Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Desamparo

17:00 16/01/2010

En circunstancia extremas como a do tremor de Haiti, con Porto Príncipe convertido nunha Hiroshima, a imediatez con que enxergamos distanciados o sofremento e a desolación infinita da xente contrasta nitidamente coa ausencia culpábel da comunidade internacional cando se trata de erguer no seo da ONU unha organización que acuda de imediato para salvar vidas, curar feridas, fornecer alimentos, dar unha morada aos que a perderon, reestabelecer os servizos públicos e reemprender as actividades económicas ligadas á sobrevivencia, sabendo mesmo que hoxe existen coñecimentos científicos e instrumentos técnicos que permiten anunciar os sismos, limitando a amplitude dos desastres. As consecuencias sobrevindas revelaron máis unha vez a oposición entre a capacidade actual para resolver os problemas materiais da humanidade e a falta de vontade e a inibición das instituicións estatais con poder para facelo posíbel.

O terremoto afectou especialmente aos tres millóns de persoas amoreadas na capital, a maioría sen traballo e sen dispor de vivenda digna, castigando tamén ás precarias instituicións públicas, aos organismos da ONU e aos voluntarios das organizacións non governamentais que procuraban unha certa normalización das estruturas estatais e das actividades e servizos económicos e sociais do país, formando parte das forzas de paz e contribuindo á reconstrución do país depois dos sinistros padecidos, os máis recentes por causa dos furacáns de 2008.
  
Tendo sobrevivido na miseria, sen instituicións estatais lexítimas e eficaces, depois de dous séculos de despotismo interno e dunha centuria de inxerencia neocolonial de EEUU, o sucedido mostra a fondura do desamparo do povo haitiano.
  
O tremor está a motivar un movimento mundial de solidariedade, tanto desde a ONU, como de outros paises de Latinoamérica, particularmente de Brasil, e de EEUU, a Unión Europea ou China. Solidariedade, mais con unha grande improvisación, dominando nos grandes Estados un afán de protagonismo publicitario que non pode agachar a carencia da organización internacional preparada para prever e atender catástrofes como a haitiana.
  
Para os paises da Unión Europea o apoio que se dé a Haiti pode ser unha pedra de toque da súa vontade de estar presente no mundo como unha potencia civil, propiciando a configuración no país de instituicións estatais que garantan os servizos públicos, o desenvolvimento económico e social e os direitos democráticos fundamentais, fortalecendo e respeitando a súa independencia. Apareceron xa voces europeas, entre elas as de José Luis Rodríguez Zapatero, Gordon Brown e Nicolas Sarkozy, mais careceron de conexión. Sarkozy propuxo unha entente entre Franza (metrópole colonial até a revolta dos escravos en 1804, os primeiros en conquistar a independencia en Latinoamérica), Brasil (que lidera as forzas de paz da ONU en Haiti e debería dirixir as accións futuras) e EEUU. A proposta vais no bó camiño, mais este Presidente, como todos os demais, está a tempo de integrar o esforzo de Franza no da Unión Europea, representada polo Presidente Herman Van Rompuy e Catherine Ashton, a Ministra de Asuntos Exteriores. Depois de todo, como sempre na cooperación internacional, a Unión será a entidade que máis contribua a ese propósito e, asemade, a garantir o papel que lle corresponde á ONU.

4/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións