Non sería máxico viaxar cara adiante no tempo?
É o ano 2040.
Galicia tivo xa varios gobernos dende a fin do fraguismo e o bipartito de 2005-2009. Mesmo un revitalizado PP gobernou durante uns breves anos na época pos-pax fraguiana. Foi xurdindo unha conciencia colectiva de que a maior xustiza e xestión social por e para o país se conseguen cunha administración de coalición, que asemade representa pluralmente a poboación galega.
Con cautela e a modo vai a clase política galega afastándose da idea profundamente alicerzada entre a poboación de que a única forma de facer política é facer o mínimo posíbel para garantir así un apoio constante e pouco escrutinador. Tanto pola necesidade de competir nunha realidade política bi e tripartita, como pola de quererse normalizar a nivel global, os políticos/as teñen que achegarlle propostas ambiciosas ó público electoral. Cambiou o país: trátase de facer o máximo posíbel, a risco de que se xulgue os partidos por non cumprir partes do seu programa. En xeral, prevalece un cinismo san cara á política, pero non é o mesmo cinismo que reinaba no país cando os días de don Manuel e a difícil transición a unha vida política nacional máis normalizada, na primeira década do milenio.
Na cultura, Galicia xa confirmou na posguerra o que prometera na Idade Media, no Rexurdimento e na época Nós, a pesar dos contratempos da historia. Acadou en todas as esferas da expresión humana a maior plasmación universal e artística. É máis, xa se pode falar dun cine galego en galego, escrito e rodado por xente galega, financiado en Galicia, e que trata de temas galegos onde for necesario, incorporando asemade outras influencias e técnicas para dotalo dunha vitalidade constante. O cine galego ofrece moi a miúdo achegas á realidade contemporánea. A música galega reina onde se toque, debido ás colaboracións realizadas entre os músicos e músicas galegos e artistas doutros países e culturas. Xa non hai Centro Drámatico Galego, senón Teatro Nacional de Galicia. Xa non hai Museo do Pobo Galego, senón Museo Nacional de Galicia. Xa non se fala en termos provincialistas de "nación de Breogán", senón de Galicia: Nación.
Revisión das normas
A causa dos constantes apelos ó sentido común dos e das galegas, ata os pais e nais máis castelanfalantes recoñecen e aceptan o valor pedagóxico, cultural, cívico e universal da lingua materna de Galicia e da súa importancia na formación dos nenos. Confórmanse co sistema educativo galego, onde xa se imparte case todo en lingua galega, dada a imposibildade de que medre un neno en Galicia sen que aprenda e fale castelán por osmóse. O castelán comparte un lugar necesario e educado ó carón doutras linguas semellantes, coma o inglés e o chinés. Xa fican esquecidas aquelas campañas paifocas, filisteas e absurdas en contra dos poucos topónimos galegos que hai. Falar galego non é só falar ben: é facer cidadanía, é facer país, todos os días. Dende San Caetano ó Consello da Cultura, dende o parlamento ás aulas universitarias, escóitase todo en galego non por obriga, senón por respecto e a arela común de facer solidaridade cívica. En 2020 houbo unha revisión das normas lingüísticas, cunha aproximación realista e medida cara ás dúas beiras do Miño. Os novos e novas galegas teñen que aprender o galego por medio duns cursos gratuítos nos centros de desenvolvemento locais, a modo da lei 101 quebequesa, e como condición para chegaren a ser cidadáns galegos.
Os interlocutores da televisión galega xa non empregan un galego mimeticamente castelán, senón que se atreven a falar nos acentos de cadansúa zona, tal como acontecera na BBC durante os anos 90. As novas principais redáctanse dende un enfoque nacional galego, informando sobre o mundo para e dende a nación galega. Hai dous programas de novas principais: as internacionais e nacionais, seguido polas novas locais que se emiten conforme a provincia: a xente de Lugo ve emisións relacionadas coa realidade luguesa, etc. Un informativo sobre unha guerra en Oriente Medio xa non acompaña o roubo dunha becerra en Sanxenxo.
Vangarda de dereitos
Civicamente, Galicia cumpre a derradeira vontade daquela “mente fermosa” súa, Otero Pedrayo, de colocarse á vangarda dos dereitos humanos. Decátase de que non experimentar a inmigración a grande escala non implica que non exista, e de que un guetto de 10 senegaleses non integrados na comunidade non deixa de ser un guetto porque o compoñan poucas persoas. Ábrelles a porta e os seus fogares ós novos galegos e galegas, que se achegan de preto e de lonxe para identificarse coa cultura, coa nación e coa lingua do país adoptivo. Xa é unha auténtica célula da universalidade ó non insistir en que todos os seus fillos e fillas sexan misticamente celtas sen a máis mínima pinga de sangue mouro (ou calquera outro). A lingua rexe e garante o compromiso individual mínimo co contorno galego, sexa cal for o ADN ou o país de orixe. Ser galego é un sentimento aberto a todos e todas. Aquel galego tamén era universal...
Economicamente, Galicia acadou un modelo de enerxía limpa e ecolóxica, que vai compensando por tantos anos de abuso hidroeléctrico dos grandes encoros e das minicentrais. Gusta de parques eólicos no mar, unha maior presenza de placas solares, aproveitamento da enerxía das mareas, brisa atlántica... Con respecto ó modelo urbanístico, xa superou a corrupción, e respecta tanto as normas como a tradición, pero sen medo a avanzar e experimentar novas solucións. Xa conta cun marco urbanístico xeral e común: para gobernar, os responsabeis locais teñen que contar con formación e coñecementos para decidir cada caso concreto. Dende hai décadas, Galicia ben sabe que a incorporación de máis espazos verdes ás cidades é a solución ó despoboamento do interior, e vaino xestando. Tamén aproveita a súa tradición rural para ser unha especie de cidade-xardín, onde as fronteiras entre o urbano e o campo quedan esvaídas nunha simbiose fructífera.
Rede de embaixadas
A nivel internacional, a nación galega xa conta cunha rede modesta e estratéxica de embaixadas, que traballan en paralelo co Instituto Castelao e cos xa máis de 100 centros de estudos galegos espallados polo mundo. Dende Santiago de Compostela, o servizo diplomático galego coordina a escala mundial e dende Galicia as funcións políticas, culturais, sociais e institucionais desa Galicia global que leva construíndose dende os primeiros anos do terceiro mileno, para así aproveitar positivamente ese risco negativo da historia social de Galicia mediante a optimización dos recursos humanos e materiais da diáspora. O corpo diplomático radicado en San Caetano funciona man con man con Política Lingüística e outras consellarías. Coordina a presenza maior de Galicia nas feiras comerciais arredor do mundo. Xestiona a venda de granito do Porriño, do queixo de tetilla, das conservas, da literatura, da música e do cinema galego, ademais do viño, do licor café e da augardente a nivel mundial. En particular, xestiona a promoción e total difusión da galeguidade mar por medio, como lle corresponde á nación galega mercé á súa poderosa diáspora e á súa forte identidade europea no século XXI. As súas actividades representan, xunto coa loita para defender a potenciar o uso da lingua galega, a misión máis importante que ten que cumprir a identidade galega en tempos modernos. Moito choveu dende que saíra aquel anuncio inocuo dunha cadea de supermercados xa defunta, que por primeira vez en termos masivos trocou e transformou as antigas vergoñas e estigmas impostos na psicoloxía nacional por virtudes resplandecentes. Vivir como galegos e galegas do século XXI, e non do XIX.
Pode que acusen as persoas que imaxinan utopías de ser inxenuas. Pois ben: eu son e serei inxenuo, orgulloso de selo e encantado. Con todo, as utopías seguen estando en ningures sempre que non nós arrisquemos a soñalas, ou se nos deixamos amargar tanto que nos rendimos diante da realidade asoballadora. A terra prometida é a que nos prometemos e sobre todo a que labramos. Naqueles soños escomezan esas responsibilidades verbo do futuro. Futuro en que xa nos atopamos, que xa estamos a vivir, sen decatarmos sequera, sen que acontecese do todo inda. E non sería magnífico vivir o futuro e gustar del ó mesmo tempo? Facelo aparecer grazas á nosa enerxía? Facérmonos donos del e sermos conscientes de acadar non as metas dos nosos antecedentes, senón as nosas propias, aquí, hoxe, xa, mañá (ou pasado como moi tarde). Vivir nun futuro que sucede tal como o modelamos (ou máis ou menos). Xogo de mans, xogo de mentes. Eso si que sería máxico...
É profesor titular de filoloxía galega e hispánica da Universidade de Cardiff, Gales. Previamente, foi director do Centro Escocés de Estudos Galegos que ten o seu berce na Universidade de Stirling. Previamente, licenciouse en Estudos Hispánicos na Universidade de Birmingham (Reino Unido) en 1996, e no 2002 doutorouse na Universidade de Oxford coa tese titulada A identidade cultural galega nas obras de don Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976). (Mellen, 2006). »