En Galiza "hai axentes preparados e coñecedores do seu traballo", mais están "mal dirixidos e sen un plan específico" para o país, afirman.
A UGC considera errónea a actual política viaria
O secretario xeral da Unións de Gardas Civís galegos (UGC), Manuel Mato, defendeu este luns que se transfiran as competencias en materia de Tráfico á Xunta para lograr un cambio na política viaria do país.
Deste xeito avala unha das principais reivindicacións do BNG. O líder dos nacionalistas e vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, solicitou nos últimos días unha entrevista con José Luis Rodríguez Zapatero para trasladarlle persoalmente esta cuestión.
Mato expresou o seu desexo de que se asuman "canto antes" estas competencias, mais avogou por que non implique só "un cambio de rótulo", senón que leve consigo un "cambio radical na política viaria galega".
Modelo catalán
A UGC aposta polo modelo catalán. Ao respecto, Mato recordou que cando "Cataluña asumiu as competencias policiais houbo unha redución moi importante no número de accidentes primeiro ano".
Ademais manifestou que esta transferencia suporá que os axentes das demarcacións de Tráfico se incorporen á Policía Autonómica, á que, segundo comentou, supostamente se lle asignaría este control.
En opinión de Mato, en Galiza "hai axentes preparados e coñecedores do seu traballo", mais están "mal dirixidos e sen un plan específico" para o país.
Neste senso, lamentou que, mentres en Asturias e Cantabria contan con seis axentes por cada cen quilómetros, en Galiza esta proporción redúcese a só catro axentes e nas comarcas lucenses a dous.