As forzas da esquerda, PSOE e BNG, poden formar governo nas sete cidades galegas. Na capital da nación, Santiago de Compostela, nas catro capitais de provincia, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, na cidade máis populosa, Vigo, e no simbólico Ferrol coa presenza de EU. Unha situación excepcional, mui diferente da de Andalucía, tida como referente da esquerda, onde como sempre a maioría das cidades van ser governadas polo Partido Popular ou de Madrid, o feudo da direita castiza.
Non é nada novo. Xa en 1999, muito antes da derrota do PP nas eleicións galegas de 2004 e anos antes da catástrofe do Prestige, o PP non governaba máis que en Ourense. Ainda máis, en 1999 o BNG governaba coa alcaldías en Vigo, Ferrol e Pontevedra cando o PSOE só tiña as outras tres.
Daquela era evidente que a idea de Galiza como país conservador e atrasado non se correspondía coa realidade política e social. Nen era a praza do PP, nen necesitaba engancharse como vagón de cola á locomotora do progreso que seica avanzaba desde Madrid, como pretendían os que desde a esquerda perderan a autoestima.
Hoxe os resultados galegos só son comparábeis aos de Cataluña.
Non o cren así os medios madrileños. Salientaron con razón os resultados de Navarra, tan reveladores como os galegos, subindo a primeiro plano unha realidade vasco-navarra que pretendían ignorar. Destacaron os do seu Madrid, malia que alí non houve nengunha surpresa, e os de Canarias e Baleares, de menor transcendencia política.
Os de Galiza non. Non teñen remedio.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.