A Asemblea Nacional do BNG do 10 de maio rematou coa votación de dúas candidaturas á Comisión Executiva e co discurso do Portavoz Nacional. Habendo catro listas para o Consello Nacional e logo dúas para a Executiva, todo transcorreu de acordo con regras democráticas e mediante o voto secreto dos delegados.
O tenso enfrentamento para a Comisión Executiva, non levou aparellado verdadeiras diferenzas políticas. A dureza manifestada non respondeu, paradoxalmente, á existencia de posicións e programas alternativos, que non apareceron nen no referente as causas do declinio dos anos pasados, nen sobre o recente fracaso e muito menos a respeito de posicións estratéxicas destinadas a situar ao Bloque en condicións de recuperar e incrementar o apoio social e político da sociedade galega. De facto, os que disputaron o dominio da Executiva aprobaron conxuntamente e sen fisuras o Documento Político da Asemblea, uníndose ademais para derrotaren todo intento de asalto programático á fortaleza compartillada. O resultado foi un novo reparto do poder entre os grupos que dirixiron o BNG nos ultimos anos desde a organización e o Governo Galego, acaparando agora a representación no Parlamento de Galiza.
As tendencias presentes na Comisión Executiva ignoraron de novo a necesidade imperiosa de reflexionar sobre a Galiza de hoxe e sobre a estrutura interna do BNG, para devir nunha organización unitaria e plural, nacionalista e da esquerda, como condición para sermos compreendidos pola xente e avanzar democraticamente na emancipación nacional e social.
Contra o demandado sempre desde posicións internas ignoradas nesta Asemblea, o BNG como tal non fixo ainda unha reflexión sobre as mudanzas políticas, económicas, sociais e culturais que se produciron na sociedade galega nas últimas décadas –unha sociedade máis preparada social e economicamente para o autogoverno e máis consciente que nunca a respeito da cuestión nacional- e sobre a condición política e ideolóxica dun Estado español que nega a plurinacionalidade. O BNG mirou mesmo desde lonxe os problemas mundiais do presente, tan diferentes dos de hai dúas décadas e tan distantes dos da Guerra Fría, afectando profundamente ao papel da UE e dos grandes Estados, á situación de continentes e nacións marxinados e á realidade do socialismo e os direitos humanos e democráticos frente á inhumanidade capitalista.
A Asemblea serviu para elexir unha nova direción. Mais, contando con praticamente os mesmos vimbios que a anterior, non avanzou polo camiño político e programático preciso. Agora ábrese o tempo de acordar. Sería bó facelo sen agardar a novos fracasos; todo sería máis difícil e muito máis arriscado.
*P.S: No documento político aceptouse por fin unha emenda na que, afirmando o galego como lingua propia e nacional, tamén é intercontinental
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.