Os tres grupos redatarán unha proposición de lei conxunta para reclamarlle a competencia ao Estado. Fica fóra a expedición de licenzas de circulación.
Os tres grupos do Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, acordaron este luns á tarde redactaren unha proposición de lei conxunta para reclamarlle ao Estado Español as competencias de Tráfico.
Será a Policía Autonómica a encargada de controlala, cando o corpo complete o seu despregamento en todo o país, no horizonte do ano 2010. Até o daquela, serán os axentes da Garda Civil os encargados destas atribucións.
No entanto, a potestade de expedir e revisar as licenzas de circulación e os permisos de conducir de vehículos e de ciclomotores continuará en mans do Estado a través da Dirección Xeneral de Tráfico.
Valoración do Goberno
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, que convocou e participou na reunión, salientou que con este novo sistema, Galiza disporá do "mesmo nivel de competencias" en materia de tráfico que Cataluña e Euskadi.
Esta mesma semana agárdase que se peche a redacción definitiva do borrador lexislativo, co obxectivo de darlle a "máxima" celeridade á súa aprobación. Porén, Quintana recoñeceu a posibilidade de que o parlamento español non o debata até despois das eleccións xerais de marzo.
O vicepresidente incidiu en que esta iniciativa recolle "o sentimento maioritario" da cidadanía galega, que, ao seu xuízo, "quere estar ao mesmo nivel que as outras nacións do Estado, Euskadi e Cataluña".
Valoración dos tres grupos
O portavoz do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, indicou que o obxectivo é que o despregamento da policía galega se produza en todo o territorio ao mesmo tempo.
O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, considerou que non ten senso que a Policía Autonómica non asuma as competencias sobre expedición dos permisos de conducir e as licenzas de circulación, "por razóns de economía e duplicidade".
O deputado do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga foi máis alá que o propio Quintana, e asegurou que a Xunta contará con máis competencias que os gobernos vasco e catalán, xa que regulará as actividades formativas e xestionará as sancións.