Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Olga Castro Vázquez

O sexismo na lingua (e III)

13:05 09/05/2008

Remataba o artigo anterior avogando por un cambio cara a unha sociedade máis igualitaria. E se queremos o cambio cómpre cuestionar aqueles aspectos opresivos da vida cotiá de mulleres e homes que se presentan como naturais, e desvelar que en realidade son construtos culturais e sociais discriminatorios. É dicir, cómpre identificar os mecanismos de opresión, e a linguaxe (a que usamos todos os días de xeito inconsciente e aprendido) é un mecanismo de opresión: éo porque pode ‘alienar’ as interlocutoras e facerlles sentir que un enunciado non se está a referir a elas (ademais de confundir aos e ás oíntes con enunciados ambiguos), e éo porque pode sobre todo ser un dos factores que contribúe a que as mulleres se vexan a elas mesmas dun xeito estereotipado ou negativo, o cal inflúe abofé nas expectativas sociais de mulleres e homes, no que consideran que poden ser ou facer. Así é como o estudo da linguaxe ten unha importancia vital para os feminismos e para a loita pola igualdade, porque o feito de explorar criticamente a linguaxe é por suposto un xeito de desnaturalizala.

Para camiñar cara a este cambio hai que considerar a linguaxe respecto do seu uso, e non como un obxecto de estudo estático. E por iso, cando propuña diferentes estratexias para usar un galego non sexista (neutralización/xeneralización por unha banda, e especificación/feminización pola outra), tamén dicía que estas estratexias son xustas e gañan exactitude a nivel lingüístico na medida en que fan unha representación simétrica dos sexos na linguaxe e representan na lingua a diferenza sexual que existe no mundo. Pero sobre todo, as estratexias son útiles a nivel cognitivo na medida en que nos fan reflexionar sobre o que dicimos e en como o dicimos, sobre o que pensamos e en como o pensamos/conceptualizamos/construímos con palabras. Pois, aínda que o significado non é algo inherente aos signo lingüístico (senón unha perspectiva posíbel e non excluínte, froito da negociación en cada contexto comunicativo), o certo é que a tendencia desta negociación móstrase acorde á ideoloxía dominante.

Isto que veño dicindo en realidade non é nada novo. Dende os 70 a nivel internacional (con Robin Lakoff e Dale Spender como pioneiras) e dende mediados dos 80 a nivel estatal, lévase argumentado moito e ben sobre a necesidade e conveniencia dunha linguaxe non sexista, do que hai abondosa bibliografía. Con todo, semella que o camiño cara á igualdade é longo, e abonda escoitar conversas da rúa para que non caiba dúbida de que cómpre insistir. E por iso insisto.

Claro que, ao mesmo tempo, avogar por este cambio social tamén dende a linguaxe, implica ir contra a ideoloxía dominante. E isto pode ter dous efectos moi distintos: 1) pode facer espertar conciencias e consciencias até agora ben domesticadas e submisas, pero 2) tamén pode levar a que se reforce a dominación ante o que se considera unha ameaza contra a orde estabelecida, e por iso dende determinados círculos se fomenta unha oposición contra esta linguaxe inclusiva. A oposición, á súa vez, tamén ten dous signos diversos: a) na minoría dos casos, pode tratarse dunha oposición lícita contra a linguaxe non sexista que parta de presupostos doutras correntes da filosofía da linguaxe e da sociolingüística –non todas as persoas temos que pensar do mesmo xeito!– , aínda que dende o meu punto de vista os argumentos críticos que utilizan son rebatíbeis e rebatidos con éxito pola lingüística feminista nas súas múltiples caracterizacións –filosofía, sociolingüística, pragmática, semiótica, análise crítica do discurso, etc– apoiándose nas evidencias das probas empíricas; b) na inmensísima maioría dos casos trátase dunha oposición baseada en meras opinións (non argumentacións sólidas) que terxiversan de forma malintencionada os obxectivos da linguaxe non sexista, e que ademais difunden falsos mitos co obxectivo de confundir á opinión pública, aproveitando as influíntes columnas de opinión dos medios de comunicación. Pois disto último hai moito. Desculpen que bote man de exemplos en castelán, pero non podo evitar mencionar a Ángel López e a súa consideración da linguaxe non sexista como “rasgos puramente epidérmicos” que só reivindican aquelas persoas que viven na “ingenuidad neoplatónica” (Gramática Femenina, 1991); a Javier Marías e a súa definición de “una mojigatería, una ridiculez, una cursilería” (El País, 20/3/1995); a Manuel-Luis Casalderrey e a súa referencia a “lenguaje feminista coñazo” (La Voz de Galicia, 15/11/1995) ou “chorradiñas lingüísticas” (La Voz de Galicia, 3/8/2004, día que se publicaba no DOG a Lei de Igualdade); a Joan Busquet e a petición para que “los instigadores de tan peregrinas copulaciones (...) dejen de marearnos, de manera tan contumaz como inútil, con torpes apareamientos y otras tretas lingüísticas” (El Periódico, 25/11/2006) ; ou a Miguel García-Posada e o seu terror por “violentar la gramática e ir contra el sentido común” (El País, 20/03/1995), aínda que cómpre preguntarse quen/que fixa o que é o sentido común nunha sociedade... Disto hai moito, si. Demasiado. Chámase apropiación e neutralización, e temos exemplos ben recentes, como cando Fraga acabou facendo súa a proclama de Castelao ‘mexan por nós e dicimos que chove’ nas pre-eleccións do 2005, ou como aínda hoxe o patriarcado difunde a idea de que feminismo é o contrario de machismo (quen teña aínda dúbidas que consulte o dicionario). E abofé que esta terxiversación confunde á opinión pública. Se non, non se explica unha como é que tanta xente acabe por dicir paradoxos e absurdos como ‘eu non son machista nin feminista, só quero a igualdade’.

Economía da linguaxe e outras críticas contra a linguaxe non sexista
Este ‘novo’ machismo lingüístico do século XXI que terxiversa o sentido mesmo da linguaxe non sexista reduce a linguaxe non sexista a aquela que enche o texto de arrobas, barras, trazos, parénteses, palabras inexistentes ou duplicacións, entorpecendo o texto e creando unha linguaxe antinatural e afastada da gramática. Porén, nada pode crear unha linguaxe antinatural porque a linguaxe en si mesma nunca é natural, senón un construto social e unha cuestión de hábito. É curioso que tanto moleste o símbolo @ en galego para incluír a mulleres e homes en determinados contextos (a nivel persoal confeso que é a estratexia que menos utilizo –non sendo en sms– porque coido que hai outras mellores, pero iso non quere dicir que non sexa un recurso máis á nosa disposición), mentres que noutras linguas como o inglés o símbolo @ estea por todas partes para substituír a preposición ‘at’ (pois a súa pronuncia é idéntica) sen que moleste. Ao final vai ser que o molesto non é o símbolo, senón as mulleres.

Di tamén este machismo lingüístico baseado no descoñecemento que a linguaxe non sexista racha co principio de economía da linguaxe, e volvo á tan citada frases de ‘a cadela e o can son a e o mellor amiga e amigo da muller e do home’. Catro apreciacións: 1) A linguaxe non sexista non consiste para nada en crear frases deste tipo que invitan á ridiculez, senón a frases que fagan pensar na representación de mulleres e homes na lingua como podería ser ‘o can é o mellor amigo das persoas’ ou ‘o can é o mellor amigo do home e da muller’. Non se trata de repetir todas as palabras da frase con flexión de xénero, senón de duplicar o grupo nominal da frase porque a nivel cognitivo é o que máis poder evocador ten en crear unha imaxe mental determinada. Cómpre tamén determinar un criterio simétrico para a orde de aparición dos elementos, rachando coa orde social que nos levaría sempre a colocar o masculino primeiro, e este criterio pode ser por exemplo o alfabético (‘nenas e nenos’, ‘nenas/os’, pero ‘autor/a’, ‘autor ou autora’). E cómpre tamén seguir un criterio simétrico tamén para estabelecer a concordancia, e este criterio pode ser o de proximidade co grupo nominal (‘mañá chegan as nenas e nenos indios’, pero ‘mañá chegan o autor e autora india’). 2) A economía lingüística non é unha regra que estea sempre presente nas linguas porque, de feito, a linguaxe sexista é a primeira en non seguir o principio da economía da linguaxe! Son frecuentes os enunciados sexistas como ‘muller ministro’, ‘mulleres escritoras’, ‘mulleres panameñas’, ou frases como ‘trinta inmigrantes e unha muller chegan ás costas’, ‘cada vez hai máis mulleres enxeñeiras’, ou ‘mulleres soldado’ caendo no sexismo pola insistencia innecesaria do termo muller, que acaba facendo que a muller sexa, por riba de calquera outra cousa, muller. (Aplíquese lei de simetría!). Tampouco respecta a economía lingüística, nin é simétrico, utilizar o nome de pía diante do apelido para referirse a mulleres, como vimos antes, en enunciados do tipo “Ana Patricia Botín reúnese con Pizarro”! (Cómpre ou ben pór só o apelido nos dous casos, ou ben incluír o nome en ambos casos tamén). O caso é que eu non ouvín aínda a primeira queixa polo incómoda que é a non-economía da linguaxe nestes casos! Así que, unha vez máis, aquí temos a dobre vara de medir. 3) Xa teño falado de que o xénero lingüístico non é unha simple categoría gramatical, senón que cando o referente son persoas, sexo e xénero converxen e adquire así valor semántico (agás nas moi contadas excepcións dos epicenos). Porén, moitas das persoas ‘fieis’ á Academia da lingua que acusan á linguaxe non sexista de ser contraria á economía da linguaxe, tamén insisten en que o xénero non ten sentido específico e que pertence ás obrigas estruturais da linguaxe. Caen así nun evidente paradoxo, porque se o xénero lingüístico é só unha cuestión gramatical que non achega ningún significado, a súa propia existencia iría en contra da economía da linguaxe! 4) O argumento da economía en si mesmo resulta moi cuestionado noutros ámbitos, xa que tal criterio podería servir para xustificar a eliminación das linguas en favor dunha soa (pero xa sabemos que neste caso se defende a variedade como forma de riqueza e de valor dunha comunidade). E 5) Por se alguén cre que dicir ‘can’ é discriminatorio coas cadelas, cómpre entender que os nomes de animais si son epicenos –o rato, o sapo, a xirafa, a rata, o cervo, a ra– e non son discriminatorios porque os animais non pensan con palabras, é dicir, a nosa linguaxe non é un organizador cognitivo das súas acción e por ese motivo non está relacionado coa súa discriminación social por razón de sexo. E por unha vez concordo con Joan Busquet (iso si, para ridiculizar a súa propia ridiculez) e confirmo que “la invasión de gatos callejeros que sufren los vecinos de algunos descampados incluye naturalmente a las gatas”. Pois ben, fica claro xa que estes argumentos rozan o absurdo, malia o empeño dalgúns por seguir coando onde poden ridiculeces que buscan a complicidade social para burlar e distorsionar o sentido mesmo da linguaxe non sexista: véxase o exemplo castelán de Javier Marías “Los empleados y las empleadas madrileños y madrileñas están descontentos y descontentas por haber sido instados e instadas, y aun obligados y obligadas, a declararse católicos y católicas, o fielos y fielas a otros credos...”. Co doado que sería dicir ‘As empregadas e empregados madrileños están descontentos porque se lles instou, e mesmo obrigou, a declarse católicos ou fieis a outros credos...’!!!!

Así mesmo, atácase á linguaxe non sexista dicindo que ‘crea’ palabras que non existen para nomear especificamente a mulleres, como ‘a xuíza’ ou ‘a chanceleira’. No entanto, a regra da inversión demóstranos que non pasa nada por crear palabras en masculino para que funcionen como xenéricos do tipo ‘o modisto’ (malia existir xa previamente unha palabra neutra, como ‘o modista’), ‘o enfermeiro’ (malia ser maioría enfermeiras na profesión), ou que se diga ‘o cociñeiro’ malia que en termos porcentuais quen cociña (fóra dos programas de televisión) son mulleres. Estas si que axiña se volven ‘normais’ e ‘naturais’ na lingua.

O politicamente correcto
Ademais, en xeral, todas estas críticas obvian o papel da linguaxe na contribución a unha sociedade máis igualitaria, e acusan á linguaxe non sexista de ser simplemente unha cuestión que fica no terreo do ‘politicamente correcto’ (PC). Sen entrar a fondo nas orixes mesmas do termo (que a grandes trazos se podería situar en grupos de esquerdas dos 70 que utilizaban o termo para ironizar sobre a rixidez e intransixencia dalgúns dos seus postulados), hoxe en día considérase que o ‘PC’ consiste nunha linguaxe chea de eufemismos e nunha serie de regras lingüísticas esaxeradas que se utilizan para non ofender a ningún colectivo supostamente minoritario ou en situación de inferioridade social, co fin ‘epidérmico’ de evitar conflitos. E ter que dicir que “los ciegos son invidentes, los cojos son minusválidos, los subnormales disminuidos psíquicos, los mongólicos síndromes de Down y así sucesivamente, en un intento de suavizar sus males por la vía de modificar sus nombres” parece molestar moito a algúns, como o escritor castelán Julio Llamazares (El País, 20/01/2007).

Con estas frecuentes e mediáticas opinións acaba creándose unha oposición contra estas expresións ‘PC’ por seren contrarias á liberdade de expresión, e por extensión parece que implicitamente se acusa á linguaxe non sexista de ser contraria tamén á liberdade de expresión. O problema é que se confunde (e faise decote) o obxectivo do supostamente ‘PC’ (un xeito de non ferir sensibilidades) co verdadeiro obxectivo da linguaxe non sexista e da linguaxe non discriminatoria en xeral (pensar/construír a realidade con outras palabras). E case sempre que se abre un debate sobre sexismo na lingua se acaba mencionado o ‘politicamente correcto’, coma se de sinónimos se tratase (lembremos o título daquela suxestiva reportaxe ‘Unha nova batalla contra a discriminación ou o enésimo artificio politicamente correcto?’). Confúndense, pero a realidade é outra. O ‘PC’ e a linguaxe non sexista non son para nada a mesma cousa, e de feito ningún/ha feminista defendeu nunca a adopción da linguaxe non sexista por ser politicamente correcta!! Non se trata (non canso de repetilo) de ser eufemista, nin se trata tampouco de impoñer ou prescribir cambios nas palabras para non ‘ferir’ sensibilidades. Do que si se trata é de cambiar o repertorio de significados que transmite unha lingua, de reflexionar responsabelmente sobre o que se di e sobre como se di para cambiar de perspectivas e contribuír así, dende o interior de cada persoa, a subverter a realidade patriarcal. Por isto, utilizar nestes contextos o termo ‘PC’ é un xeito de trivializar o debate sobre as prácticas de linguaxe non sexista. Reducir a linguaxe non sexista ao mero ámbito do ‘PC’ é un novo intento de apropiarse, de desacreditar e de ridiculizar as políticas lingüísticas a prol dunha sociedade máis igualitaria.

Planificación lingüística & planificación de xénero
Unha última reflexión. Dixen antes que a linguaxe é un mecanismo de opresión na que se xeran sempre unhas relacións de poder e de dominación. E a isto, dependendo do ámbito do que se trate, dáselle unha ou outra relevancia. Cando o dicimos as e os feministas axiña se nos desacredita. Pero cando o din outros estamentos lingüísticos, as relacións de poder opresoras intentan compensarse. Como ben explica María Jesús Fariña neste artigo (páx. 62) [http://www.contaconelas.org/materiales_files/LIBRO_universidad.pdf ] con frecuencia foméntanse prácticas para galeguizar áreas de coñecemento (sobre todo nas novas tecnoloxías), pero dáse o paradoxo de que estas novas ferramentas tecnolóxicas perpetúan a linguaxe sexista reproducindo contidos ancorados nos prexuízos do pasado: “cliquéase, chatéase, faise delete sen pensar na presión de ningunha normativa, pero particularizar o feminino é custoso, vai contra as normas lingüísticas e queda fóra das prioridades”. De feito, particularizar o feminino segue a provocar reticencias entre aquelas e aqueles axentes de planificación lingüística preocupados pola promoción das linguas minorizadas en comunidades heteroglósicas, que defenden que o galego é un estandarte de tradición e daquela debe amosar resistencia ás imposicións foráneas (como por exemplo, a linguaxe non sexista) para evitar a inseguridade lingüística (decote arraigada) nas e nos falantes. Non obstante, a consecución dun galego non sexista tería importantes aspectos vantaxosos, e non só para a sociedade galega (que deste xeito sería máis igualitaria) senón tamén para a propia lingua, pois invitaría a examinar cuestións de dominación, de violencia simbólica, de hexemonía e de imperialismo lingüístico.

Os paralelismos que se poden estabelecer son moi numerosos e produtivos e, dende logo, a planificación lingüística pode ir perfectamente acompañada da planificación de xénero. Na encrucillada xénero e nación, eu escollo AS DÚAS!

4,6/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Olga Castro

Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »



Anteriores...