Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Retirada do documento sobre as vacas tolas

Traballadores da TVG ven un episodio de "censura"

O sindicato Xóvenes Agricultores (XXAA) nega ter pedido a retirada do programa, xustificación exposta polo presidente da Xunta.

Redacción - 08:00 04/06/2009


"Segundo lle consta a este comité, a nova dirección da Televisión de Galicia foi quen deu a orde de cancelar a emisión deste espazo, que nesta ocasión estaba dedicado a crise das vacas tolas". Así o subliñan desde o Comité Interempresas da CRTVG. Ao fío, o Comité expresa a súa "denuncia" ante a cancelación, que consideran unha decisión "inaceptábel" e rexeitan as argumentacións ofrecidas pola directora do ente. Ironizan ademais ao respecto do feito de que "a propia directora admite que non viu o programa".

"A cancelación deste documental constitúe un atentando contra a liberdade de expresión e de información, que protexe tanto o libre exercicio da profesión xornalística, como o dereito da cidadanía a ter acceso a unha información veraz, relevante, sen consignas nin censuras previas", láianse os representantes dos traballadores da CRTVG. Por este motivo, o Comité pídelle á nova dirección unha reunión "con carácter urxente", para tratar as causas que provocaron "esta grave violación da independencia informativa".

XXAA nega ter solicitado a cancelación
O Comité Interempresas tamén carga contra a xustificación argumentada polo presidente da Xunta sobre a supresión deste documento informativo, considerando que non é motivo "axeitado" o aducido por Núñez Feijoo ao respecto da petición do sindicato Xóvenes Agricultores (XXAA).

Paradoxalmente, o propio sindicato admitía este mércores que en ningún momento se realizou tal solicitude á canle pública xa que, aseguran, descoñecían que tal documento sería emitido e os seus contidos. Desde XXAA atribúenlle a confusión ao agradecemento "a posteriori" que, aseguran, si se lle realizou á directora da TVG, Rosa Vilas, nunha misiva onde coinciden coa súa avaliación de que o programa podería prexudicar o sector no actual contexto de crise.

A reflexión é ben diferentes desde as formacións Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). Unións Agrarias entende que é "de todo punto incomprensíbel que un feito histórico deste calado non se poña en primeiro plano informativo tanto para coñecer as causas que levaron a esta situación, e evitar que se repita no futuro, como poñer de manifesto que hoxe en día a trazabilidade que protexe a produción galega garántelle aos cidadáns unha total seguridade da calidade da carne de vacún". Apuntan ademais o paradoxo de que xustamente a "opacidade e a incapacidade das administracións autonómica e estatal de entón" foron as que "agrandaron o problema" por non prever e resolver unha situación na que os gandeiros "foron as verdadeiras vítimas e non os culpábeis".

No mesmo sentido o expresan desde o Sindicato Labrego, recordando que no seu día o Goberno tamén quixo "ocultar o que estaba sucedendo con aquel enterramento masivo de animais, pretendendo responsabilizar os gandeiros dos problemas de saúde animal e humana que a política agraria que eles apoiaron estaba a provocar". Na opinión do SLG, argumentar que a emisión fose suspendida por non crear máis preocupación na sociedade polo momento que atravesa o sector "é, desde o noso punto de vista, querer terxiversar e manipular a información da realidade".

Incerteza sobre a futura emisión
A CRTVG emitiu este mércores un comunicado onde confirman que o programa "A Caixa Negra" volverá emitise con normalidade e no horario habitual dos dous primeiros capítulos a próxima semana. Con todo, permanece a dúbida sobre a data de emisión do documento concreto suprimido esta semana.

"Razóns de responsabilidade social, propias dun medio público de comunicación e máis a esixencia dos seu principios xerais de comportamento aconsellaron o seu aprazamento". engaden ao respecto.


5/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: