Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Craig Patterson

Crónica Cubana (as faragullas da miña mesa)

14:25 11/01/2008

En Cuba fálase de “se” Fidel morre, non “cando”...

Soñar ós 16 anos co idealismo do Che e coas borracheiras do Papa Hemingway. O daquiri no Floridita, ata a vitoria sempre co mojito no Bodeguita do Medio. Agora ós 34 a pasar todo pola peneira do galeguismo da Galiza global e esa cosmovisión que xace no pos-posmodernismo que aínda non semella ter rumbo concreto. Bibliografía: a Rough Guide, a triloxía suxa da Habana de Juan Pedro Gutiérrez, os consellos anecdotais do exemplar Barrera do Bar Millo de Ribadeo, e Our Man in Havana de Graham Greene. Un entretemento.

Dar coa galeguidade filolóxica na Cátedra de Cultura Galega no 15 aniversario do galego na Universidade da Habana. Ver de preto o labor marabilloso de Ana María González, José Antonio Baujín, Astrid Santana e Arantxa Fernández Crespo. As cantigas galegas pasadas polo prisma do Conservatorio. Os rapaces falan en voz baixa e con disimulo dos anos 90 e do que nunca se saberá fóra da illa. Ansiedade de comunicar con ese marciano inglés. Despois, perdémonos camiño ó hotel polas rúas da profunda Habana, sexa a suxa ou non. Ver de fronte e sen lentes de sol a Revolución e o embargo facendo un amor grotesco diante da fame cotiá. As masas en contra das clases? Festa en Miramar e coñecer o bo do Líber, único cubano que pretende e prefire quedar no país. As pantasmas de Cabanillas e de Valle andan polo Malecón e están de faladoiro no Hotel Florida. A Galiza da diáspora segue militante e viva. Pedro Trigo, vello galeguista que combateu co Fidel. Antonio Fidalgo, presidente ourensán do Consello de Residentes Españois. O vello centro galego onde non quixera morrer Curros, agora García Lorca.

Andar pola Habana vella, a cidade máis fermosa das Américas que cae a cachos. Entrar nas tendas. Mágoa do art deco encanastrado. Ver o que hai. Así tiña que ser a Inglaterra da posguerra na infancia dos meus pais. Vida racionada, falta de cores brillantes incluso baixo un sol caribeño. Comer pito super frito mentres se nos tentan vender dúas rapazas. Está de visita Chávez acompañado polo Raúl, pero ó irmán non se lle ve. Diversión nocturna: latricar e evitar os jineteros. Rexeitar 15 putas en 10 minutos na discoteca do segundo andar do Hotel Havana Libre. Fumar un Cohiba auténtico. Envelenarmos coa sobredose do monóxido de carbono botado polos coches herdados dos anos 50. Escuridade das rúas habaneiras. Xa, pero en La Guarida cómese ben. Se non es cubano, claro... Aquela estatua, aquel anxiño da escaleira debaixo do que se agochan na película: aínda lle falta cabeza.

Putas, puros, paladares...

Viñales semella outro mundo pero non o é completamente. Xa son as 12. Hoxe naceu Xesucristo. Hoxe bailo por petición cunha nai solteira tan linda e tan tolamente namorada de min que non busca nada máis cós meus cartos primeiro-mundistas. O encanto das zonas grises da vida. Hoxe ando a cabalo pola terra dos Mogotes. Falo cos cochos que se alivian do sol bañándose no río e fago coma eles no cerne da cova. Bailar para esquecer. Che, que hai de ti, amigo comandante? Aquí acabaron os últimos nativos da illa, e aquí se refuxiaron os escravos negros feitos cimarróns nas covas dos mogotes, se cadra baixo un ceo estrelecido coma ese. Pero non en Cadillac. Eses jineteros son capitalistas natos. Putas, putos, puros, paladares. Pásame o ron, anda.

Bailo ata Cienfuegos e a cea de tartaruga e lagosta nun paladar secreto. No Teatro Tomás Terry lémbrome da anécdota contada por Pring-Mill en Oxford. Pero Pablo, por que non lle escribiches ti unha oda ó Che cando xa o fixera todo o mundo antes da fin dos 60? As lembranzas de Neruda na Habana cando xa se asentara a Revolución. As conversas cun Che xa aborrecido despois do remate da acción intensa da sublevación. Un día pesado e caloroso. Ogallá estivese no monte outra volta, dixo o Che, matando a xente de novo. Ninguén é perfecto, nin sequera el. Putada da verdade. A arte e a vida, eterna discrepancia. O Che da película e o Che da vida. Este si que compartiu a puta no paquebote co seu amigo. Este si gastou os cartos sen darllos á parella india oprimida. Non sei se cruzou o río nadando. Non o creo.

O cabaré e o camp do Cabo Azul. Bailando coas rapazas negras mentres o jinetero lle rouba ó meu amigo camiño do bar. Merda. Non nos queda ron. Xa pesa a monotonía da dieta. Mouros e cristiáns acompañan os mouros e cristiáns. Se non pode ese señorito despois de 10 días, como pode ese pobo despois de tantos anos? A min encantaríame crer se puidera, pero véxoos agardandos esas faragullas que tiro sen coidado da miña mesa... Buscar respiro na Coppelia. Pero hai dúas entradas. Nunha, fan cola os nativos. Pola outra, déixame pasar o garda porque enriba da miña cachola reloce un símbolo invisíbel do dólar, da libra, do euro, do todo menos cubano. Pido o xeado máis complexo que sae na carta pero non hai. Non queda nada. Nada máis có xeado básico da casa. Delicioso por certo, aínda que sabe a faíscas porque meu padal xa é servo dos meus ollos e da miña mente, e non podo esquecer a xente arredor mirando. Ten que ser unha das cousas máis deprimentes que teño visto. Quen ten e quen non ten. E eu no seu país. Ese pobo cubano que sofre a desigualdade constante de ver pasar diante dos fuciños un desnivel de riqueza e benestar dende fóra. Ver como gozan os demais de cada privilexio da súa casa. E ese pobo cubano non nolo bota na cara. Se acontecese no meu país, na miña vila, sería eu capaz de semellante e nobre ecuanimidade? Non o creo. Os cubanos piden e explican, aturan e sobreviven sen malicia contra os afortunados, porque somos nós os que queren ser eles. Agora entendo, agora vexo aquel can morriñento que evoca Castelao no Adro. Pobreza canicular. Os cans cubanos son dos máis tristes. Son cans darwinistas loitando pola vida. O agarimo que lles dou parece o primeiro do que gozaron na súa cativa vida. Non deixo de pensar que ninguén debería vivir así. Nin tampouco un can. Das faragullas caídas da miña mesa.

E logo aterramos noutro planeta chamado Varadero. Longa península de hoteis de luxo. Instalacións turísticas onde non vai ningún cubano a non ser que traballe nelas. Alemáns, rusos, europeos do leste, algún británico ou canadense. Todo incluído. Comer e beber ata fartarse a toda hora do día. En que país estamos? Parece que xa marchamos de Cuba. Saturnalia da cea da fin de ano. Dígolle ó amigo: iso é obsceno. Iso é esperpéntico sen o menor chisquiño de humor. Comedores enormes cheos dalgúns cidadáns do primeiro mundo papando ata caer. O camareiro éncheme a copa de champán sen cansar e pide que lle traia mazás do mostrador, xa que o despiden se o collen con elas. Para o cocho do xantar especial do día do aninovo? Para eses porcos, contesta, amosándome dúas fotos dos nenos. Paseo nocturno pola praia abandonada. Alá está a Florida. Tan preto o inimigo. Bush? O capitalismo? A democracia? Algúns son máis inimigos cós outros.

Aluguer de moto para dar unha volta polo campo. De súpeto, a beira da estrada, paro a moto e ofrézolle viaxe a unha muller que pretende coller “botella” depois do remate da súa quenda nun dos hoteis grandes. Onde vas? Cárdenas. Canta distancia hai? 5 quilómetros. En verdade son 15, e de camiño vaime facendo suxestións sobre un comercio posíbel entre eu, o amigo que vén na moto de atrás e maila súa amiga mulata “boísima” de 19 anos que nos agarda en casa. Chegamos observados pola poboación enteira da vila. Rexeito cortesamente a oferta da muller. Explícolle que o de darlle viaxe gratis fora a miña humilde maneira de contribuir á Revolución. E busco gasolineira. O amigo semella aliviado.

Última noite en Varadero, en Cuba. Forte conversa cuns polis por mor de falar cunhas cubanas simpáticas nun bar. Ameazan con mandarmos para falar con Emigración. Así tiña que ser o franquismo, penso. A pesadez do control do poder na vida persoal. Se quero ser ceibe eu, que queren eles? Comer ben? Gañar máis? Viaxar? Opinar en voz alta e sen medo? Votar seriamente por primeira vez dende 1959? Amosar autenticamente ou non o seu compromiso coa Revolución? Socialismo sempre si. Pero sen dictatura, por moi “benévola” que sexa... Ledicia de dicir en voz alta que me cago en Fidel por moi galego que sexa, tamén en Raúl, en Bush, no embargo, en Blair, en Kennedy, en Kruschev. Cagar en tódalas ideas que encadean un pobo que segue sufrindo unha realidade que por ben ou por mal xa fica moi caducada.

Democracia imperfecta
A democracia imperfecta alumea as rúas á noite. A democracia imperfecta deixa opinar. A democracia imperfecta permite realizar os soños (e tamén os pesadelos). A democracia imperfecta permite que digas se estás de acordo ou non coa Revolución. Conformaríamos nós cunha realidade imposta sen eleccións democráticas? Creo que non. Entón non esixamos que se conformen con ela os cubanos por mor da nosa patética vaidade intelectual que finxe ser de esquerdas mentres goza de tódolos beneficios do mercado libre, e moi lonxe da illa. Sempre a mesma historia: pero ti cres que as nosas eleccións serven para algo? Típica resposta dos do Partido. Non tanto como quixeramos, pero ter témolas. Come ti cocho con arroz tódolos días sen posibilidade de ver outra realidade. A materia e o espírito. A idea de 1959 fica derrotada, sexa a que sexa a nosa cosmovisión. A súa economía artificial era tan frouxa coma toda economía: apostar e arriscar é o alicerce no que se basea a nosa forma de vida. Darlle paso ó camiño da democracia cos seus riscos consumistas é o que queren todos os cubanos cos que falei, a pesar dos perigos espirituais e ideolóxicos. O que era bo do ideario revolucionario cubano ha de adourmiñar no cerne da mente colectiva, pase o que pase. Lembranza da lectura do “Home Novo” do Che mesturada co comentario da rapaza despois do roubo do jinetero en Cienfuegos: os cartos mangados irán ó pobo, ós nenos, á nosa economía. Pensamento colectivo, aínda que ela tamén quería marchar da illa...

En toda a extensión do Malecón, só hai un hotel. O Deauville, art deco de segunda clase xa esvaecido. Dentro de 20 anos vai estar ateigado de hoteis asentados nos edificios recuperados e restaurados a base de cartos: cartos de fóra. Moitos deles dos petos do cubano exiliado. Se cadra tamén haberá algún McDonalds: unha peaxe que haberá que pagar. Eu estou co de 1959, e aborrezo o que representaría unha invasión comercial (“ianqui”), pero se así un cubano pode gozar do que gozo eu, eu mesmo pagarei a peaxe do meu peto culpábel. E así volverei a Cuba para gozar da viaxe con eles.

Cuestión de cando, e non de “se”.

3,39/5 (80 votos)



Craig Patterson

É profesor titular de filoloxía galega e hispánica da Universidade de Cardiff, Gales. Previamente, foi director do Centro Escocés de Estudos Galegos que ten o seu berce na Universidade de Stirling. Previamente, licenciouse en Estudos Hispánicos na Universidade de Birmingham (Reino Unido) en 1996, e no 2002 doutorouse na Universidade de Oxford coa tese titulada A identidade cultural galega nas obras de don Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976). (Mellen, 2006). »



Anteriores...