Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

Coa bandeira ergueita!

20:14 12/11/2007

"...cando morre un idioma morre un pobo..."
Antón Vilar Ponte, "A bandeira ergueita", ANT, nº1. A Coruña, 1916

O Mapa Sociolingüístico
Unha realidade que cada día máis palpábel estaba a ser nos últimos anos, o avance demoledor do español sobre o galego na nosa sociedade, vén de ser publicitada semanas atrás. Tal e como varios medios de comunicación teñen recollido, a publicación do segundo volume do Mapa Sociolingüístico da Galiza (do 2004, aínda que editado no 2007) amosa como as cifras de galegas e galegos que falan na lingua do país de xeito preferencial descendeu enormemente, parello ao aumento alarmante do número de monolingües en español.

A tendencia fica clara até tal punto que se non se lle pon remedio á situación, podemos saber da falta de futuro que lle agarda ao noso idioma en poucas décadas. Reparemos, neste senso e segundo este estudo, en que nas nosas cidades menos dun 10% das mozas e mozos (entre 25 e 34 anos) falan con normalidade, como monolingües, o galego e que a escala nacional menos dun 20% dos entrevistados din falar exclusivamente decote o noso (e seu tamén) idioma.

Houbo quen desde a administración autonómica se apresurou a indicar que máis fondos públicos se adicarán a prestixiar o galego; porque seica é disto do que aínda o idioma adoece e que lle dará novos folgos. Contodo, sabemos que o idioma non é disto do que precisa, de facto os inquéritos falan de que socialmente o galego conta con máis prestixio que nunca, mesmo segue a ser comercialmente un “elemento” altamente atractivo. Por outra banda, sabemos que nos inicios do s.XX cara un 90% dos nosos compatriotas eran monolingües no noso idioma e de prestixio a nosa lingua pouco, e é que, por moi irracional que resulte, na historia da nosa lingua nos últimos douscentos anos, cando menos, dáse unha proporción inversa entre número de galegofalantes e o prestixio social do idioma.

E cal é o problema, logo? Por que camiñamos cara unha Galiza nada galega e toda española (...de gaitas, mais con farrapos ‘rojo y gualda’ e esas cousas)?.

Desde logo o problema non é unívoco, nen doadamente resumíbel nun texto de opinión, para alén de un non ser sociolingüista para elaborar ensaio algún sobre a totalidade desta cuestión en tempo presente. Contodo, o que si gostaría é de apuntar cara a localización, ao meu modo de ver, de parte do problema.

Na defensa da lingua?

No que atinxe ao idioma acontece socialmente o que ocorre en non poucos casos co medio natural (coas corredoiras, co monte...): a sociedade desenténdese del en trazos xerais, porque xa está para a súa conservación a administración, que é a depositaria duns fondos a tal efeito. Non hai unha necesaria asunción dunha alicuota parte de responsabilidade que todas e todos temos co común, co público.

A lingua, “patrimonio común” desta nazón que a paríu e que chamamos Galiza, padece tamén desa falta de sostén social. De facto, aquelas e aqueles que deberan (deberamos) ser modélicos na loita en defensa da lingua, léase as e os nacionalistas, fan (facemos) colectivamente deixazón das súas obrigas militantes. Este fenómeno deriva dalgo tan novidoso na historia do nacionalismo galego como o facto de ficar secundarizada a loita polo idioma, noutrora epicentro da loita pola “liberación nacional”, en favor doutros ‘cabalos de batalla’.

Sen ir á criazón das Irmandades da Fala a inicios do s.XX para verificarmos a importancia que no nacionalismo galego tivo sempre a lingua (como polo xeral en todos os nacionalismos, loxicamente!), mais facendo certa retrospectiva, non nos enganamos de afirmarmos que o soberanismo galego deu artellado un movimento de defensa da lingua, hai a penas dúas décadas e media, que mantivo unha presión social favorábel ao idioma, até o punto de poñelo de moda e que foi responsábel de darlle novos e novas falantes. Lembramos?.

Claro, un movimento vizoso este nun tempo no que unha outra Galiza (e un outro mundo!) se vía posíbel. Un tempo no que o derrube da ditadura franquista e a realidade internacional, sen dúbida, deran folgos, novo esíxeno, aos movimentos de emancipación nacional. Un tempo no que o nacionalismo galego vía posíbel o que se estimaban obxectivos estratéxicos a atinxir e polos que se mantivo unha loita co Estado (español) e coa nazón que este representa e defende.

Face aquela realidade chegamos á actual na que con máis carnés expedidos que nunca, o nacionalismo galego menos activistas, menos militantes, estrito senso, ten, nomeademente na loita polo idioma. Non só non houbo na última década (non está a haber) recambio xeracional (nen actualización das tácticas, discurso... respeito á actual realidade), senón que parte da militancia de noutrora fica (lexítimo e razonábel até certo extremo) desactivada en comparanza cos níveis de adicación e intensidade no traballo de (re)construción nacional e normalización da lingua de hai dúas décadas. Como consecuencia, a presión social favorábel ao idioma que se daba nos anos oitenta (mais tamén en parte dos noventa) fica desaparecida.

Parello ao indicado, dáse un claro reartellamento dos valores lexitimadores do español na Galiza, encubertos dunha falsa defensa da “tolerancia”, a “convivencia en pacífica”, etcétera, etcétera, aproveitando, mesmo, porque todo vale, a inmigración, que sempre ben vida sexa na súa integración harmónica no noso entorno.

Que o nacionalismo galego está hoxendía no máis alto dos seus triunfos no plano político-administrativo é certo, mais que polo momento isto non está a ter unha tradución prática positiva en relación ao idioma tamén fica claro. Que a defensa da lingua caeu nunha ritualización de certas datas (caso do 17 de maio) e que peca das sempre perigosas rutinas -en forma e fundo-, perdendo peso no ensino, eido no que máis necesario ca nunca é (porque das cativas e cativos, en grande medida, depende o futuro do idioma e do país), non é menos certo...

Ninguén cuestiona que os esforzos sinceros en favor do idioma desde distintas áreas da administración sexan improdutivos, faltos de interese... ao contrario, ben vidos sexan -caso das Galescolas!-. Mais que cómpre reactivar a loita na rúa -é dicir en todas e cada unha das esferas da vida, en todos e cada un dos ámbitos de uso lingüístico- en favor do noso idioma debera ser obvio; de desexarmos, claro, unha Galiza normalizada. Para isto era bon sermos intransixentes (con inxenio, claro) co uso normal do idioma na nosa vida pública e privada (máxime na educación dos nosos cativos e cativas) e abandonarmos posicións permisivas, derrotistas... máxime cando aínda partimos dunha situación para a recuperación maioritaria do idioma óptima.

En definitiva, é necesario volvermos a 'bandeira ergueita'!

3,29/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...