A Coordinadora de Equipos de Normalización denuncia ameazas de expedientes e outros incidentes durante a súa campaña informativa, que avalan os tribunais.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) denunciou nun comunicado algúns casos de presións recibidas dende a publicación do tríptico informativo "As linguas suman".
O material, que poden descargar en Vieiros, foi elaborado pola propia coordinadora e difundido masivamente por toda a comunidade escolar do país co fin de aclarar diversas cuestións ao respecto do decreto do galego no ensino e da enquisas lingüísticas aos pais elaboradas pola Xunta.
Dende a Coordinadora relatan algúns dos casos máis significativos:
Chamadas nocturnas
Na comarca de Vigo, nunha vila en que había festa, os directores dos centros recibiron unha chamada nocturna do inspector de Educación "prohibindo expresamente o reparto do tríptico á mañá seguinte".
Rexistro de comentarios dos pais
Tamén no entorno de Vigo, a directora dun colexio obrigou o profesorado a apuntar nun folio os "comentarios feitos nos centros polas nais e os pais acerca do inquérito".
Maiores de idade: "É igual quen responda"
Dende centros con módulos profesionais, educación de adultos e a distancia e noutros centros onde o alumnado é principalmente maior de 18 anos, preguntóuselle á Xunta quen debía responder os cuestionarios, se os alumnos, maiores de idade, ou os pais destes. A resposta literal e telefónica foi que "era igual", que o importante era ter o "parte de incidencias" final.
Alumnos de Educación Especial discriminados
A Coordinadora tamén recibiu queixas por irregularidades. En moitos dos casos é contestada directamente polo alumnado en grupos. No caso dos centros de Educación Especial, as enquisas non foron distribuída até este mércores pola tarde e non en todos . Cuestionada por esta discriminación, unha traballadora da Xunta sinalou, entre outras cousas, que "como os xordos non oen o mesmo lles dá unha lingua que outra". Os profesionais aclaran que precisamente estes alumnos distinguen "moi ben" as linguas.
Ameaza de apertura de expedientes
Na zona de Umia-Tabeirós, unha profesora membro do ENDL recibiu unha chamada do inspector tres horas despois de deixar material informativo no colexio, ameazándoa con "aterse ás consecuencias" en caso de non o facer, con referencias a aperturas de expedientes incluídas. Posteriormente, o mesmo inspector quitoulle ferro ao asunto dicindo que a prohibición só era para "material de Galicia Bilingüe ou da Mesa".
Expulsión de ANPAs e medo de profesores
Nun colexio de Monforte, membros da asociación de pais tiveron que repartir a información fóra do recinto escolar, logo de seren expulsados. Noutras localidades, as ameazas de denuncia tiveron efecto e os profesores, sobre todo ao principio, repartiron información en colexios veciños.
A campaña "As linguas suman", amparada legalmente polo TSXG, é unha de entre as moitas que os equipos de normalización levan realizando dende hai anos, tal e como se pode ver na propia web que acaba de lanzar a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A CGENDL denuncia que estes actos "coartaron a liberdade de expresión do profesorado e someteron aos ENDL a unha censura que impedía que desenvolvesen libremente as actividades para as que legalmente están constituídos e sobre as que a inspección educativa non debe interferir sempre que estas se axusten a dereito". Por último, critica que as supostas irregularidades mostran a "carencia de rigorosidade científica e de fiabilidade" dos resultados.