O texto 'O retorno dos restos de Castelao' corresponde á intervención do autor no Parlamento de Galiza defendendo a Proposición non de Lei apresentada en nome de Esquerda Galega. Da mesma autoría, o artigo Castelao entre nós foi publicado en 1984, no momento do retorno.
O retorno dos restos de Castelao
(1983)
Señor Presidente, Señorías, a iniciativa desta proposición non de lei ten a súa orixe no xeito máis estrito da palabra, no intento por parte deste Deputado -que supoño compartido por tódolos deputados aquí presentes- en que retornen os restos de Castelao, que retornen na harmonía de tódolos galegos, e que retornen co significado político non discriminatorio que ten a figura de Castelao.
Das facultades que nos concede o feito de integrar este Parlamento eliximos a vía de facer unha proposición non de lei a esta Cámara, porque nos pareceu o lugar máis apropiado para determinar que o conxunto do pobo galego acorde, na medida que lle corresponde, a volta dos restos de Castelao ou, o que é o mesmo, manifeste a vontade desta volta. En ningún sitio hoxe en día pode estar mellor representado o pobo galego que neste propio Parlamento.
Non pola miña presenza aquí, senón polo xeito mesmo da proposición non de lei, e tendo en conta o carácter de solemnidade que ten esta Sesión que aquí estamos a protagonizar, limitareime a ler literalmente, con algunhas modificacións que teñen que ver coa situación que hoxe vivimos e que poden contribuír ao bo fin desta proposición non de lei, o texto que figura publicado no Boletín do Parlamento de Galicia.
Dicía que no seu desterro da República Arxentina, despois de entregar os seus mellores esforzos á causa democrática e á procura da liberdade da Nación Galega, Castelao manifestaba o desexo -cito literalmente- de “retornar a Galiza, mais non para morrer, senón para vivir”. Na loita daqueles anos contra a dictadura e fronte á incomprensión dos demócratas centralistas, Castelao sempre defendeu os dereitos de Galicia “como unha Nación perfectamente diferenciada”, admitindo a vía da autonomía política -que hoxe en día estamos aquí a protagonizar- como un paso cara ao autogoberno nacional, mais non unha autonomía subordinada, con “atribucións precarias e restrinxidas”, segundo as súas propias palabras.
Castelao deixounos en “Sempre en Galiza” o recordo do seu pensamento e da súa inesquecible obra política.
A volta de Castelao significa o retorno dun dos pais da Galicia moderna, dun dos construtores de Galicia como nación. O noso pobo necesita da volta de Castelao. A presencia en Galicia dos seus restos simboliza o dereito da nosa Nación á súa liberdade.
Castelao sempre pensou en volver en vida. Mais presentiu a súa morte no desterro. Dicía: “Se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento”.
Para que retorne a Galicia o alento da obra de Castelao é preciso lograr xa o retorno dos seus restos. E é precisamente o Parlamento de Galicia, como dixen antes, o lugar apropiado para que se tome este acordo, esta decisión ou esta vontade.
Este acordo debe tomarse coa conciencia clara do significado da obra de Castelao, inequivocamente unida á súa crenza no carácter nacional de Galicia e da necesidade de lograr o pleno autogoberno nacional, na libre solidariedade cos pobos do Estado Español e de Portugal.
Tendo isto en conta, este Deputado propuxo nunha proposición de lei que, considerando tanto as circunstancias neste momento -que dalgunha forma sempre sofren modificacións-, mesmo considerando as informacións que este Deputado ten das diversas iniciativas que xorden querendo a volta dos restos de Castelao, e tendo en conta tamén o espírito dalgunhas emendas presentadas, se puidese chegar a unha emenda transaccional, de tal xeito que a nosa institución teña o protagonismo debido, que vaia precisamente no sentido de procurar que ninguén se sinta separado ou discriminado do feito histórico da volta de Castelao.
Creo que debemos conxugar o protagonismo do Parlamento coa necesidade de que, xustamente, todo tipo de institucións, todo tipo de forzas políticas, sociais e económicas poidan sentirse representadas na volta de Castelao. Para iso considero que a forma apropiada é xustamente que o feito material e concreto da volta sexa protagonizado en sentido estrito polos que custodian os seus restos en América, polos galegos da emigración e pola familia aquí presente en Galicia. Todas as institucións, cada quen co seu protagonismo -e o Parlamento co seu deber de facer as xestións oportunas- debe adherirse a este feito de tal forma que poidamos estar todos.
Mais nada. Moitas gracias.
Castelao entre nós
(1984)
Se o pensamento político e a actitude moral de Castelao son precisas na procura dos obxectivos políticos e culturais que el e os seus compañeiros defenderon, o seu lugar de repouso debe ser a propria Galiza.
Estou convencido disto, sen necesidade de entrar en polémicas sobre os contidos da autonomía política actual e da prefigurada no Estatuto da República, nen sobre a realidade das condicións que Castelao necesitaría para voltar nos anos coarenta, acabada a guerra mundial, se a sorte que nos tocou vivir non fose fascista e si democrática.
A súa presenza entre nós pode servir como unha axuda singular na luita dos que aspiramos a liberdade de Galiza como nación.
Dificilmente calquer intento de manipulación da volta de Castelao, e hainos de diferente signo, pode negar esta realidade. Os que acreditan en que o pensamento de Castelao pode ser deturpado ou recuperado polas forzas politicas centralistas que hoxe dominan a Xunta e o Parlamento de Galiza consideran pouco as ideas de Castelao, a súa clareza inequivoca a prol da República e da nación galega, o seu valor en momentos históricos tráxicos e o seu arraigo popular. A constatacion de Galiza non contar ainda cun Goberno nacionalista lonxe de ser un impedimento para a vinda dos restos de Castelao debe ser un estímulo para facelo. Somos nós os que debemos facer o necesario para tornar esta situación, pois hoxe como nunca antes depende do povo galego que as nacentes e precarias institucións de autogoverno conten coa presenza maioritaria dos que partillan as ideas do militante político que pensou o Sempre en Galiza.
Galiza non pode prescindir da presenza de Castelao. Compre achegar a memoria de Castelao e facela patrimonio vivo e actuante do povo. Castelao morreu no desterro polo seu compromiso político e moral antifascista. Acabado o franquismo debe estar entre nós, para axudarnos na trasformacións das condicións históricas e políticas que explican que a nación galega non sexa como tal ainda libre. Para lograrnos a Galiza pola que aquela xeración de galeguistas entregou a súa vida.
Castelao é un dos pais da Galiza moderna, un dos constructores da nación. A súa presenza en San Domingos de Bonaval en Compostela debe simbolizar o direito da nosa nación á liberdade. El sempre pensou en voltar en vida. Máis presentiu a morte no desterro: "E se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, ainda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.