Próbano as solas dos zapatos. Temos quilómetros camiñados xa no eido das reivindicacións feministas, da loita feminista pola xustiza social. O camiño andado non se nega hoxe, e grazas ao seu ronsel cada vez son menos frecuentes os discursos abertamente misóxinos e machistas na maioría dos países occidentais (moitos outros artigos terían que escribirse para facer referencia a outras tantas realidades diverxentes ás que millóns de mulleres de todo o planeta aínda deben enfrontarse cada día). E cando estes discursos reaparecen, a opinión pública tende a obvialos e reprobalos, algo así como o dito ‘a palabras necias ouvidos xordos’. En Galiza, como en moitos outros países dos arredores, semella estar (algo) asumido que ser machista estigmatiza, que non se leva, que é incompatíbel coa modernidade do século XXI. Pero este discurso envolvente e balsámico, que por veces cremos inocentemente porque no fondo nos gustaría podelo crer, agocha ao meu ver dous perigosos transfondos.
O primeiro perigo é que ante ‘tanto’ camiño andado, hai quen non pode conter xa as ganas da medalla, e así sobe a un curuto, bota a vista atrás e afirma categoricamente que xa andamos dabondo, que o machismo é cousa do pasado, que a igualdade real é a situación do presente. Igualdade, obviamente, entendida aquí como unha quer asimilación quer adaptación das identidades de muller aos padróns masculinos do éxito e do triunfo das sociedades poscapitalistas, como ilustra o feito de poder ser directora dunha multinacional só se antes se renuncia a ser nai. A estas afirmacións tan rotundas custa máis pór ouvidos xordos, porque con frecuencia veñen de colegas que se autodenominan progres e feministas (viva a pertinencia dos epicenos), e que cada oito e marzo tornan en grandes especialistas en xénero. Claro que as afirmacións hainas que entender no seu contexto, e tirando do fío poderíanse relacionar co momento histórico no que se producen, no que hai quen ve como as novas (e as vellas pero aínda pendentes) reivindicacións feministas ameazan o seu espazo de poder, froito dun pasado histórico e social. De colegas coa etiqueta de progres e feministas ouzo queixas (máis decote do que quixera) polo inxusta que é a discriminación positiva (sen entender que o seu obxectivo primordial é acabar desaparecendo), e queixas pola discriminadora natureza da lei que garante unha cota de presenza de mulleres nos postos de dirección de diferentes empresas, organismos públicos, institucións, partidos políticos. As institucións públicas, espazo progre entre os progres e noutrora bandeira das reivindicacións igualitarias, recúa agora e produce mensaxes contraditorias. Quen tan ben amarrado ten o seu posto (grazas a esoutras leis consuetudinarias que tamén estabelecían cotas: se es home, si; se es muller, non) non quere deixalo marchar e perdelo. E así as cousas, crear da nada case outros tantos novos postos de responsabilidade para que ocupen as mulleres (e así cumprir a nova lei) é a todas luces un inasumíbel e irresponsábel gasto orzamentario. Seica. “Vaia marrón para os partido atopar mulleres que queiran dedicarlle tempo á política”, espétanlle a unha coa maior tranquilidade do mundo, sen sequera reflexionaren previamente sobre o sintomática que a súa afirmación resulta. Outro enunciado sen desperdicio: “Na miña Universidade xa me dixeron que se quero chegar a algo teño que estar disposta a dar moito e a renunciar a moitas outras cousas, e o peor de todo é que mo dixo unha catedrática”, confesaba unha investigadora este verán nunha confidencia que eu traducín por “esíxenme que me adapte ao canon patriarcal, obríganme a obviar as diferenzas entre os xéneros”. A cuestión non é se era catedrática ou catedrático, ou se unha é muller ou home. A cuestión é que o xénero articúlase inherente á raza humana, e nesa medida é imposíbel non posicionarse na vida. E non hai termos medios: ou es machista ou es feminista, ou defendes a opresión patriarcal ou defendes a igualdade entre os xéneros. Igualdade, obviamente, agora concibida como respecto e atención polas diferenzas como condición sine qua non para acadar unha realización persoal satisfactoria de mulleres e de homes.
Non é o único perigo, aínda así. Fica un segundo transfondo. Hai tamén quen ante canto camiño andado non vira as costas, senón que máis intelixentemente segue ollando á fronte. Percibe así canto fica aínda por percorrer neste longo camiño, ás veces mesmo cómaro infestado de xestas e silveiras. Estoutro grupo de colegas, tamén coa autoatribución de feministas progres con sensibilidades diversas, séntese protagonista real dos nosos tempos, e ten moi presente nos seus discursos a terminoloxía do enfoque de xénero como motor de cambio. Son colegas, son dos nosos, son das nosas. Xustamente por iso, ás veces, algunhas actitudes, valores, comportamentos ou comentarios poden doer aínda máis. E o peor é que esas ‘ás veces’ resultan ben frecuentes mesmo nestes ámbitos nos que unha cría sentirse cómoda e comprendida. E claro, como que unha fica parva. “Si, abofé, tedes toda a razón. Por que non chamas a Fulana e Mengana e xa o amañades vosoutras?”, (pero ben que as mulleres se manifestan en Puerto Real ante Delphi para defender a dignidade e o traballo dos seus compañeiros!). Hai nada unha amiga contoume como con total descaro un partido lle propuxera ir nas listas porque necesitaban mulleres: “de primeiro, Xan, de segundo, Piringán, de terceiro, Pelicán, e de cuartO, pois terá que tocar unha muller. Queres ir ti?”. Resposta sensata da miña amiga en cuestión: “Por ser eu? Ou por ser un corpo con tetas?”.
Claro, teñen tan presente no seu discurso a palabra igualdade que ao final vivimos nunha falsa (e inxenua) ilusión que acaba cegando. E só cando unha pon as lentes do xénero (por certo, son todas de modelo unisex) pode darse cun canto nos dentes e descubrir estes pequenos, á vez que inxentes, deslices que proban que o verdadeiro cambio de mentalidade está aínda pendente... lonxe... quizais aínda tralas últimas curvas polas que se perde o camiño de vista no horizonte.
Por veces penso se non será que a fábrica das lentes de xénero modelo unisex ten un ritmo de produción lento de máis. E penso tamén se non será esa a razón pola cal moitas e moitos de nós aínda non deu atopado as nosas propias lentes. Sen elas, está claro que a discriminación e opresión máis evidente pode ser facilmente identificada como tal, pero tamén está claro que custa traballo, e moito, albiscar esoutra discriminación máis sutil, que adquire novas formas e que decote aceptamos porque nos educan e adoutrinas para encaixala e acomodala sen maior problema en todas as parcelas das nosas vidas. Como é posíbel que os xornais progres publiquen anuncios dirixidos a prostituidores? Por que non pode haber xuízas, pero os/as grandes profesionais da costura si poden renegar do termo con xénero gramatical neutro modista e crear o (innecesario?) neoloxismo modisto? Que incita a respectar porque si o criterio médico en lugar de preguntar ás avoas se é máis cómodo parir de pé ou deitadas? Por que contaxiarnos de ledicia tralos boísimos resultados do índice do paro no estado español, se rematan cun “aínda que o paro feminino subiu no mesmo período nun 5%? Cal é a razón da nosa ledicia pola pílula contraceptiva, sen cuestionarnos porque parte do investimento médico non se ten dedicado a buscar que os homes poidan tragar tamén a súa correspondente dose de hormonas para darlle un respiro aos nosos ovarios? Por que cando vou á praia sen antes ter sufrido a dolorosa agresión da depilación con cera fría, debo aturar miradas reprobadoras? Por que ás bebés lles provocan un arrepiante choro furándolle as orellas ao acabaren de nacer, mentres que os bebés poden agardar á puberdade para decidir se queren levar pendentes?
Desde que puxen as lentes do xénero xa non sei ollar doutro xeito. Unha e outra vez, asisto á usurpación da nosa voz en favor dun discurso progue que rexe as sociedades progres do século XXI, que se instaura nos estratos sociais que representan o poder, que se autodenomina feminista, pero que se revela nos pequenos (pero significativos) detalles do cotiá como máis do mesmo. E unha, que non agardaba tal cousa dos círculos nos que se cría sentirse comprendida, decepciónase. Son esas verdades incómodas, coma as do tamén progre Al Gore, que só poden revelar as lentes do xénero. Se aínda non as tes, encarga as túas.
Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »