Fai pouco volvin a ter a oportunidade de conversar logo de moitos anos, non menos de 25(A Coruña), coa miña amiga “Ksiusha” un pouquiño antes de entrar a un espectáculo na capital de Galiza. Aínda que foi quen, unha vez máis, de despexarme algunha das miñas dúbidas a respecto de varias cuestións políticas que me ocupan e preocupan, o cumio do G-20 que disque vai “refundar o capitalismo” ou o papel do colectivo nunha organización ou mesmamente nas formalmente chamadas e recoñecidas maioritariamente como sociedades democráticas, tamén me foi xerando, algunhas máis.
Lembrou que en setembro do 1995 a Fundación Gorbachov convocou, máis menos, a mil cincocentas persoas (líderes de primeira orde), que unha boa parte xa se autoconsideraban “elite”. A selección para conformar a nómina de persoas asistentes non estivo exenta de presións e sen criterios claros ou cando menos sen explicacións; tamén me dixo que quedaran fóra unhas pouquiñas mais, cuxa integración non crearía problemas de loxística , pero que interesou facelo asi porque contribuía a crear un microclima de oferta e demanda polo que mesmo algún, negouse a participar en tal perversidade.
Xuntáronse no auditorio do Hotel Faimont de San Francisco(EE.UU), para analizaren o destino da humanidade. Este foro non tiña como obxectivo analizar as causas dos problemas que condicionan á maioría da humanidade; a convocatoria fora feita para autoxustificar unha liña de actuación única e posíbel, iso si cuberta da coartada da eficacia. As normas eran interpretadas por unha especie de sanedrín (“a elite da elite”), e no debate o tempo era de dous minutos máximo. Incluso alguén se atreveu a preguntar por algún aspecto normativo, e pouco menos que foi cualificado de intruso ou iluso, non recordo o cualificativo.
O evento comezou recoñecendo que, no século actual, só dúas decimas partes da poboación activa serían quen de manter a actividade da economía mundial. Sobre esta afirmación os convocados tiñan que formular unha tese que dese resposta ao principal problema político ao que o sistema capitalista tería que se enfrontar, como se podería manter a gobernabilidade da humanidade sobrante, cuxa inutilidade era programada pola súa lóxica.
Tras o debate, a solución que se impuxo foi a proposta feita por Zbigniew Brzezinski, co nome de tittytainment que debe ser unha verba polisémica, dicíame ela, porque trata de definir unha mestura de entretemento noxento e de comida suficiente que permita controlar a frustración da maioría, iso si, pedindo en troca que cando menos voten cando sexan convocados aínda que sexa como “brazos de madeira”.
Sendo unha análise cínica e desprezativa, afirmou a miña amiga, ten a vantaxe de saber o papel que as devanditas “elites” asignan a cada quen. A parte máis numerosa agudizará a súa exclusión social na medida en que os menos progresan e polo tanto é onde o tittytainment terá que actuar dando por sentado que a autocrítica, a crítica, a rectitude e outros conceptos semellantes non presentaban ningún interese, polo menos para os elixidos para a cita de San Francisco.
Rematou dicíndome que, ao remate do evento, o mesmo Gorbachov se dirixiu aos presentes no medio dunha gran posta en escena para que os medios de comunicación transmitisen unha mensaxe que pouco tiña que ver co carallo do “tittytainment” na interpretación real dada pola “elite”.
Cando rematou de contar o seu relato, pregunteille a “Ksiusha”, pero se isto sucede así, que facer?; só queda o camiño da rebeldía, non si? A resposta dela foi espetarme un sorriso e cando quixo deume un bico de despedida non sen antes recomendarme a lectura dun libro de Jean Claude Michéa titulado “A escola da ignorancia”, para que cando volvésemos a vernos, segundo me dixo, rematásemos a conversa.
Se teño de novo oportunidade, xa vos contarei.
Fermín Paz Lamigueiro naceu nas Pontes en 1951. Militante de Movemento pola Base é secretario xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía –Sos Futuro”. »