O representante venezolano en Galiza comenta para Vieiros os últimos acontecementos do conflito armado en Colombia.
Raúl Reyes, nunha foto incautada polo Exército colombiano tras a súa morte
O pasado sábado o Exército colombiano matou o número dous das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e voceiro internacional da guerrilla, Raúl Reyes, que ademais estaba a xestionar a liberación de Ingrid Betancourt e outros retidos.
O ataque produciuse logo de que a armada se introducise en territorio ecuatoriano. Tanto o presidente de Ecuador, Rafael Correa, coma o de Venezuela, Hugo Chávez, romperon relacións diplomáticas con Colombia e criticaron duramente a actuación do seu homólogo, Álvaro Uribe, quen tamén insinuou que Ecuador colaboraba coas FARC. Por último, decidiron trasladar parte das súas tropas ás fronteiras co país veciño.
Se a situación non fose xa crítica de por si, Uribe anunciou este martes que denunciará a Chávez ante o Tribunal Penal Internacional, ao que acusa de "financiar o terrorismo", e o vicepresidente do gabinete que dirixe, Francisco Santos Calderón, afirmou que as FARC "estarían negociando material radiactivo co fin de fabricar armas sucias de destrución e terrorismo".
David Nieves, cónsul xeral de Venezuela en Galiza, comenta para Vieiros os últimos acontecementos do conflito armado en Colombia.
Vieiros: Que valoración fai dos últimos acontecementos, logo da morte do número dous das FARC a mans do Exército colombiano?
David Nieves: En Venezuela, como dixo o noso presidente (Hugo Chávez), nós non celebramos a morte. Somos un país que loita pola vida, pola felicidade e polo benestar do ser humano. Condenamos a actitude burlesca da morte, aínda do peor inimigo, como cando o presidente de Colombia (Álvaro Uribe) -cunha risa macabra- celebra a morte de Raúl Reyes.
Ao mesmo tempo amosámonos solidarios con Ecuador, que viu o seu territorio nacional bombardeado. Algo frecuente; non é a primeira vez que pasa en Ecuador e mesmo tamén en Venezuela. Sumámonos á condena internacional da actitude colombiana, unha actitude que non vai frear as xestións para a liberación de Ingrid Betancourt.
Que papel xoga Estados Unidos neste conflito?
Existe unha cousa que se chama Plan Colombia que abarca unha relación global, unha loita global contra o movemento guerrilleiro, que contempla a disposición de militares nas fronteiras do país onde están os recursos naturais máis apreciados na actualidade: o petróleo, no nordeste, e a auga, na fronteira sur. Estados Unidos xa o fixo antigamente polo caucho.
Hai risco dunha intervención armada?
Tal como afirmaron os nosos dirixentes, chegado o caso estamos dispostos a dar unha resposta. Venezuela non é unha illa como Cuba, rodeada polo mar; temos moitos vínculos terrestres en América Latina, con amigos tan poderosos como Brasil. Se pretenden crear un Iraq en América Latina non o van conseguir, xa que hai unha férrea unidade entre nós. Habería un grande rexeitamento. Os pobos colombiano e venezolano, propiamente como tal, son eternos amigos.
Podería haber algún interese en que a situación dexenerase cara á guerra?
Os donos de armas no mundo, os coñecidos como cans da guerra están sempre a buscar novos mercados para vender os seus produtos, a crear a discordia para que haxa unha negociación, como ocorre na actualidade principalmente en Asia: en Afganistán, en Iraq... Están amparados e apoiados polos medio de comunicación, provocando a desinformación entre os pobos de América Latina.
Que pasos cómpre dar para pórlle fin á violencia?
Raúl Reyes negociaba unha liberación de arredor de nove reféns. O problema é que as ofertas das FARC non foron nunca consideradas nin correspondidas coa mesma xenerosidade polo goberno de Colombia. Hai unha actividade terrorista fomentada por Uribe -coñecida mundialmente é a súa vinculación á droga e aos paramilitares-, que non lle interesa o proceso de paz.
A situación non é nova en Venezuela. Colombia tratou sempre con ambigüidade o proceso, que pretenden boicotear. Neste senso, celebramos as declaracións do líder das FARC nas que afirma que o proceso humanitario non vai parar.
Cal é, dende o seu punto de vista, a maior crítica que se lles pode facer ás FARC?
Entre os persoas que capturaron hai labregos que non teñen arte nin parte, que simplemente obedecen ordes duns poderes superiores. E agora son os persoeiros da política os que están a ser liberados primeiro... É inxusto para a parte máis débil do proceso.