Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A Polo Ghit 2010

A ghit-historia: cinco anos de éxitos para bailar o verán

O certame suma nesta edición tres ducias de temas e acumula até este quinto aniversario máis de 260 pezas.

Redacción - 09:30 03/07/2010

Hai xa semanas que os Esquíos estrearon esta quinta edición de A Polo Ghit2010. A peza Berto Habichuelo, do seu disco Galician carraxe on garaxe, daba o disparo de saída cara a este verán 2010. Xa logo agasallaríannos en días sucesivos o cantautor Paris Joel, cun tema para a esperanza de que "despois do trebón volva un novo Sol que nos quente a todos". Seguintes na nosa caixa de correo foron Los Santos, chanceando coa posibilidade de que o presidente da Xunta os convide á súa voda.

A Quimbumbia dos Ulträqäns, A marajota, de O tren da unha, Dá tanto, de Nºlºs, e Coruña Rabuña, de Amilenko, chegaron a continuación... E a partir de aí toda unha fartura de ghits asolagándonos de festa musical. A Voleo, El Puto Coke, Taru e os Paxaros Coiro, Sés, Trapallada, Metralletas lecheras, Carrero Bianco, Compañía do Ruído... Así até completar un total de 31 pezas que amosan a orixinalidade, a retranca e a capacidade dos músicos do país.

Hai un ano era O fillo do mar, d'A Banda de Balbina, a que subía ao máis alto do podio. Tócalle agora ao xurado elixir o seu favorito para este verán 2010. Un traballo complicado mais, en todo caso, os triunfadores xa son todos eles e seguirémolos estreitamente por escenarios de salas, festas, ou verbenas de todo o país. Únense á ghit historia neste quinto aniversario, conformada xa por máis de 260 temas: Quixotes, astronautas, fanecas e garotas pódense escoitar na web do A Polo Ghit 2009. Descargábel tamén de balde o CD A Polo Ghit 2008, cun total de 82 temas que asolagaron o correo naquela edición, incluído o do gañador, o tema Planeta 19, dos ferroláns Boy Elliott and The Plastic Bags. E un total de 52 pezas chegarán ao A Polo Ghit 2007, ano no que o premio foi para o tema Biocultivos, da formación debutante Sacha na Horta. Unha historia ghit que comezara en 2006, cando o favorito do xurado foi a peza In the Ocean, tema en galego con retrouso en inglés interpretado polo músico coruñés Pulpiño Viascón, incluído no CD de libre descarga A Polo Ghit 2006.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: