Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

Cuestión de estratexia

10:30 21/07/2009

Xa é unha evidencia máis que constatada por todos e todas a estratexia, seguida polos colectivos galegófobos deste país, de apresentárense non como inimigos do galego -pois isto restaríalle un bo grao de popularidade á súa causa- senón como partidarios da liberdade lingüística, do bilingüismo harmónico, cordial, sen imposicións… Deste xeito agochan a súa verdadeira faciana e a súa verdadeira finalidade: o exterminio do idioma da Galiza, ou ao menos a súa exclusión dos ámbitos de prestixio onde, a pesar da vertixinosa perda de falantes a nível global, estaba a acadar algún espazo de uso.

Trátase do emprego da hipocrisía como unha táctica astuta e, lamentabelmente, moi eficaz para a consecución dos seus perversos obxectivos. Xa sei que estas apreciacións sobre o proceder destes grupos carecen completamente de orixinalidade e mesmo pódese dicir que xa aburren por obvias e reiteradas, mais non é nestas nas que me quero centrar.

Nos últimos tempos, desde distintos puntos do país (e desde distintos sectores) non deixamos de recibir unha verdadeira enxurrada de acenos e iniciativas individuais e colectivas, que perseguen o incremento do noso autoaprezo como galegos e a consolidación do proceso de normalización do noso idioma nun momento de retroceso, en que os “féridos e duros” están a acosalo como nos peores tempos, mais nesta xeira, como xa indiquei, usando a eficaz maña do cinismo e a hipocrisía, á que lle están a sacar moita máis rendibilidade que co clásico ataque directo.

Con todo, tamén no discurso dos defensores do galego observamos argumentos que eran totalmente inusuais até non hai moito tempo, como é o de denunciar que as pretensións dos colectivos antigalegos para o ensino o único que fan é xerar unha polémica negativa para a convivencia nos centros (nalgún caso suxerindo que até a aparición destes colectivos o conflito lingüístico non existía); o de indicar que as linguas (en referencia á nosa) suman, non dividen; o de pedir para o galego a igualdade de dereitos co español e proclamárense como os verdadeiros defensores do bilingüismo, tan rexeitado antano polo nacionalismo galego; o de salientar a grande importancia que para os galegos constitúe o facto de posuír dúas linguas de tanta difusión e, en consecuencia, tan útiles…

Non digo que o camiño sexa equivocado pois non o sei, e probabelmente sexa a actitude máis axeitada para gañar adhesións para a causa do noso idioma, mais só agardo que por este atallo non cheguemos ao extremo de rematar facendo gabanzas dos Reis Católicos e outros monarcas da Historia de España por nos sacaren de xeito altruísta das tebras do monolingüismo estéril.

Realmente trátase dunha actitude claudicante do galeguismo, dunha involución nas súas teses ou tamén é unha cuestión de estratexia, de adaptación aos novos tempos nos que non se pode falar claro, nos que hai que empregar unha mensaxe ambigua e moderar ou suavizar ao máximo as argumentacións? Desde logo o que se constata é que a moitos e moitas parécelles que de cara á sociedade soa mellor falar do galego como unha das linguas oficiais da comunidade autónoma galega que como a nosa lingua nacional.

Non hai moito tempo, topábame a falar cunha compañeira da miña filla e co seu pai, ambos galegofalantes monolingües espontáneos. O pai insistía en que ao cubrir a famosa enquisa sobre o uso do galego no ensino debía marcar o recadro que se decantaba polo uso das dúas linguas, pois consideraba que era importante para a rapaza dominar o español, que era o idioma que ía ter que coñecer cando accedera á Universidade. Sen me decatar, eu propio estaba a usar a “estratexia” cando lle comentei ao pai que certamente o español tamén era moi importante mais que a rapaza xa o coñecía de sobra e que debería marcar o compartimento de “só en galego” pois só así se podía lograr un coñecemento equitativo das dúas linguas, pois, como sabemos, o cuestionario só se refería ás materias troncais, e as outras xa se daban en español. A rapaza retrucou con xenreira que ela non sabía español nin o quería saber, e que se chegaba a facer estudos universitarios ía facer sempre todo en galego sen importarlle as consecuencias. Días despois miña filla informoume de que finalmente o pai cruzou no inquérito o recadro de “en galego e castelán”, mais a rapariga ao chegar ao colexio borrouna e deixou marcada a de “só en galego”.

É que os rapaces e as rapazas non teñen nin a máis remota idea do que é a estratexia.

4,46/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...