Segundo a Consellaría de Medio Ambiente, o MARM rexeitou a proposto de Executivo Galego para adiantar os fondos dirixidos a licitar e executar esta obra.
A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegurou este xoves que a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), a ourensá Elena Espinosa, rexeitou as dúas propostas presentadas por este departamento para adiantar os fondos dirixidos a licitar e executar as obras da estación depuradora de augas residuais de Vigo (EDAR).
Nun comunicado remitido após a reunión que mantiveron este xoves a titular do MARM e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a Xunta sinalou que a ministra descartou as súas propostas, quedando a situación da depuradora de Vigo "no mesmo punto" que antes do encontro. Neste sentido, Espinosa manifestou ante os medios, e acompañada de Hernández, que o goberno español "vai respectar ao cento por cento" o que estaba previsto co anterior Executivo Galego.
As dúas propostas de Agustín Hernández
Por outro lado, Hernández explicou cales eran os seus planes, rexeitados por Espinosa. En primeiro lugar, o conselleiro propúxolle á ministra que Acuanorte -unha sociedade titulada polo MARM-, adiantase os 115 millóns de euros que debe achegar a Xunta para executar a obra a fin de que a Administración galega amortice a débeda nun período de 15 ou 20 anos. Esta solución permitiríalle á Xunta adiantar o 25% da súa achega nos primeiros cinco anos, incluído 2009, e o 75% restante nas anualidades que se acorden.
A segunda alternativa barallada polo departamento de Hernández era que Augas de Galiza actuase como organismo intermedio encargado de xestionar os fondos Feder destinados á depuradora de Vigo, para que a Xunta puidese recibir a asignación económica correspondente á EDAR e licitar e executar a obra na que se peche o acordo. A Administración galega defendeu que con esta proposta o Estado non perdería diñeiro porque, como indicou, nunca se previu que achegase fondos propios para a execución da obra. Pola contra, considerou que se gañaría rapidez e eficacia na xestión administrativa ao ter que intervir só dúas administracións, Xunta e Concello. Esta opción permitiría ao Executivo Galego realizar a programación financeira que estimase conveniente para achegar o orzamento complementario aos fondos europeos.
A Xunta insistiu en que as dúas solucións son legais e viábeis. Ademais, Hernández informou a Espinosa de que nos orzamentos de Augas de Galiza existe unha partida de 12 millóns consignada como fondos procedentes das contas públicas do Estado para obras do Plan Nacional de Calidade das Augas. Espinosa asegurou, segundo a consellaría, que estudará a situación.