Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Enfrontamento no Parlamento

'O ano da lectura' non axiliza os compromisos da Xunta co libro

O BNG acusa o Goberno de frear a lei de bibliotecas malia deixar o bipartito arranxado o proxecto e de meter dun caixón o Plan de Fomento do Libro.

Redacción - 13:45 27/04/2010
Biblioteca pública 'Ánxel Casal' en Santiago de Compostela

Biblioteca pública 'Ánxel Casal' en Santiago de Compostela

Na presunta estratexia de "afirmar que non se fixera nada durante a anterior lexislatura", o equipo do PP na Xunta veu aprazando a saída á luz da nova lei de bibliotecas, unha iniciativa a piques de botar a andar na anterior lexislatura. Así o cren desde o grupo parlamentario do BNG, cuxa voceira en materia de Cultura, Ana Pontón, defendeu esta terza feira unha proposición de lei ao respecto.

Explicou a deputada nacionalista que o Bloque decidiu levar á Cámara un texto elaborado xa polo goberno anterior "consensuado co sector e que estaba listo para sacalo adiante". Os nacionalistas denuncian que o executivo actual "foino aprazando" sen motivo e critican que o grupo do PP na Cámara votase este martes en contra da iniciativa do BNG. Para o Bloque o PP non só está manobrando para "usurpar" o traballo realizado pola anterior consellaría neste eido senón que co adiamento inxustificado das novas normas demostra "falta de miras e de compromiso" co país.

Defendeu Ana Pontón a urxencia desta lei que introducirá un novo concepto para o funcionamento das bibliotecas que "supera un marco xurídico obsoleto; moderniza o actual sistema, achegándoo ao conxunto do país e cumpre unha función moi determinante na normalización da lingua e difusión da cultura galega". A voceira do Bloque salientou que o texto rexeitado deseña unha concepción das bibliotecas "como elemento dinamizador da cultura", fomentando a cooperación entre as diferentes institucións e a adaptación ao entorno dixital e multimedia.

O PP atribúelle a demora a novas consultas
Ao BNG respondeulle o voceiro en materia de Cultura do grupo do PPdeG, Ignacio López Chaves, quen dixo que a Xunta actual elabora a lei "como debería telo feito o bipartito", achacándolle ao executivo anterior falta de diálogo co sector "para acadar un texto enriquecido antes de presentalo ao Parlamento".

López Chaves xustificou o voto en contra da súa formación na Cámara argumentando que sería "unha absurda contradición que o BNG, que deliberadamente atrasou a tramitación da lei, agora apareza como artífice, cando en realidade foi obstáculo".

Ao fío, a voceira do BNG insistiu en que a Xunta traballa sobre un texto que "é un calco" do que deixou o bipartito e felicitou que o equipo de Feijoo recoñeza que "era un texto bo". Ironizou tamén sobre os supostos cambios que, polo que transcendeu, se limitarían á supresión do cualificativo "nacional" e a supresión do apartado sancionador, advertindo de que este recorte minguaría a eficacia da lei.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: