Tanto a empresa como o Goberno suxiren a Feiraco e Arzuana que presenten unha oferta unificada para que o proxecto sexa máis viábel, condición para recibir avais e préstamos.
Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural, mantivo unha xuntanza co Comité de Empresa de Pascual
No día despois da manifestación a xeito de via crucis dos traballadores da planta de Pascual en Outeiro de Rei, a Xunta de Galiza comeza a amosar as súas preferencias para a venta da fábrica. Nunha xuntanza co Comité de Empresa, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, confirmou a identidade das seis ofertas chegadas até o de agora, que solicitan a concesión dos avais e préstamos correspondentes por parte da Administración.
Pascual xa rexeitou, por "insuficientes", a proposta da peruana Grupo Gloria; unha proposición conxunta de empresarios de Lugo; unha oferta da familia Ruiz Mateos a través de Nova Rumasa; e outra de Xesús Lence, de Leite Río. As que si ofrecen certas garantías son as dúas ofertas que puxeron sobre a mesa as cooperativas galegas Feiraco (que incorporaría a Colaga, Melisanto e o propio Feiraco, ademais do apoio de Icos e Os Irmandiños) e A Arzuana (que lideraría un grupo no que tamén entrarían Gacobre e Terra Chá).
Juárez asegurou que estas dúas ofertas están a ser estudadas tanto por Pascual como pola Xunta, quen lle trasladaron a estes dous grupos o seu desexo de que presenten "unha oferta unificada", ao entender que o plan industrial "tería máis viabilidade" e gozaría de "maior solidez". Ambos os dous grupos de cooperativas aspiran a alugar a planta para constituír unha nova industria láctea que se adicaría ao envasado de leite producida polos seus asociados e á venta baixo marca branca á distribución. Con todo, o conselleiro manifestou o seu interese en que no futuro saia da planta un produto con marca propia, "con valor engadido", dixo.
Mantemento dos empregos
No que respecta ao persoal, Juárez dixo que "aínda non hai nada claro", se ben apuntou que as firmas manifestaron a súa intención "de manter os traballadores, ou polo menos unha parte". Segundo explicou, un dos requisitos estabelecidos pola Xunta para que apoie o proxecto empresarial é que os seus xestores "adquiran compromisos" de cara ao mantemento do cadro de persoal. Con todo, ningún dos dous grupos agora en estudo poderían asumir a todos os traballadores inmediatamente (155), senón a medio ou incluso longo prazo.
Así as cousas, o Goberno condiciona a concesión de avais e préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a un novo proxecto que as dúas cooperativas trasladen a Medio Rural e aos seus proxectos económicos. Porén, Juárez adiantou que a proposta conxunta non será unha condición determinante e imprescindíbel, senón "desexábel": "todo dependerá da oferta que se faga finalmente", dixo, "na que haberá que ter en conta tanto o número de empregos que se garantan como as novas condicións laborais que os sindicatos negocien co novo propietario da fábrica".