Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
ESTA FIN DE SEMANA

Chega o Fantasporto: unha fiestra aberta á imaxinación e á fantasía

Despois de catro de días de fase previa, este venres iníciase a sección oficial do maior festival de cinema de Portugal, que proxectará máis de 400 filmes.

Redacción - 11:10 26/02/2010

A trixésima edición do Fantasporto abre as súas portas este venres en Porto. Consagrado internacionalmente como un dos vinte festivais máis importantes do mundo e dos mellores en temática fantástica, é xa o máis significativo acontecemento cultural e cinematográfico de Portugal.

Na súa sección oficial de apertura, o Fantasporto 2010 presenta no Teatro Rivoli a estrea europea do filme “Solomon Kane”, unha coprodución entre Francia e a República Checa dirixida polo británico Michael J. Basset. O filme ofrece unha extraordinaria aventura nun universo de imaxinación, onde un heroe vende a súa alma ao diaño e como penitencia polos seus pecados ten que salvar o renio de seu pai.

Unha semana de bo cinema
Ademais, nesta edición do Festival regresan a Porto os realizadores agora consagrados, descubertos e xa premiados ao longo dos 30 anos de certame para seren homenaxeados na Semana dos Realizadores. Tamén haberá unha retrospectiva de cinema francés, no que será revisado o traballo dos mairoes realizadores do cinema francófono, como Godard, Alain Resnais ou François Truffaut.

Haberá tamén tempo para a produción portuguesa. Luís Galvão Teles será homenaxeado coa exhibición dalgúns dos seus filmes máis emblemáticos como “Dot.com”, “A Conferdaçao” ou “Elas”. Paralelamente, o festival servirá tamén de promoción para os novos valores portugueses. Outra sección será o ciclo de cinema adicado á robótica, no que poderemos ver filmes como 'Tetsuo 2: O Cyberpunk' e 'Wonderful Days'.

Para o peche do certame, o filme escollido é “The Crazies”, de Breck Eisner, un remake do filme de Romero que narra a historia dos habitantes dunha pequena localidade que vén as súas vidas afectadas por un accidente que liberou unha toxina no abastecemento de auga e que os transforma en psicópatas.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O certame ábrese coa estrea europea de  "Solomon Kane", do británico Michael J. Basset
O certame ábrese coa estrea europea de "Solomon Kane", do británico Michael J. Basset