Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fermín Paz

A esperanza nun novo proxecto nacionalista

10:30 14/02/2009

O pasado 7 de febreiro asistín á 2ª Asemblea do Movemento pola Base. Estou convencido que as conclusións dos traballos da devandita Asemblea Nacional servirán para construir un espazo nacionalista ao servizo do País; un novo espazo de loita que permita a defensa dos intereses das clases populares que, dia a dia, teñen que defenderse dos gobernos e do sistema.

Dito espazo cando pase á fase de construción, ao meu entender, ten que servir para outra forma de facer política, que non só combata a quen se enriquece a costa do traballo e o sufrimento da nosa clase, senón tamén, aos que colaboran coa sua acción ou ben consinten coa sua deixadez, a que as cousas (estruturalmente), sigan igual; outro xeito de facer política que sexa ofensiva cos/coas que só acreditan no espazo institucional para mudar o rumo dos acontecementos e onde os políticos tradicionais, voltan xogar cos soños e esperanzas do pobo cada  4 anos con lemas ou chamadas ao “cambio”; outro xeito de facer política. Sirva como exemplo do que estou dicindo, onde Galiza, o seu dereito de autodeterminación, ou o reclamo da esquerda ou mesmo o socialismo non sexan reliquias conceituais ou conceitos para manexar na conxuntura do mitin ou dos textos.

Preciso facer unha aclaración, non estou a defender quedar na casa, nin pasar o 1º de Marzal (moito coidadiño! coa abstención), soio digo que non "piquedes".
 
Queiran ou non, dificilmente pode hoxe alguén fundamentar a exclusividade no nacionalismo, nin Galiza versus Bloque, polo tanto, a historia do nacionalismo popular pese aos acontecementos que estamos a sufrir, tivo e terá outras conxunturas; por iso non hai tempo que perder, en iniciar exploracións e conversas con quen queira construir un poder popular, convencidos que máis tarde ou cedo teremos que ir de novo a algún "Riazor". De novo, para mín, tén mais dun significado, non será outra vez para facer o mesmo; con quen teña falado nestes derradeiros meses debe ter aprezado a miña insistencia neste conceito pois o novo do que estou a falar, ten que ser con homes e mulleres que deixen de lado todas as vellas prácticas da militancia seguidista e acrítica, toda a vella ortodoxia da organización vertical, toda a rancia mística dun discurso á sociedade contrario á vida interna da organización, todo afastamento dos principios por un electoralismo cuxo obxectivo é instalarse no poder da organización e no goberno do País.

A miña análise do que está a suceder, lévame a concluir que a nova crise mundial (provocada), amosa a imposibilidade do sistema capitalista, por agochar as consecuencias da  sua globalización : asfixia financieira, recesión económica,  niveis de desemprego crecentes, así tamén, precariedade, inxustiza, fame, pobreza, expoliación enerxética e con todo iso, mais desequilibrios, mais concentración do poder e da riqueza, e se non atopan unha solución de convenencia para perpetuarse, mais guerras. Pero aínda que esta análise poda ser correcta, ten que ir mais alá da coxuntura, exixe á esquerda mundial falar tamén das condutas antisociais, fundamentandas en que existindo un único planeta e sendo todos os seres humanos iguais en dereitos, o acceso aos recursos terá que ser equitativo.

Aceitando que o desenvolvemento sustentábel require a promoción de valores que alenten niveis de consumo que permanezan dentro dos límites do ecoloxicamente posíbel e aos que todos podan aspirar razoabelmente. Non se trata, non obstante, de propór unha imposíbel redución drástica e inmediata de esas condutas, deses consumos: a saúde da economia occidental, por outra parte, non o soportaria. Trátase de ser conscientes de que, en función da unicidade do ecosistema terrestre, todos estamos suxeitos a limitacións nos nosos consumos, nas nosas condutas, limitacións que nos veñen impostas pola certeza ética de que todos os seres humanos somos iguais, polo tanto, temos que ter as mesmas posibilidades de desenvolvemento.

E voltando ás nosas latitudes, aínda coa seguridade de que hai que facer unha análise mais acaída das tácticas ao servizo da estratexia de “España única Nazón”, o que sucedeu o domingo 8 de Febreiro, en Compostela co españolismo, pon de manifesto entre outras cuestións, a maior agudización das contradicións que os nacionalistas teremos que combater no dia a dia.

Si, o españolismo tenderá a ser mais cruel e intransixente co nacionalismo que loite consecuentemente pola soberania nacional da súa Patria; cada vez farase mais evidente, a liña divisoria entre os defensores da integración no sistema, en todas as suas manifestacións (capitalismo, autonomia, constitución española, monarquia, bilinguismo, cultura allea, dependencia alimentar, desprotección do territorio e do medioambente, desfeita do agro e do mar, ensino acientífico, construción europea dos estados, e reforma permanente no sociolaboral e o pacto social, como fórmula do entendemento para a relación estábel, entre a patronal e os sindicatos, co interese mútuo, tanto para hexemonizar as relacións do traballo, como para o fortalecemento das suas estruturas ) e os antisistema que queremos unha Galiza Ceibe e sen explotación, onde os galegos/as podamos decidir o noso futuro, sen mais limitacións que as que aprobemos democraticamente darnos, é dicir, en liberdade.

De pouco vai valer para esta situación a militancia acomodaticia ou os asociados/as de conveniencia. Coido que unha das decisións que imos ter que tomar nesta fase,  pasa por ser actores ou conformarse con ser espectadores, pois de pouco servirá seguir instalado na crítica aos outros intervintes no actual cenario político e social da Galiza.

Precisamos deste outro xeito de facer política da que falei, rescatar da “artesa das lembranzas” o verdadeiro significado do compañeirismo e da camaraderia, da sinceiridade nas nosas relacións, da honestidade dentro da nosa bagaxe para actuar, tanto interna como externamente, da práctica da igualdade e todo iso para gañarmos o respecto e a credibilidade do pobo, pois só, se somos congruentes na nosa vida e na organización, seremos quen de  reflectir o ideario na nosa acción.

Calquera proxecto precisa da teoria, mais a dialéctica, tennos amosado que por enriba de todo, precisamos a vía dos feitos. O noso ou é un proxecto compartido ou non  terá moito percorrido. Vai sendo tempo de actuar, con todos/as os que queiran algo novo, que sen descoñecer as condicións e os condicionantes, deseñen, constrúan e fagan operativo un novo proxecto para actuar na socio-política do noso País.

A quen comparta esta convición, dicirlle que, ademais de disposición, gañas, desexos, etc., é necesaria a sua participación nesta tarefa.

3,96/5 (83 votos)



Fermín Paz Lamigueiro naceu nas Pontes en 1951. Militante de Movemento pola Base é secretario xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía –Sos Futuro”. »



Anteriores...