Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Prevención da recesión

O Senado dos EUA aproba un extenso proxecto de reforma financeira

Aumenta significativamente os controis sobre Wall Street e supón a primeira gran mudanza do sector desde a década de 1930.

Redacción - 10:00 21/05/2010
Wall Street estará máis 'controlado'

Wall Street estará máis 'controlado'

O Senado de Estados Unidos aprobou a lei de reforma financeira, un proxecto co que se busca aumentar significativamente os controis sobre Wall Street e que supón a primeira gran reforma do sector desde a década de 1930.

Con 59 votos a favor e 39 en contra, a Cámara Alta deu luz verde ao proxecto, unha vitoria para o presidente estadounidense, Barack Obama, que prometera endurecer as leis para previr que as entidades bancarias e os mercados do capital puidesen provocar unha nova crise financeira.

A forte recesión que se xerou obrigou a utilizar enormes cantidades de diñeiro público en plans de rescate para a industria e as entidades financeiras. Coa reforma, as axencias federais terán máis poder para seguir de perto as operacións desenvolvidas polas entidades, co fin de evitar unha nova recesión.

Proceso completo en xuño
O proxecto de reforma de Wall Street terá que se conciliar co documento aprobado pola Cámara de Representantes o pasado mes de decembro, un proceso para o que serán necesarias varias semanas e que podería completarse en xuño, segundo explica o diario The New York Times.

Entre os dous textos hai diferenzas, sobre todo no referente a unha disposición engadida polo Senado que estabelece que as grandes entidades financeiras terán que escindir en filiais separadas parte do seu lucrativo negocio de derivados.

Con todo, ambos os dous proxectos de lei son bastante similares, polo que parece moi factíbel que o Congreso acabe aprobando a maior e máis dura reforma do sector financeiro desde a Gran Depresión. O documento final entrará en vigor logo de ser asinado por Obama.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: