[Sabían vostedes que Pérez ten un irmán,
pero que o irmán de Pérez non ten irmáns?]
Concluía o artigo anterior afirmando que a lingua non só reflicte a realidade, senón que tamén contribúe a formar e construír esa realidade social, e que por iso a loita contra o sexismo lingüístico é fundamental na loita por unha sociedade máis igualitaria. E insinuaba tamén que as nosas sociedades son sexistas, como sexista é tamén a linguaxe que se nos presenta como correcta, neutra e ‘natural’, porque esta linguaxe parte dunha óptica androcéntrica e lexitima actitudes lingüísticas que exaltan os logros dun só sexo discriminando e subordinando os do outro.
As razóns que conduciron á linguaxe sexista non son ‘puramente gramaticais’, senón que responden a razóns ideolóxicas (no sentido que Althusser dá á ideoloxía, e en concreto á ideoloxía dominante). De feito, todas as civilizacións coñecidas definen a realidade conforme aos intereses dos grupos de poder (os únicos que teñen poder para designar e denominar) e así exercen unha violencia simbólica que, segundo o sociólogo Bourdieu, fai aparecer como aceptábeis unhas condicións de existencia inxustas. Esta violencia simbólica explica a permanencia das relacións de dominación, e o seu gran poder radica na enorme importancia das crenzas na produción e reprodución da superioridade do grupo dominante como aspecto central da orde estabelecida, e no feito de que se presente como necesaria e única posíbel o que non é máis ca unha forma (de entre moitas posíbeis) de organización social. Deste xeito, esta orde social é recoñecida e admitida polo grupo dominado, convencido de que iso é así porque sempre foi así, e deberá seguir sendo así.
No caso que nos ocupa, as normas lingüísticas coas que nomeamos a realidade veñen ditadas por grupos de poder acordes aos valores culturais e ideolóxicos dominantes (patriarcado), e xustamente ao seren dominantes disfrázanse como neutrais, obxectivos, ‘normais’ e ‘naturais’ e vanse adquirindo de forma acrítica e inconsciente até o punto de que aceptemos esa linguaxe como a única posíbel e correcta. Esta inconsciencia (derivada da súa relación coa ideoloxía dominante disfrazada de ‘non-ideoloxía’) fai que moitas (moitísimas) veces o sexismo lingüístico non sexa intencionado. Pero esta falta de intencionalidade non quere dicir que non sexa sexismo, porque de feito segue transmitindo a ideoloxía patriarcal e xa sabemos que a ideoloxía é máis efectiva cando non se manifesta de forma obvia, xa que non se considera ‘auténtica’ ideoloxía.
Como é sexista o galego
Levamos décadas dicíndoo. Mais por se for preciso insistir, aquí vai un repaso. (E se non for preciso, váiase á seguinte sección ‘Por que cambiar o galego?’).
Hai ocasións nas que a linguaxe é sexista dunha forma máis obvia e xeral, e outras nas que o sexismo lingüístico só se pode atribuír a o uso específico que se lle dera nun contexto determinado. Pero un xeito doado de podermos saber cando estamos diante dunha construción lingüística sexista ou non, consiste en aplicar a regra da inversión e da simetría: se invertemos o xénero dunha construción lingüística e nos sae unha frase que ‘nunca’ diríamos, ou se unha marca que lle aplicamos a un xénero ‘nunca’ lla aplicaríamos ao outro, é que estamos diante dunha expresión asimétrica e sexista.
O primeiro (e máis discutido) exemplo de androcentrismo/sexismo lingüístico é o uso do masculino xenérico, resultado dun longo proceso cuxo punto de partida é a desaparición do xénero neutro do latín. Mais cómpre preguntarse por que se ‘normalizou’ o carácter xenérico do masculino: a resposta descóbrenos que foron precisamente os grupos de poder masculinos (porque as mulleres estaban nas casas) as que tomaron a decisión androcéntrica de que o xénero masculino era o non marcado, o que valía para nomear a toda a humanidade (e é lóxico que, sendo todos homes, non lles soase ben terse que referir a eles mesmos en feminino, pero apliquémoslle a isto a regra da inversión!). En resumo, o feito de que en galego exista un xenérico que coincida co masculino responde claramente a un enfoque androcéntrico que equipara varón a ser humano. Así, considérase que o masculino é o xénero non marcado e polo tanto o idóneo para facer referencia ao sexo home, a ambos sexos, a un sexo descoñecido ou mesmo ao sexo muller (é moi habitual chamar ‘alumnos’ ás persoas que asisten a unha aula, mesmo cando todas son mulleres). Para xustificar que esta decisión non responde a criterios androcéntricos, nas institucións da lingua argumentan que o xénero gramatical do galego non garda relación co sexo biolóxico, porque se lle outorga xénero masculino ou feminino non só a seres humanos e vivos, senón tamén a cousas inanimadas. Isto último é certo. Porén, cando o referente son persoas, nestas linguas o xénero gramatical si fai referencia ao sexo real e reflicte a distinción entre mulleres e homes. Daquela, cando o referente son persoas, a asignación do xénero lingüístico está baseada principalmente en criterios semánticos, pois nestes casos sexo e xénero lingüístico converxen, agás en moi contadas excepcións como o caso dos epicenos (palabras que cun só xénero gramatical nomean a persoas de ambos sexos, como ‘a vítima’, ‘o xenio’, ‘o ser humano’, ‘o bebé’, ‘a persoa’, etc). Pero o masculino xenérico non é unha destas excepcións (é dicir, o masculino xenérico non funciona como epiceno) polo menos por dúas razóns. Primeira, porque a nivel cognitivo a representación mental que se crea é masculina (véxase a solución ao enigma de Pérez: o epiceno Pérez é unha muller) e deste xeito invisibiliza a parte dos suxeitos a quen di representar. E segunda razón, porque a diferenza dos epicenos reais, o masculino xenérico é ambiguo. Ao preguntar ‘cantas vítimas sofren ataques racistas?’ sábese que contestar (logo, vítima si é un epiceno). Pero ao preguntar ‘cantos tíos ten Lois?’ non é posíbel saber se a referencia vai para homes, mulleres, ou ambos sexos (logo, o masculino xenérico é ambiguo). E esta ambigüidade é moito máis grave aínda cando son/mos as mulleres as interpeladas cun masculino xenérico, pois débese desenvolver unha dobre identidade sexolingüística coa que intuír se se está incluída ou non en cada discurso.
O androcentrismo está aínda máis claro no uso da voz ‘home’ para facer referencia á humanidade no seu conxunto (como ‘o home prehistórico’), que acaba explicando frases do tipo ‘solicite un duplicado para a súa esposa e fillos’, ‘abono familiar para marido e cónxuxe’ ou ‘os membros do Parlamento e as súas esposas’. A concordancia gramatical estabelécese por un criterio androcéntrico, xa que dende o momento que aparece un elemento masculino na frase, este é o que rexe sempre a concordancia (“unha muller e un rato atropelados por un coche”). Aplíquese a lei da inversión. O xénero feminino preséntase como derivado do masculino (aí seguimos coa costela de Adán...), como xa aprendemos dende a infancia nos libros de texto que nos ensinan a ‘formación do feminino’ a partir do masculino (en lugar de ensinarnos a formación dos dous xéneros a partir da raíz da palabra). Dinnos que os dicionarios seguen unha orde alfabética, pero iso é unha flagrante mentira (do contrario, habería que buscar ‘nena, -o’, e non ‘neno, -a’), polo que en realidade o que rexe é a orde social (a mesma que fai que ‘soe mellor’ pai e nai, home e muller, etc.) A linguaxe ten tamén moitos baleiros lexicais que nos imposibilitan ás mulleres denominar algunhas experiencias vitais propias dende a nosa perspectiva. Pensemos se non na denominación do acto sexual (‘penetración’), que limita o papel da muller á pasividade (‘ser penetrada’). Ou pensemos nos nomes de profesión, e nas reticencias que hai á incorporación de vocábulos en feminino (‘albanela’, ‘xuíza’, ‘chanceleira’), mentres que se aplicamos a lei da inversión vemos que cando non hai formas masculinas para unha profesión que empeza a ser desempeñada por homes axiña se introduce un novo termo para englobalo: hoxe fálase de ‘enfermeiros’ cando o 70% das profesionais son mulleres, e tamén se fala de ‘modistos’ (malia que a terminación ‘-ista’ é neutra en galego). A linguaxe si cambia nalgunhas ocasións! As formas de tratamento son asimétricas, e á única para home (‘señor’) correspóndenlle dúas para mulleres (‘señora’, ‘señorita’) incorporando unha información sobre o estado civil ou a idade que, a lei da simetría, revela sexista. Tamén é asimétrico falar de ‘escritores’ fronte a ‘mulleres escritoras’, toda unha redundancia que pon o criterio biolóxico-sexual por riba do social-profesional. Ás mulleres pódesenos chamar polo nome de pía, mentres que aos homes se lles reservan os apelidos (‘Soraya foi a escollida por Rajoy’, ‘María Teresa de la Vega e Zapatero deciden sobre o futuro’, ‘Bibiana Aido fala con Solbes’) ou os cargos profesionais (‘Esperanza e o alcalde’), que dá un trato de familiaridade e falta de respecto profesional, como proba a lei da inversión. E, aínda que esta escolma é moi incompleta, para ir rematando xa cómpre ver que a linguaxe se utiliza tamén para comunicar todo tipo de estereotipos sociais que mostran as mulleres como seres pasivos e criaturas sexuais caracterizadas pola dependencia, beleza física, sentimentalidade, sensibilidade, conciliadoras con tal de non crear conflito, en contraposición aos homes activos e criaturas racionais con fortaleza física, superioridade intelectual e independencia.
Por que cambiar o galego?
Porque unha linguaxe libre de androcentrismo e sexismo gañará exactitude e funcionalidade pondo fin á ambigüidade actual, como a que gaña coa incorporación de novos vocábulos no eido da informática e das novas tecnoloxías requiridos polas novas situacións sociais. E, sobre todo, porque se pensamos con palabras e categorías gramaticais e se imaxinamos a realidade e as persoas a través da representación cognitiva que delas facemos mediante a linguaxe, a linguaxe non sexista é parte fundamental (non única) de cambio social cara a unha sociedade igualitaria. Non se trata de cambiar a linguaxe simplemente por unha cuestión estética, de moda, ou politicamente correcta; senón de cambiar o repertorio de significados que transmite unha lingua, é dicir, trátase de obrigar ás e aos falantes a pensar no que din e como o din para que haxa cambios en perspectivas que, á súa vez, actuarán como estímulos xeradores de cambios na acción humana e na realidade. Isto sábeno (máis na teoría ca na práctica) os poderes públicos, e a obrigatoriedade da linguaxe non sexista queda reflectida en textos lexislativos como a última Lei de Igualdade española (título II, capítulo 1, artigo 14, punto 11 da Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes , e na Lei Galega para a Igualdade de mulleres e homes (capítulo III, artigo 18) (e as leis son de obrigado cumprimento!), así como na publicación das numerosas guías de linguaxe non sexista. Pero cómpre ter presente que non se trata de impoñer cambios na lingua, senón de promovelos facendo pensar e reflexionar no porqué dos cambios.
Empregar unha linguaxe non sexista, aquela que non discrimina nin estereotipa a ningún sexo e que polo tanto outorga un trato simétrico aos dous xéneros, contribuirá a cambiar os padróns de xénero. A linguaxe ofrécenos diferentes estratexias, e escoller unhas ou outras depende do contexto, do tipo de texto, do obxectivo de cada enunciado, etc. (Por suposto non consiste en ter encher textos con dobretes, nin arrobas nin barras até a ridiculez máis absoluta!!!)
Estratexias de linguaxe non sexista
Podemos neutralizar ou xeralizar, é dicir, substituír o termo sexista por un termo neutro para evitar especificar o xénero masculino de forma explícita cando o referente non só inclúe a homes (‘veciñanza’ vs. veciños, ‘mocidade’ vs. mozos, ‘persoal docente’ vs. profesores, ‘no congreso debaterase sobre’ vs. ‘os deputados debaterán sobre...’, ‘o salario en Galiza é inferior a...’ vs. ‘os galegos teñen un salario inferior a...’.
Aínda así, numerosos estudos proban que moitas veces a representación cognitiva dos xenéricos tende a ser masculina (tantos anos de violencia simbólica e de visión androcéntrica do mundo teñen consecuencias nefastas, como demostra o enigma de Pérez!) e así, en galego pode aproveitarse a sufixación (que xa existe na lingua) para visibilizar os dous sexos de forma explícita e directa. Esta é de feito outra estratexia, a de feminizar ou especificar, é dicir, facer visíbeis na linguaxe aos sexos mencionados mediante marcas do xénero gramatical explícitas e simétricas: se é unha muller utilízase o feminino; se é un home utilízase o masculino; se son muller e home menciónanse ambos xéneros; e ambos xéneros tamén de descoñecer o sexo da persoa. Cando temos que mencionar a ambos sexos, cómpre botar man de recursos como o uso de barras, arroba (@) ou a duplicación, que serán máis ou menos pertinente dependendo do contexto: a @ é estupendo para as sms, porque aforra caracteres (é dicir, cartos); a / está xa implantada na linguaxe administrativa e formularios; e a duplicación adoita preferirse noutros contextos máis formais (‘os e as atletas fixérono moi ben’, ‘as nais e pais que queiran ir de excursión’, ‘dillo a tod@s’, ‘a/o titular’,‘benvidas e benvido a este congreso’). Estas estratexias implican nalgúns casos crear palabras que até entón non contaban cun xenérico (estudantado) ou co feminino (albanela, chancelera), igual que se crean palabras novas todos os días para representar outras realidades (i-pod, e-mail, sms, hip-hop ou tuppersex).
E aquí comezan as terxiversacións e falsos mitos sobre a linguaxe non sexista que dende certos sectores interesa difundir para confundir a opinión pública, e que xorden da desinformación e de opinións non fundamentadas en argumentos críticos. Quedan para o vindeiro artigo, último (e máis breve) desta serie sobre sexismo lingüístico. Seguimos.
Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »