...e que volten para casa!
Hai década e media, moitas e moitos lembraredes unha campaña que se lanzara en favor da autodeterminación. Corría o ano, se non falla a memoria, 1993 e unha bela rapariga, de trazos máis asiáticos que galaicos, reclamaba a libre determinación para o noso país. Esta campaña, iniciativa da organización xuvenil Galiza Nova, desenvolverase ao longo e ancho do país; locais sociais, centros de ensino, de traballo, mesmo bibliotecas, foron o escenario escollido para a celebración de múltiples actos.
Daquela a Sala Nasa, sempre comprometida coa nosa cultura e realidade nacionais, albergou un concerto no que actuaban Skornais e Os Túzaros, lamentabelmente bandas hoxe desaparecidas.
Probabelmente nunca unha organización xuvenil mobilizara (nen mobilizou) a tantos centos de mozas e mozos en clave autodeterminista. Este feito non o pasou por alto o españolismo e no marco desa impactante campaña aquel tentara impedir a celebración de múltiples actos.
A historia gosta de se repetir
Estes días as rúas do país amenceron con cartaces convocando a sumármonos a unha manifestación para o 6-D. A plataforma cívica convocante, Causa Galiza, chama ao pobo galego a reclamar o seu dereito de autodeterminación a última hora da mañá.
Para a noitiña unha outra plataforma, Que voltem a casa!, convoca á cidadanía a participar dun concerto. A Sala Nasa, outravolta, é a escollida para albergar un outro concerto pola autodeterminación e o achegamento à Terra para dous raparigos presos fóra do país sen xuízo algún, para alén do mediático, claro. Este encontro musical está chamada a pór o broche de ouro aos diversos actos patrióticos a desenvolver nesta xornada; coa presenza, para alén de Vai e Skarnio, d’A Quenlla coas voces históricas de Fuxan Mini e Mero.
Confundindo ‘churras con merinas’, que dirían en España, ou, como aquí dicimos, allos con bugallos, mesturouse intencionadamente este evento con termos facilmente manipulábeis (e tremendamente deformados, tal e como a ONU afirmou hai días atrás). Así, o españolismo organizado aseverou que esta velada musical serviría para enxalzar a ‘aprendices de terroristas’ e que os seus promotores incurrirían en ‘apoloxía do terrorismo’ coa convocatoria da mesma.
Manda truco. Mais unha vez, a historia gosta de se repetir.
A censura de dereitos básicos
Tal e como teño escoitado tantas veces no madrileño bairro de Salamanca, ‘al pan, pan y al vino, vino’: estase tentando, mais unha vez, censurar o dereito a reclamar o dereito de autodeterminación do pobo galego e a exixencia de cumprimento da propia lexislación española, na súa Lei Orgánica Xeral Penitenciaria e no artigo 25 da Constitución en relación a dous cidadáns galegos. Nen máis, nen menos.
Eis a cuestión!
En rigor, por unha banda temos como se esixe o cumprimento de dous dereitos amparados pola lexislación internacional (e mesmo explicitamente pola española no referido á cuestión penitenciaria), e por outra, como dereitos básicos son contrariados por unha visión unidireccional da realidade ao servizo do pensamento único.
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »