratos sen proceso de selección ningún

O DOG publica o concurso que permitirá a xestión privada dos centros de día de San Sadurniño, Culleredo, Rois, Xinzo de Limia, O Porriño, Tomiño e Begonte.

R.V. - 13:40 11/03/2010

As empresas privadas comezan a entrar de cheo nos servizos sociais da Xunta. Este xoves, o Diario de Oficial de Galicia publica o primeiro proceso de contratación de empresas para asistencia en centros de día. O Goberno destina 1,58 millóns de euros para a “xestión do servizo público asistencial de diversos centros de día”. O diñeiro público pagará os traballos das compañías privadas até final de ano nas instalación de San Sadurniño, Culleredo, Rois, Xinzo de Limia, O Porriño, Tomiño e Begonte. Porén, de mutuo acordo entre as partes, os contratos poderán anovarse durante catro anos consecutivos, con novas partidas orzamentarias.

O executivo de Núñez Feijoo comeza así a ensaiar un novo modelo de Consorcio onde haberá centros de día (os que xa están en funcionamento) totalmente públicos e outros que, aínda que de titularidade da Xunta, estarán en mans de empresas privadas. Dende a oposición, especialmente dende o BNG, denunciaron nas últimas semanas que a Xunta substitúe un sistema totalmente público por outro que lle permite facer negocio a determinadas empresas privadas a costa dos servizos sociais.

“Enchufismo”, agora si?
O máis chamativo é que as empresas privadas, ademais de levar o beneficio polo servizo, serán as encargadas de contratar directamente os técnicos que traballarán nos centros de día. Este é un dos aspectos que salientan moitos dos traballadores públicos do Consorcio, que no seu día foron acusados de seren “enchufados” do bipartito. De feito, hai pouco máis de dous meses a Xunta rescindíalle o contrato a 61 técnicas das oficinas comarcais de Igualdade e Benestar que foran contratadas polo bipartito por medio de concursos públicos de selección ou por listaxes abertas de agarda.

A secretaria xeral de Benestar, Susana López Abella, chegou a afirmar no Parlamento que o anterior Goberno “enchufara” a este persoal sen concurso público e dende o PPdeG tildaron o Consorcio de “axencia de colocación do BNG”. As palabras da alto cargo da Xunta están no xulgado. Varias traballadoras despedidas denunciaron pola súa conta á secretaria xeral por difamación, un proceso que segue adiante nos tribunais.

O pasado mes de decembro o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, xa denunciou que a privatización de certos servizos do Consorcio daba vía libre para a “colocación de traballadores” nas adxudicatarias. O nacionalista acusou á Xunta de chegar a ofrecerlle a algúns alcaldes a posibilidade de “recomendar” laboralmente.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: