A campaña mediática “Chegou o momento”, na que a través de Cyberspots cidadáns se pide o voto para o Partido Popular de Galicia, tróuxonos nestes últimos días interesantes reflexións sobre aspectos mellorábeis da vida das galegas e galegos. Todas elas merecen unha análise minuciosa para podermos así entender as súas reivindicacións como parte do contexto electoral actual.
Mais neste artigo cinguireime tan só a un único cyberspot: aquel que anuncia co seu lema que “chegou o momento da igualdade real”.
A mensaxe é preciosa e tan (auto)compracente que nun arrebato eufórico convence a calquera. Cantas e cantos levamos esixindo que chegue por fin o momento da igualdade real! E que ledicia debería darnos que un partido político de forma tan explícita proclame esta posición! Pero acontece que, de apelarmos a ese trazo tan noso chamado “sentidiño”, o lema axiña desvela unha incoherencia clara e unha demagoxia aínda máis evidente. Abofé que todos os actos demagóxicos son censurábeis, mais as proporcións deste antóllanseme desmesuradas de termos en conta que tal lema fai referencia directa, nin máis nin menos, que á metade da cidadanía galega.
Feitos que fan dubidar
Ao sentidiño cómpre apelar en visto dos feitos. Uns feitos moi recentes que, postos por xunto, fan dubidar de que o que se entende por “igualdade real” nesta campaña sexa realmente esa igualdade desexábel, ética e liberadora que contribúa a que mulleres e homes sexamos persoas máis libres sen vermos constrinxidas as nosas opcións vitais por uns padróns de xénero nos que xa non encaixamos.
Primeira contradición: “coidar das mulleres”
Do verdadeiro sentido de “igualdade real” fan dubidar declaracións de diferentes líderes políticos do partido promotor da campaña. Por exemplo, o líder do PP en Ourense, José Luis Baltar, referiuse ao candidato nacionalista ao goberno galego coa insinuación do perigoso que é deixar nas súas mans a Consellería de Igualdade: "Non hai dereito a que, con quen é o encargado de coidar das mulleres, se dean os feitos que se dan. Algúns xa saben do que falo: puxemos ao rato a coidar do queixo". O propio Baltar dá mostra (entre moitas outras cousas que non vou entrar a analizar) da súa visión das mulleres como seres débiles e relativos aos que hai que coidar, no que resulta unha visión claramente paternalista. Quizais cumpra aclararlle a Baltar que as mulleres temos suficiente capacidade de acción e somos quen de coidarnos por nós mesmas... se nos deixan, claro.
Pero alén diso, o comentario de Baltar explica claramente outro feito curioso relativo á consideración que desde o partido político no que milita se tiña/ten das mulleres. Así, cómpre lembrar que a actual Secretaría de Igualdade supuxo unha revisión/substitución da denominada “Consellería de Muller e Familia” existente en Galiza anos atrás, e que na súa propia denominación deixa boa mostra do papel que concibe para as mulleres.
Segunda contradición: “en casa, no hago nada”
Por outra parte, é unha realidade que nosa contorna o avance lento pero imparábel dos feminismos conseguiu que determinadas perspectivas noutrora consideradas radicais formen parte do sentido común das sociedades. O feminismo está en certa medida institucionalizado, e segundo as enquisas do CIS no estado español a ampla maioría da poboación ve “lóxico” e “desexábel” a corresponsabilidade, tamén nos labores do fogar. Certo é que, como xa teño manifestado noutra parte, hai moitos progres que adoptan este discurso pero no día a día fracasan en levalo á práctica. No entanto, que adopten o discurso xa é un indicio de cambio, pois ben sabemos que para acadar a “igualdade real” cómpre des-aprender e re-aprender algunhas verdades moi afianzadas, e iso leva o seu tempo. O que resulta sorprendente a día de hoxe é escoitar a personalidades públicas pronunciar, cunha sinceridade asombrosa, que non cociñan, nin pasan o ferro, nin fregan, nin se ocupan en absoluto das reunións da escola e que, en suma, rematan as preguntas da xornalista sentenciando que “en casa, no hago nada”. Estas declaracións realizounas o parlamentario do PP José Manuel Balseiro nunha entrevista publicada no xornal El Progreso (20/02/2009, p.29) baixo o título “La plancha en mi casa funciona, pero yo no la cojo”. E sen dúbida, deixan a calquera confusa/o sobre o que se debe entender por esa “igualdade real” proclamada no vídeo da campaña.
Terceira contradición: “[Feijóo] di que casou con Galicia”
Aínda así podería pensarse que se trata de dous díscolos militantes do Partido Popular que non entenderon ben as directrices da súa formación política. Mais o mesmo Alberto Núñez Feijóo tamén incorre nestas mesmas incoherencias cando, nun vídeo promocional no que familiares e amizades o retratan, súa nai Sira Feijóo pon en boca do candidato popular: "Aínda encima di que casou con Galicia, vaia home!... e Galicia non me dá netos". Cando Feijóo di que casou con Galiza está participando na sustentación dun dos usos metafóricos do corpo feminino máis antigo e tamén máis pernicioso: o corpo feminino como símbolo da terra, como territorio a explorar, penetrar, conquistar e finalmente ocupar. Como ten apuntado a profesora Belén Martín, a construción da nación como un termo feminino equiparábel á idea de muller semella un paso lóxico nunha ideoloxía patriarcal onde o home exerce claro dominio sobre a muller, que se concibe como unha propiedade do varón ao seu servizo. A muller é o emprazamento da reprodución, a terra na que o home pon a súa semente para que dea froitos (eses netos que a Sra. Feijóo aínda non ten).
Pero esta retórica non é nova do candidato do Partido Popular. Xa o ex presidente Manuel Fraga ten feito uso dela en numerosas ocasións. Aí atrás, en referencia á súa posíbel reelección para o cargo de presidente, declarou non ter máis noiva que Galiza, á que volvería pedir a man e de quen agardaba que lla concedese. Xa que logo, non só semella desatinado o lema de que “chegou o momento da igualdade real”, senón tamén o lema “empezamos”, habida conta de que o Núñez Feijóo segue a perpetuar eses usos misóxinos da retórica e do discurso. Quizais poida deberse, e isto xa é pura especulación, a que el mesmo foi vicepresidente do goberno Fraga?
Últimas reflexións
Desde logo non é esta unha listaxe exhaustiva polos feitos que fan dubidar do sentido mesmo que para algunhas persoas ten a expresión de “igualdade real”, e o feito de me centrar exclusivamente neste partido político responde en grande medida á desilusión que me acabou provocando ese arrecendo inicial tan magnífico que desprendía o seu vídeo de campaña a prol da igualdade... Pero ao final vai ser o que unha vez anunciou David Trueba: está claro que a sociedade necesita gobernos de esquerda para aprobar e consolidar melloras sociais das que se beneficia logo toda a poboación (tamén aquelas/es que a elas se opoñen). Aconteceu co divorcio, coa despenalización do aborto, coa lei de paridade... e semella que tamén ten que pasar co asunto este da “igualdade real”.
Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »