Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

Mestres o pau vai e vén descansa o lombo

17:00 25/05/2009

Foron unicamente tres anos e medio. Un tempo moi curto, desde logo, pero cheo de ilusión e de esperanza para algúns. Levábamos toda unha vida de (des)goberno da dereita, e agora parecía que ao menos algunhas cousas estaban comezando a mudar. Foi un tempo en que vimos como, desde o ámbito institucional, se potenciaron as investigacións sobre a memoria histórica (en moitos casos collida con pinzas cando apenas ficaba unha presada de testemuñas vivas daqueles tempos) e o recoñecemento ás vítimas do franquismo.

Comezábase cunha política inédita de recuperación do rural concibida como un medio para desenvolver o noso agro, cunha xestión destinada a concentrar terras para facer explotacións viábeis, crear traballo no campo, fixar poboación…, esquecer a estéril concepción da aldea como un lugar fermoso onde pasar un fin de semana ou as ferias de Pascua nunha vivenda rehabilitada con cartos públicos, lonxe do barullo da cidade, como quen sae facer un safari exótico na propia terra que o pariu.

Parecía que se lle comezaba a facer fronte á rapina de certos sectores da construción aos que o único que lles interesou sempre foi construír moito e a baixo custe para logo vender a prezos disparatados. Un tamén se sentiu compracido co que consideraba un valente decreto para dignificar a vivenda nun concepto máis de fogar que de simple investimento especulativo, e unha política de recuperación de predios públicos como vivendas no rural. E algo bo debía ter a cousa a xulgar pola xenreira que provocou nos empresarios máis mesquiños do sector.

Tan ilusos fomos algúns que coidamos que ao fin o noso idioma tiña unha pequena posibilidade de saír dese corredor da morte no que se topa recluído desde hai tanto tempo, e para o que xa non chegará a tempo o indulto. O contacto dos nosos cativos co galego e a primeira alfabetización na nosa lingua, xunto cunha progresiva consecución da aplicación dun tímido decreto do galego para o ensino, parecíannos instrumentos alentadores. E ademais a ira que estes métodos causaban nos sectores máis galegófobos era percibida como un indicador de que estábamos no bo camiño.

As criticas mais feroces vertidas desde a oposición peposa, encirrando como a cans de presa aos seus servís medios de comunicación, ou mesmo as dos socios de goberno, parecían non só erróneas senón mesmo perversas. As realizadas por sectores críticos de dentro do propio BNG semellaban un pouco exaxeradas, excesivamente severas e, nalgúns momentos, inoportunas.

Mais a realidade deunos nos fociños cando oímos desde os propios sectores nacionalistas máis implicados no goberno expresións tan mornas e conformistas como “fixéronse cousas ben e cousas mal”. Por suposto, mesmo o PP fixo e seguirá a facer tamén algunha cousa ben.

O máis frustrante de todo é que algúns comprobamos como practicamente todo o nacionalismo implicado en cargos políticos facía inmensos esforzos e intensos sacrificios, que nalgúns casos afectaron á súa vida persoal e á súa saúde; e percibimos tamén unha grande ilusión en moitos traballadores de distintos departamentos da administración (eu desde logo palpei esa ilusión e ese empeño desinteresado en toda a xente que formou parte dunha entidade tan inxustamente xostregada como foi o Consorcio). E todo este esforzo non serviu máis que para conseguir una xestión mediocre? Os do PP, “aos que lle saíron os dentes nos despachos”, ao parecer, para facer as cousas desa maneira mediocre non precisan tanta dedicación nen tanta vontade. Quizais a cuestión sexa que non valemos para gobernar(nos) e que o noso lugar está na rúa e non “tocando moqueta e coche oficial” como algúns designan á aspiración lexítima exercer o goberno do noso país.

Para os que pensábamos ilusamente que as cousas se estaban a facer con dignidade e bo sentido foi un período moi curto. Agora xa estamos outra vez cos pés no chan, na rutina de sempre, cos mesmos de sempre no poder…, mais o tempo en que vivimos ilusionados, ese non nolo tirará ninguén e, como bos galegos resignados temos que confiar en que quizais dentro dalgúns anos, ou quizais algunhas décadas, poidamos recuperar a ilusión aínda que só sexa por catro anos (ou tres e medio), pois deste xeito “mestres o pau vai e vén descansa o lombo”.

4,87/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...