Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTE SÁBADO

Causa Galiza reivindica o dereito á autodeterminación cunha xornada dedicada aos Mártires de Carral

A plataforma soberanista organiza un acto no que se mesturarán os actos políticos e as actividades de lecer para lembrar un "fito histórico".

Redacción - 15:30 22/04/2010

Carral será o vindeiro sábado escenario dun acto nacional de Causa Galiza. A plataforma soberanista organiza neste municipio da bisbarra da Coruña unha homenaxe aos chamados 'Mártires de Carral' e quere lembrar así aos protagonistas da revolta 'provincialista', un fito hitórico que sentou os alicerces do futuro movemento nacionalista.

Pedro Alonso, un dos voceiros de Causa Galiza, explica que "a idea xorde porque Causa Galiza ten como obxectivo socializar o dereito á autodeterminación. Para isto hai que ter unha especie de calendario para dar a coñecer a reivindicación. Temos xa establecido o Día da Patria e máis o 6 de decembro (votación da Constitución española) e entre medias quedaba esta data pouco recoñecida pero fundamental como é o fusilamento de mandos militares en 1846. É un fito no que se fixo fronte a unha marxinación histórica do país. Era unha efeméride moi pouco celebrada e que quixemos poñer en valor".

A xornada comezará ás 18 horas cunha concentración diante do Monumento aos Mártires de Carral. Pouco despois, dende alí haberá unha marcha até a igrexa de Paleo, onde están enterrados algúns dos protagonistas daquela rebelión e onde terá lugar un acto político. No mesmo falará o historiador Uxío-Breogán Diéguez e máis o propio Pedro Alonso, en representación da plataforma convocante.

A parte máis festiva comezará ás 19.30 cunha sesión vermú e ás 22 horas cunha cea nunha carpa habilitada para a ocasión. O ramallete final será na Sala The Star onde haberá un concerto de Bouba Pandereteiras, Labregos do tempo dos sputniks e Machina.

A organización vai fletar un bus para acudir ao acto que partirán dende Vigo (Praza dos Cavalos, 15 horas) e fará parada en Pontevedra (Ponte da Barca, 15.30), en Compostela (Pazo de Congresos, 16.30 horas) e en Ordes (casa consistorial, 17 horas). A xente que quera apuntarse a este bus terá que facelo chamando ao móbil 630 690 869.


4,85/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: