Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DIFÍCIL CAMIÑO DA NORMALIZACIÓN

A directiva do Club Financeiro elaborou o informe lingüístico de costas aos socios

Diferentes entidades integradas na asociación viguesa rexeitan as conclusións dun documento que sostén que o castelán "desapareceu" do ensino.

Redacción - 19:40 03/09/2008

É lícito que un club redacte e publique un documento político sen informar previamente os seus asociados? Á directiva do Clube Financeiro de Vigo non lle tremeu a voz á hora de presentar un informe titulado “Política lingüística. Unha visión empresarial”. O denominado “caderno para o debate” dá a particular visión do clube vigués sobre a normalización lingüística. Na análise afírmase que o castelán “desapareceu ou ocupa un lugar residual” no ensino primario e secundario para concluír que o decreto de galeguización provoca que haxa moitos altos exectivos con fillos en idade escolar se neguen a traballar en Galiza. Mais os primeiros datos demostran que o informe presentado publicamente non foi consultado cos socios (grandes empresas e institucións da área metropolitana de Vigo).

O mesmo martes a Universidade de Vigo advertía que non coñecía o contido do informe e referendaba o seu compromiso co idioma. Este mércores, houbo máis reaccións de representantes de institución públicas con presenza no Club Financeiro de Vigo que mostraron publicamente o seu “malestar” logo de coñecer un documento do que non tiñan ningunha constancia.

O tenente de alcalde do Concello de Vigo (institución asociada ao clube), Santiago Domínguez, desafiou aos responsábeis do Clube Financeiro retándoos a que “presenten un neno que teña problemas para falar e estudar en castelán”. Domínguez asegura que o documento é unha escusa para crear polémica e sinalou que varios empresarios chamárono “escandalizados” polas conclusións do informe.

Outro exemplo é o do alcalde do Porriño, o nacionalista Raúl Francés. O rexedor, visibelmente enfadado, anuncioulle a Vieiros que vai enviar unha carta formal de protesta á directiva do Club Financeiro de Vigo. Francés, que considera que o informe semella unha disparatada “opinión de taberna”, reitera que ninguén se puxo en contacto coa institución que preside e que forma parte da entidade empresarial. Por iso vai pedir explicacións.

Tamén se posicionou Xestur-Pontevedra, un organismo público, dependente da Consellaría de Vivenda, que tamén participa no club empresarial. Fontes oficiais de Xestur consideran que a análise “non responde á realidade”. Dende esta entidade lembraron que a lingua é sempre un “valor engadido”. Tamén negaron radicalmente que as políticas de normalización obstaculicen a chegada de executivos. Neste sentido, afirman que “en Galiza hai xente capacitada de sobra para ocupar estes cargos”. Como exemplo, sinalan que o proceso é xustamente o contrario, xa que son este tipo de traballadores os que teñen a miúdo que buscar o futuro fóra do país.


5/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: