A loita contra o Complexo ENCE –ELNOSA (Empresa Nacional de Celulosas e Electroquimica del Noroeste) na rÍa de Pontevedra, foi a primeira das reinvidicacións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Reclamouse unha ria sá, viva e produtiva.
A fábrica está no peor lugar dos posibles. Púxose nese fermoso lugar, entre Marín e Pontevedra, por empeño das forzas políticas ligadas ao capital da Dictadura. É unha triste herdanza do Franquismo. Facilitou a operación o entón alcalde de Pontevedra Filgueira Valverde, quen tamén era director do Instituto. El mesmo ordeou que os estudantes saísen á rua, en horas de clase, para demandar “papel” para Pontevedra. Coa oposición do Presidente da Diputación, José Luis Peláez, a Celulosa impúxose.
Pontevedra nunca tivo papel, pois a fábrica elabora apenas pasta que despois será transformada noutros lugares. Aquí deixa os cheiros e a destrución da riqueza biolóxica. Naqueles tempos Francisco Cortés (até hai pouco Director Xeral na Consellaría de Pesca do actual Goberno bipartito) retara, á través da prensa, ao director da fábrica a comer un plato de mariscos da ría recollidos diante da fábrica, cada día durante un mes. Nunca se tivo certidume acerca da dieta seguida polo citado Director.
Niell, biólogo do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo, demostrara como existía unha zona completamente abiótica ao redor do efluente da fábrica cando non había aínda o emisario actual. Os anos foran pasando e, construiuse un emisario que leva os refugallos da fábrica máis lonxe.
Despois de ADEGA, a APDR, unha das Asociacións máis prestixiosas e mellor aceptadas pola cidadanía de Pontevedra, non baixou nunca a garda na sua loita contra a Celulosa e na súa defensa da ría. Desde que está o Bloque na alcaldía de Pontevedra, por primeira vez, un goberno municipal toma postura clara na defensa das riquezas da ría, e loita legalmente para que a fábrica marche a outro lugar. Infelizmente unha recente sentenza xudicial anula o informe municipal que pretende que Elnosa sexa incompatible coas normas urbanísticas. A sentenza non é favorable tampouco á fábrica e permite o recurso por parte do poder local.
Esta situación nos confronta coa realidade de que, unha vez construído, non se botan a baixo nen edificacións, nen industrias, a pesar de todos os argumentos do mundo. Temos a promesa do desmantelamento dos depósitos de Ferrazo en Vilagarcia. Por iso debemos estar á alerta e sermos precavidos co coidado do noso medio.
REGANOSA é outro exemplo. Os veciños de Mugardos, e os de Ferrol non ceden na súa loita contra a fábrica regasificadora que a administración de Fraga (ex ministro Franquista) construiu alí. ADEGA tamén apoia esa loita. Deséxolles máis sorte que coa celulosas de Pontevedra. O que é importante é salvar a productividade e saúde do medio. As rías son unha excepcionalidade ecolóxica. Son os ecosistemas máis produtivos, do ponto de vista biolóxico, do Atlantico Norte, a pesar do maltrato que reciben.Temos a obriga de coidalas e de explotalas de xeito sustentable.
Remedando a Castelao poderiamos dicir:
"O dia que os galegos saibamos o que valen as rías, ese día teriamos garantido alcanzar o noso modelo de Desenvolvimento Sustentable e a porta cara ao futuro".
Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »