Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Foi alí, no Obradoiro

12:34 29/01/2010

Foi alí tamén no Obradoiro onde hai mais de oito centurias se codificou como culta a lingua que o actual Governo lle nega a Galiza como propria. A Escola de Santiago era o centro da cultura expresada nos Cancioneiros, estendéndose de Galiza, a Lisboa, Toledo ou Sevilla. Onde xacen os restos de reis da Galiza independente, Fernando e Afonso, que levantaron o Pórtico da Gloria, celebraron no século XII a primeira Asemblea con participación de representantes do povo, estabeleceron a Universidade de Salamanca, a máis antiga da Península, no sur do seu Reino, con profesores galegos formados en Santiago, Boloña ou París, fundadores de cidades que levan agora o mesmo nome. Desde onde se expandiu a fala das Cantigas, escritas na lingua da súa familia polo rei Afonso, IX de Galiza e II de Castela, o que en Toledo codificou depois o castelán como lingua da administración, entanto que en Galiza se facía o proprio co galego, tal como no Portugal do seu neto o rei Dinís. Esta lingua que depois, desde o final do século XV e a até onte, foi proibida tanto pola monarquía e o Estado español como polas determinantes instituicións eclesiásticas, sendo quen de manterse malia todo como lingua da rica cultura agraria, mariñeira e artesana. 

Ollando para Europa sen a mediación da ideoloxía española non se encontra outro exemplo de resistencia como o galego. O galego, a lingua ainda maioritaria apesar de a sociedade ter mudado radicalmente nos últimos trinta anos, pasando de rural e agraria a urbana e industrial, e de ficar ausente ou esmagada en instituicións políticas, eclesiásticas e educativas, sectores económicos e sociais ou medios de comunicación que navegan na onda do poder e a lingua oficial do Estado. Tampouco parece que exista no mundo outro Estado que negue como sua unha lingua, nacida e presente no territorio que integra,  que como o galego na forma portuguesa pertenza ademais a múltiples Estados, sendo falada por máis de 230 millóns de persoas, refletindo unha variedade semellante á do castelán ou a do inglés.

A manifestación do 21 de xaneiro no Obradoiro sitúanos pola sua dimensión e significado nun momento crucial na emancipación linguística e cultural de Galiza. Convocada por Queremos galego e as demais plataformas xurdidas para facer frente á intención temeraria do actual Governo Galego de marxinar a lingua propria, os obxectivos da mesma foron feitos seus por organizacións de profesores e alunos de colexios públicos e privados, equipos de normalización, xuristas, reitores das tres universidades, medios de comunicación, asociacións de libreiros, sindicatos, grupos de cristiáns de base, organizacións políticas da esquerda e nacionalistas. A Real Academia Galega -a instituición que por historia e pola Lei de Normalización Linguística lle corresponde singularmente a extensión e o cuidado normativo do galego- fixo unha enérxica crítica do contido das chamadas Bases para a elaboración do decreto do plurilinguismo no ensino non universitario de Galicia, que negan mesmo os elementos positivos, ainda que limitados e insuficientes, derivados dos texto constitucional en vigor. Nunca antes se producira tal conxunción de vontades expresas e tal demonstración de firmeza na sociedade civil.  

A resistencia do galego non é hoxe allea a existencia desde hai tres décadas de instituicións, do Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización Linguística, que contribuiron a frear en Galiza a influencia desertizadora dos poderes do Estado español. A reclamación da plena aplicación de tais normas, que recoñecen o galego como lingua propria e obrigan a potenciar e normalizar o seu uso en todos os ámbitos, constitui a exixencia principal deste momento. Porén, tanto máis nun tempo como este en que as línguas nacionais precisan inexcusabelmente dun Estado proprio ou dunha instituición estatal que governe nisto con plena independencia, o galego debe dispor do status institucional das linguas oficiais dos Estados, igual que o portugués e sueco ou o francés, o alemán, o italiano e o romanche na Confederación Helvética e o neerlandés, o francés e o alemán en Bélxica. Resulta aberrante e inadmisíbel que nun Estado plurilingue como o español se lle negue ao galego -como ao euskera e ao catalá- a condición de língua estatal e nacional. Como o castelán en Castela, en Galiza a língua propria é o galego. Así, en paz. 
 

4,7/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións