Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA

"O debate sobre o financiamento corresponderalle ao novo goberno"

Fernández Antonio descarta tomar decisións neste eido, asegura que contribuirá a unha rápida familiarización co tema do novo executivo e considera que Galiza está ben posicionada.

Redacción - 19:00 23/03/2009
Fernández Antonio asegura que facilitará unha rápida familiarización do novo executivo co debate do financiamento

Fernández Antonio asegura que facilitará unha rápida familiarización do novo executivo co debate do financiamento

O financiamento autonómico será un dos temas máis destacados no traspaso de poderes que se producirá no vindeiro mes de abril. Así o destacou o conselleiro de Economía en funcións, Xosé Ramón Fernández Antonio, quen descartou calquera tipo de decisión neste campo, xa que provocaría "unha ralentización no despacho dos asuntos públicos". Asemade, insistiu en que facelo sería "comprometer unha decisión estratéxica e de futuro" do próximo executivo.

A vitoria do Partido Popular nos últimos comicios electorais obrigou ao goberno español a atrasar o acordo sobre financiamento e o Ministerio de Economía xa anunciou que non convocará ao Consello de Política Fiscal até que Feijoo tome posesión. Con todo, o conselleiro en funcións adiantou que o seu gabinete "contribuirá a unha rápida familiarización da nova equipa de goberno sobre este asunto".

Negociación difícil
Fernández Antonio asegurou que Galiza "está ben posicionada" neste debate a través dos principios e criterios incluídos nun documento que xa fora remitido ao Estado no pasado 30 de decembro e entre os que se atopan cuestións como a dispersión poboacional, o envellecemento ou a normalización lingüística, factores que implicarían a necesidade dun maior investimento. Do mesmo xeito recoñeceu que o debate implica unha "negociación difícil", e que "lle corresponderá ao vindeiro goberno culminalo".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: