Aproveitando a presentación do seu álbum '30 anos de trabalhos esforçados', desde o Porto chega agasallo dos Trabalhadores do Comercio.
Son xa máis de tres décadas de experiencia cos instrumentos enriba do escenario. Trabalhadores do Comércio acumulan unha longa e prestixiosa traxectoria dende 1979, incluída a súa famosa actuación en Vigo na estrea en directo de Siniestro Total. Rock das terras do Norte de Portugal, caracterizado ademais por cantar en nortense ("portugués con sotaque norte"). Entre os episodios da súa historia que recordan está o disco 'Sermões a todo o rebanho', cun golpe de colaboracións de músicos galegos, o que os leva a definir aquel traballo que incluía entre outros a versión 'Sexo, Fados i vacalhau', cando comezaba a década dos 90, como "o primeiro disco galaico-portugués".
Este '30 anos de trabalhos esforçados' estará nas tendas o vindeiro outubro. Xa que logo, o tema 'Gladiador', co que nos agasallan, é un dos primeiros que se poderá escoitar.
Se lles presta unha escapada a Porto para escoitalos, estarán esta cuarta feira, o 23 de xuño, na Casa da Música, contra as 23h30, con entrada libre. E un par de días máis tarde, o 25 de xuño, tocarán na FNAC de Mar Shopping, en Matosinhos, desta volta cunha selección de temas en versión acústica. Na web oficial de Trabalhadores do Comercio e no seu sitio en MySpace poden saber doutras datas para velos en directo.
Os Trabalhadores son:
Sergio Castro:Voz Guitarra
Joe Medicis: Guitarra
Alvaro Azevedo: Bateria
Miguel Cerqueira: Bajo
Jorge Filipe: Hammond y Piano
João 'Pony' Ricardo: Guitarra
Diana Basto: Voz
Marta Ren: Voz
Daniela Costa: Voz