Os/as que mandan (decididores, parafraseando a Mario Benedetti) moi a miúdo esquecen as suas loubanzas aos arquitectos da crise, mesmo o silencio cómplice, cando non, o seu colaboracionismo. Agora, cando a maioria padece as consecuencias da súa irresponsabilidade, chámannos de novo ao esforzo colectivo para socializar os seus erros na dirección política e coma sempre, volven construír as estratexias nos laboratorios do poder, dirixidas a convercernos para que sigamos a confiar, no seu papel de salvadores, na lexislación vixente e na orde establecida. Manda carallo cos que mandan!
Como dixo Marx, dende sempre existen os explotados e os explotadores. As propias condicións do dominio e do enriquecemento dunha clase sobre outra, duns países sobre outros, fanse mediante procesos de expropiación, expoliación, imposición e degradación que situan a quen queremos enfrontar estas situacións, no anti-sistema.
Pero tamén existen os heterodoxos, disidentes, resistentes, rebeldes e revolucionarios que denuncian e loitan contra a orde establecida e propoñen relacións sociais e políticas diferentes. O combate a calquer sistema social e político que negue a condición de humanidade ou a unha parte da mesma, que negue os dereitos dun pobo (liberdade de todas as patrias) a exercer como tal, situa aos combatentes no antisistema, no antiimperialismo, por iso e só por iso, eu son antisistema e antiimperialista.
Nas leis que Marx enunciou, poucas foron tan controvertidas como aquela chamada dialéctica, segundo a cal, toda situación de poder, todo sistema, xenera mais tarde ou cedo o seu contrario, de onde xorde unha relación antitética, de confronto, cuxo resultado é a superación de ambas, da tese e da antítese, pola síntese. O capitalismo hoxe como sistema hexemónico vive sen antagonismos, xa non existe a URSS, polo tanto o neoliberalismo non pode ser analisado coma un mal menor, senón como o que é en realidade, un sistema negador dos valores e principios. Un sistema que produce pobreza igual que mercadorias polo que cada vez hai mais desigualdade.
Razóns que eu miro para combatir ao sistema capitalista:
- Frustración social pois a caída dos sistemas do leste, non permitiu un medre económico coma a ideoloxia triunfante prometera. Nin se puxo freo á pobreza extrema, nin á relativa.
- As economias son cada vez menos nacionais, co que se perde a posibilidade do control sobre o propio benestar e incrementa a frustración pois a gobernación cada dia é mais dependente das vontades alleas. Asemade os dereitos nacionais son negados ou violentados pola forza do imperio.
- A falla da soberania alimentar, enerxética, etc., son a consecuencia da dependencia colonial.
- O paro coxuntural pasou ser de longa duración cun fenómeno asociado, como é a precariedade que na actualidade conforma o núcleo para a apropiación do excedente da forza de traballo.
- Incumprimento sistemático dos programas electorais dos partidos pro-sistema que intercambian cada certo tempo a parcela do poder. As campañas electorais cada dia, mais parecen unha liorta comercial, onde as ideas transformadoras van deixando paso a discursos de mercadotécnia, onde as ideas forza son ir votar para que o sistema teña lexitimación e que os outros, os competidores, o farán pior.
Todas istas razóns teñen que ser tidas en conta no tempo de dimensionar a acción política, pois que queiran ou non, é posíbel facer outras políticas. Non é novidoso que cando está a fallar o mecanismo da ritualización da democracia formal, onde a conclusión é: votar non amaña os problemas, non é de estrañar a abstención, a baixada da militancia (non confundir coa listaxe dos e das asociadas que son imprescindíbeis para votar “á búlgara” e para traballos inconfesábeis, como pasar información aos decididores, mesmo das conferencias de prensa do Movemento pola Base e prescindíbeis para case que todo o demais) ou mesmo o voto de castigo e logo a desesperación.
Son tempos de falar destas cuestións na política e non son tempos de voltar ás prácticas envolventes, onde os que están no poleiro crian un inimigo interior ou exterior, tratando de facelo críbel, con calquer método. Son tempos de aceptar que a cohesión interna só será posíbel fuxindo do endeusamento dos gobernantes, da verticalización da organización, do acercamento ao sistema, das desconfianzas internas, de non escoitar á militancia antes de tomar as decisións, da moderación, da acomodación ao que é posíbel, do enraizamento do localismo, do individualismo en definitiva. Son tempos dun proxecto político erguido sobre a base de dous obxectivos irrenunciábeis:
- LOITA NACIONAL dende o compromiso que Galiza é unha Nazón, con expresión na forma de República e que polo tanto pode exercer o seu dereito de Autodeterminación e non coma un recoñecemento sen consecuencias xurídico-políticas. Quén queira reconciliarse tanto co "piñeirismo", coma co "autonomismo" que o faga honestamente, pero sen prefabricar un discurso subsidiario do socialismo español para gobernar, reorientando a liña estratéxica co recurso sistemático á invocación do galeguismo autonomista ou do partido galeguista, indo mais alá dunha evocación histórica, situándose nunha teimosia electoralista pura e dura, na percura dos nichos dos votantes a calquera prezo;
- LOITA CONTRA O NEOLIBERALISMO en todas as suas expresións (crise provocada, desemprego, precariedade, dependencia enérxetica e alimentar, destrución ou afectación dos recursos naturais, redución do benestar, desigualdade social, pobreza, etc.). Os causantes globalizan a desfeita e a parcializan para a sua presentación, para aillar o conflito.
Cómpre artellar unha resistencia política e sindical, a nivel nacional, contra todos istos efectos da crise que respete ás bases políticas, sindicais e do conxunto do movemento social, que teña masa crítica, identidade e alternativas.
Fermín Paz Lamigueiro naceu nas Pontes en 1951. Militante de Movemento pola Base é secretario xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía –Sos Futuro”. »