Se alguén dubidaba das intencións da extrema dereita israelí cando hai pouco máis dun ano chegou ao goberno, estas vanse facendo máis patentes -e sen complexos- día a día.
Este luns, en plena polémica pola construción de novos asentamentos ilegais en Xerusalén Este e malia a presión (morna) internacional, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu reclamaba en solo estadounidense o dereito do "pobo xudeu" a construír na que considerou "capital" do Estado israelí.
E mentres que o mandatario defendía ante o AIPAC, un importante
lobby israelí dos EUA, a construción de 1.600 novas vivendas na destinada a ser capital dun futuro hipotético Estado palestino, ocupada por Israel durante a Guerra dos Seis Días de 1967, o Exército golpeaba Gaza de novo.
Cinco civís resultaron feridos polo segundo ataque aéreo en dous días realizado sobre a Faixa, logo de disparar un mísil contra un edificio que supostamente estaba abandonado. Outras tres casas veciñas resultaron danadas pola detonación.
A incursión é unha resposta ao lanzamento dun proxectil a territorio controlado por Israel que provocou a morte dun inmigrante tailandés a semana pasada.
Paralelamente, un soldado israelí morreu baixo o chamado "fogo amigo" cando dúas patrullas perseguían tres palestinos que atravesaran o "valado de seguridade" cara a zona israelí, algo habitual entre os cidadáns de Gaza que van á procura de traballo. Finalmente, os "intrusos" -que ían desarmados- foron detidos.
Por outra banda, os medios británicos informan que o goberno do país responsabilizará formalmente o executivo israelí do asasinato dun dirixente de Hamas en Dubai o mes pasado, nunha operación que
supostamente levou a cabo o Mossad usando pasaportes falsos de diversos estados europeos. Segundo a
BBC, un diplomático será expulsado do Reino Unido.