Este 17 de agosto, dia da Galiza Mártir, outro buque gaseiro entrou na ria de Ferrol, para atracar no porto de Mugardos.
Pola mañanciña as barquiñas dos mariscadores conseguiran desistilo do seu intento. Os descendentes do David, contra os Goliats, inmensos e poderosos gañaran esta batalla. Mas as mareas suben e descen unha vez por dia, e o grande barco cheo de gas enerxético agardou o seu tempo. Na rada de Ares ,onde hai bastante calado para un enxeño deste tipo.
Á tardiña voltou facer a manobra de entrada. Velai ven asomando , anunciado polos remolcadores a favor da marea que subiu dabondo para que tamaño buque poidese entrar até o interior da ria de Ferrol. Lentamente as suas cores amarelas e verdes iánse anunciando até mostrar as catro grandes barrigas que cubren a sua cuberta. Un pequeno ronsel fumega desde a sua chaminé. Procede do gas que se licua de xeito natural e que o barco utiliza como combustible.Unha piroga cunha bandeira vermella “Planta de gas fora da Ria” no meio da ria foi o único enfrontamento desta vez.
Calquera que asista ao espectáculo da entrada dun destes buques, pode comprender a insensatez da ubicación da planta regasificadora en Mugardos. Lembramos que os gaseiros so poden entrar ou sair coa maré alta. Fica , pois o buque, inmobilizado por 10 horas, no interior dunha ria densamente povoada, inmenso ,asustador,monstruoso. Non é de somenos importancia os efectos da contaminación que o proceso de reagasificación poida producir na ria. Estes sumaríanse a todos os outros das que xa adoece ( falta de depuradora de augas residuais, funcional, porto carboeiro, residuos da antiga Astano, etc, etc.).Mas o que domina por cima de todo é a sensación de inseguranza polo perigo potencial que implica todo o proceso.
A ria de Ferrol é unha das rias que posee a maior biodiversidade, nomeadamente na zona da sua bocana. Foi unha ria riquísima onde se podia mariscar ate o seu interior. A construción da Ponte das Pias, sen apenas luces que permitisen a renovación das augas, afogou os bancos marisqueiros do fundo da ria e mudou area por lodos nos seus sedimentos.
Muitas actuacións despreciativas da vida e da riqueza, noutrora perdurable, da ria de Ferrol, foranna abafando.
Hoxe veciñas/os de Mugardos, da Asociación de Veciños de Meá, pechados no Concello , manteñen unha loita ejemplar desde hai mais de un mes. Non queren ter diante das suas casas, onde viven, un monstruo gaseiro que descarregue o seu líquido.Que se obtén reducindo á sua tª até -160ºC , a pesión atmósferica. ( na pax de ENAGAS dí que tamén se comprime a 80bares de presión) Este será gasíficado incrementado a sua tª e reducindo a sua presión ate alcanzar 600 veces o volume que traia nas barrigas do grande buque.
Este proceso acontece nas veciñanzas do bairro de Meá, no corazón de Mugardos a menos de 100m da casa mais próxima. A estrada pasa a 20 mts dos tanques. Curiosamente un garda de seguranza, prohibiunos parar o coche no arcén diante unha casa habitada a menos de 50 mts dos tanques armacen.Tomounos a matrícula. Só pararamos para saudar a unha veciña!
Que estamos a facer das nosas riquezas? Porque nos estamos a vender hipotecando o futuro da Galiza por menos dun “prato de lentellas”. Poderíase por unha planta regasificadora fora da ria. Teria o mesmo rendimento para alimentar o ciclo combinado das Pontes que tal como está agora. Non precisaria dos recheos feitos en Mugardos que afogan a ria. Non poria en perigo a seguranza da xente e do ecosistema nen o seu medio de vida.
Porque aceptamos esa herdanza do Governo de Fraga?. Porque non ten , este governo o valor de enfrentar a situación con honestidade, valor e sensatez, e pechar esa planta , construindo , se for necesario outra fora da ria? Que vale mais: a seguranza da xente e a vida da Ria, ou o diñeiro que esto costaria?
O meu apoio á loita valente das mulleres e homes de Mugardos que manteñen a tensión contra deste desatino. O meu recoñecemento ao seu sacrificio dia após dia , pondo o seu tempo, imaxinación e recursos ao servizo do ben común. Elas/es forman parte desa sociedade civil organizada que son a garante da democracia. Que lles lembra aos políticos onde está o rego direitiño por donde deberia ir o seu facer a prol da sociedade.Para iso é que lles pagamos e ninguén lles obriga a estar ahí.
Para elas/es a miña gratidao.
Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »