Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á asemblea nacional do BNG

Beiras pide participación nos debates "e non só na votación"

O Encontro Irmandiño nega a existencia dun pacto coa UPG e chama ás tres correntes a fixar "puntos mínimos de compromiso".

Redacción - 18:15 04/05/2009

"No caso de que todos queiramos pluralidade, participación da militancia, que os órganos sexan colexiados, que o BNG siga sendo unha fronte e non un partido disfrazado de fronte, entón si haberá coincidencias de base", analizou este luns en conferencia de prensa Xosé Manuel Beiras, líder do Encontro Irmandiño. Neste acto, Beiras negou a existencia dun pacto xa pechado coa Alternativa pola Unidade (APU), candidatura nucleada arredor da Unión do Povo Galego (UPG) e criticou a existencia de insinuacións nese sentido no contorno do nacionalismo. Con todo, o que encabezará a lista dos Irmandiños para a votación ao Consello Nacional, dixo estar a favor de conversas que debuxen as condicións dos pactos antes da elección do Consello, malia que os acordos se realicen a posteriori.

De paso, Beiras opinou que a corrente Máis BNG trata de "bipolarizar" o debate interno do BNG estabelecendo un eixo de "maiorías e minorías" arredor das dúas correntes, Máis BNG e APU, que maior porcentaxe de delegados apañou na votación cara á asemblea. "O Bloque é unha fronte onde non caben dinámicas de maiorías ou minorías", subliñou. Na súa opinión, as tres correntes deberan subscribir canto antes "uns puntos mínimos de compromiso" para que o Consello Nacional "reflicta a pluralidade da fronte". Ao respecto, remitiuse ao documento feito público a pasada semana polo Encontro Irmandiño cun guieiro de media ducia de "condicións para a negociación". Segundo Beiras, é posíbel fixar "piares" sobre "denominadores comúns" deixando que se perciban as diferenzas entre cada unha das listas.

"Primeiro queremos saber como se expresa a militancia no plenario", engadiu Xosé Manuel Beiras, afirmando que os acordos han chegar coa configuración do Consello Nacional. Nese escenario, animou a militancia e delegados a participaren activamente no debate do relatorio político "e non só na votación dos órganos". "Porque os textos son as bases nas que se apoian os órganos", insistiu. Por último, considerou que o debate actual só se resolverá de dous xeitos posíbeis: se unha das listas obtén maioría, ou se se conseguen "acordos de integración sobre as bases de compromisos serios" unha vez que se coñeza o resultado da votación ao Consello Nacional.


As entrevistas en Vieiros cos primeiros en cada unha das principais listas ao Consello Nacional:



Poden ampliar nas webs de cada unha das principais correntes:


3/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: