Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Craig Patterson

Sismo en Escocia

13:12 07/05/2007

Dende máis alén da muralla de Hadrián, xorde un cambio electoral sísmico que cambia o universo político desas illas británicas. Xa era hora, e coincidiu co aniversario dos 300 anos da unión política entre Inglaterra e Escocia. Por primeira vez dende 1955, o laborismo escocés non acadou a maioría, especialmente cando teñen dominado o parlamento escocés dende a súa inauguración en 1999. Marca así mesmo a primeira vitoria global na historia dos e das nacionalistas escocesas do SNP, que gozaron unha suba de 20 escanos o 3 de maio pasado. Segundo o seu líder, Alex Salmond, durante a incerteza que se vivía mentres se recontaban os votos, “aínda non queda claro quen gañou, pero si fica patente quen perdeu”.

As cifras. Primeiro os escanos: SNP 47, New Labour 46, os conservadores 17, e os demócratas liberais 16. En termos do control do parlamento escocés, eses datos implican que o SNP obtén o 33%, as e os novos laboristas o 32%, as e os conservadores o 17%, as e os demócratas liberais o 16% e os demais partidos un 2%. Se as eleccións fosen rexidas por un sistema autenticamente proporcional, o SNP contaría con aínda máis presenza nas Cortes escocesas. Tamén foron unhas das eleccións británicas máis caóticas e intensas dende a segunda guerra mundial. Dese auténtico esperpento electoral ten a culpa o parlamento escocés, que non fixo caso dun informe científico que aconsellaba non celebrar as eleccións dos concellos e mais as da cámara lexislativa escocesa no mesmo día, sobre todo cando se ensaiaba e estreaba o novo aparato técnico para contar os votos. Tivéronse que rexeitar uns 100.000 votos; nalgúns lugares do país ás veces os votos nulos chegaron a superar os votos cos que contaba o ou a candidata elexida. Con todo, o SNP representa agora o partido maioritario na cámara escocesa, e Alex Salmond será seguramente o primeiro ministro en Holyrood. Agora comezan as conversas con liberais e verdes para acadar unha maioría no parlamento e para darlle o visto e prace á candidatura de Salmond como “first minister” dentro dos próximos 28 días. Comeza pois a loita para acadar a autoridade moral do parlamento escocés. Dende o punto de vista do SNP, búscase o vieiro incerto cara á independencia e cara ó plebiscito prometido no seu programa electoral para o ano 2010. O SNP terá que pactar con outros dous partidos, todos unionistas e abraiados coa posibilidade da esnaquización do Reino “Unido”. Se cadra, o SNP terá que buscar compromisos que condicionen a súa meta principal de levar a cabo un referendo ó remate da vida do seu primeiro goberno. O problema reside claramente en identificar aquel terreo común que xace na dialéctica nación-unión.

O resultado das eleccións implica a fin do que Salmond denominaba “o dereito divino dos novos laboristas” de gobernar Escocia. Con todo, non creo que a cuestión da independencia influíse de maneira principal no xuízo ó que o pobo escocés someteu os partidos. Ese resultado é o produto dun voto protesta. Creo que hai 3 factores principais que explican a vitoria do SNP máis alá dunha pura aprobación da súa misión de levar o pobo escocés á autodeterminación. Primeiro, e a curto prazo, o voto en contra da campaña negativa por parte dos e das novas laboristas, que demonizaban o SNP cualificándoos de separatistas tolos e que apelaban o medo irracional con respecto á ruptura desta unión política de 300 anos. O mesmo Blair e mais o futuro líder dos laboristas, Gordon Brown, elaboraron unha campaña de medo que profetizaba o “caos e inestabilidade” tras unha vitoria nacionalista. Blair mentía: xa está afeito. Alex Salmond respondeu co seu tino habitual ó lembrarlles que o dereito divino dos príncipes xa quedara borrado da historia escocesa. Segundo, e a longo prazo, débese tamén á percepción por parte do electorado escocés do comportamento do goberno neolaborista en Londres respecto da guerra en Iraq: o casus belli inventado e o fracaso de xestionar unha sociedade estábel derrotadas as forzas de Sadam. Terceiro, e sobre todo, esas eleccións escocesas achegan un xuízo irrecusábel do réxime Blair, cosmético primeiro ministro a piques de rematar os seus 10 anos no cargo. O desafío de colaborar cos escocesistas queda nas mans do seu sucesor, Brown, el mesmo escocés e defensor arduo da unión que rexe a existencia do actual Reino Unido. Ter que tratar coas delegacións de Salmond que visitarán Londres a cotío significa un auténtico pesadelo para Brown e unha morea de tensións políticas se cadra insuperábeis.

Sendo inglés, vivir en Escocia fíxome un gran favor á hora de votar nas eleccións municipais e nas nacionais. Incapaz de votar polos conservadores por mor da miña cosmovisión e sobre todo por medrar nunha Inglaterra malferida polos longos anos do dominio Thatcher, axiña quedei decepcionado e mesmo resentido pola traizón que Blair lle fixo ós valores socialistas do vello partido laborista. O meu voto atopou un acubillo no Partido Verde ata a miña chegada a Escocia hai 3 anos, cando o vieiro político máis lóxico e prometedor semellaba ser, e segue sendo, o do SNP, partido que busca solucións locais a problemas locais sen deixar de contar nunca con aquela universalidade necesaria para calquera movemento nacionalista que pretende representar a súa comunidade plural, e existir pacificamente no século XXI. Os pulos nacionalistas galegos e escocesistas comparten o mesmo problema ó ter que pactar cos demais: aquel medo irracional ó cambio decisivo no corpus político e tradicional que os partidos estatais explotan sen fin para protexer os seus intereses. Non estou nada convencido de que o pobo escocés se comprometa a grande escala coa independencia. Tampouco penso que lle aterre tanto a posibilidade dun novo ensaio na superestrutura política do seu país, a base da experiencia en gran parte positiva do seu propio goberno autonomista. Pero a cuestión é que teña dereito á posibilidade de expresar esa opinión. As e os novos laboristas, liberais e conservadores poderían optar por ser o avogado do demo e apoiar a vontade do SNP dun plebiscito, para así escorrentar durante varios lustros a comezos do século XXI esa suposta ameaza da independencia. Son ben conscientes desa posíbel estratexia, pero non a perseguen porque lles convén e interesa máis a loita a prol do monopolio do poder político, en lugar de darlle voz a unha vontade popular que non é a fin de contas totalmente separatista. De momento.

Con todo, esa vitoria d@s nacionalistas escoceses/as e a independencia posíbel implica máis para Inglaterra e Gales que para a propia Escocia, e así mesmo a auténtica restruturación política do que será o antigo Reino Unido. As sondaxes suxiren que os ingleses e inglesas que non se poden clasificar como unionistas acérrimos favorecen a independencia escocesa para así darlle pulo á posibilidade dunha cámara autonomista inglesa, distinta ó goberno británico en Westminster. Ademais, os acontecementos de Escocia obrigan os e as galesistas do Plaid a conformarse decisivamente coa autonomía actual ou a pisar o camiño que os dirixa cara a unha independencia auténtica, e así construír unha política máis robusta, amparada por un novo liderado dinámico e decisivo. Lembremos que o Plaid roubou 3 escanos do novo laborismo a semana pasada e agora representa, xunto cos e cas conservadoras, a forza política alternativa máis poderosa en Gales.

O mundo no que se creara o Tratado da Unión o 1 de maio de 1707 deixou de ser o noso xa hai moitísimo tempo, e non temos menos en común cos marcianos que cos habitantes das illas daquela. O baleiro ó que saltamos non ten que dar medo, porque non é un baleiro: o futuro connota tanto optimismo coma pesimismo, xusto coma o pasado, a diferenza de que nós temos capacidade de moldear algo máis os tempos vindeiros cós xa pasados. Réndome á tentación de recorrer á paráfrase profética, pondaliana e algo clixé: a luz para o caduco Reino Unido virá e xa chegou de Escocia, sexa independente ou non. Mellor esa luz nova, tímida pero prometedora, ca un pasado herdado e repetido sen fin por mor do medo manipulado.

Coda: foi elixido Bashir Ahmad, o primeiro deputado de orixe asiática que entrará no parlamento escocés. Hei de engadir que Ahmad pertence ó SNP.

3,94/5 (35 votos)



Craig Patterson

É profesor titular de filoloxía galega e hispánica da Universidade de Cardiff, Gales. Previamente, foi director do Centro Escocés de Estudos Galegos que ten o seu berce na Universidade de Stirling. Previamente, licenciouse en Estudos Hispánicos na Universidade de Birmingham (Reino Unido) en 1996, e no 2002 doutorouse na Universidade de Oxford coa tese titulada A identidade cultural galega nas obras de don Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976). (Mellen, 2006). »



Anteriores...