Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

A dignidade dun povo

10:15 27/11/2009

Hai “quen volta a soñar con cirurxías de ferro que cercenen a complexidade española”. A sentenza está tirada do manifesto A Dignidade de Cataluña. Os diarios cataláns mostraron a vontade de defender o Estatuto de Autonomía fronte á posibilidade de que o Tribunal Constitucional, depois do pleito apresentado polo Partido Popular, opte por posicións irredutíbeis sobre a definición de Cataluña como nación e a obrigatoriedade do coñecemento do catalán no seu territorio.

Na consciencia de que sendo diferentes, os caracteres nacionais de Cataluña e de Galiza teñen en común a marxinación política e cultural suportada a causa dun españolismo construído sobre a negación da diversidade nacional da Península, o manifesto afecta directamente ás aspiracións nacionais galegas. O momento que se vive é crítico. A mistura de rabia uniformizadora e ignorancia irresponsábel con que se pretende reducir a capacidade de autogoberno das nacións periféricas fai mesmo pensar que o Estado das autonomías (tan positivo para todos e debido ao recoñecimento constitucional dos Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galiza no tempo da Segunda República) foi posíbel en 1978 cando era preciso un pacto conxunto para superar a Ditadura e que tería graves dificultades para ser acordado se daquela se vivira unha situación democrática non amenazada por tentacións totalitarias.

Cataluña e Galiza sofriron de distinta forma a configuración dun poder español negador da diversidade social, económica e cultural e non puideron expresar as súa vontade nacional máis que nos raros momentos democráticos habidos no tempo contemporáneo. A evolución das dúas sociedades foi diferente, de tal maneira que se a principios do século XIX Galiza tiña o duplo da poboación de Cataluña, e nos inicios do XX a mesma, hoxe conta con menos da metade da catalá. Porén a marxinación da sociedade galega non procedeu de Cataluña senón do Poder central, exercido moitas veces por galegos e cataláns de signo político diverso.

Agora ambas nacións padecen o propósito do Estado español de constituír a Madrid como antagonista político, económico, financeiro, cultural e mediático do autogoberno das outras nacións e mesmo do Estado das autonomías, e como instrumento ofensivo para a configuración de España e do Estado español como nación única. É certo que, soportando o mesmo poder uniformizador e centralizador, as circunstancias galegas e catalás non son as mesmas. Mais iso non significa que a diferenza se encontre na capacidade dos cataláns para viver sen o apoio dos recursos económicos do Estado, entanto que os galegos carecerían dela. Aínda que a costa dunha crise demográfica (sendo este o problema a resolver con todos os medios precisos) causada principalmente pola discriminación e a inxustiza históricas, Galiza dispón hoxe dunha economía desenvolvida, mais exportadora que a de Cataluña e moito máis que a de Madrid. Gozando dun territorio e dun clima privilexiados, defínese por unha lingua que, falada pola maioría da poboación, se estende polo mundo, con forza semellante á do castelán.

A diferenza básica entre Galiza e Cataluña está nos gobernantes elexidos. En Galiza mandan xentes subxugadas polo poder e a ideoloxía do Estado. Están aínda ancorados nas provincias do século XIX, de costas viradas entre elas e suxeitas radialmente a Madrid. Manteñen nas cidades o isolamento mutuo causado pola ausencia secular de vías de comunicación modernas –o ferrocarril A Coruña-Vigo abriuse en 1943, o Ourense-Santiago en 1957; ir de Pontevedra a Lugo por tren é unha penitencia–. Carentes de autoestima aceptan a visión da Galiza fabricada polos que a negan; ignoran a capacidade dos nosos empresarios e traballadores, a formación profesional dos nosos mozos, forzados a demontrala na emigración; menosprezan a creatividade científica e cultural da nosa sociedade Actúan como se as fronteiras derrubadas pola Unión Europea aínda existisen. Os cataláns defenden unidos o seu Estatuto de nación, tal como foi definido polo seu Parlamento, e tratan a súa lingua como idioma nacional. En Galiza, chamada nación na Lei de Símbolos do Parlamento, os que gobernan grazas ao Estatuto son incluso renuentes a afirmala como nacionalidade. Tratan a lingua propia como estranxeira.

Por iso son tan necesarios e admirábeis actos cívicos como o protagonizado pola imprensa catalá. Un acto histórico. Tamén en Galiza está en xogo a dignidade dun povo.

4,75/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións