Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Cid

Cultura popular

12:00 11/11/2007

Teño diante o breve, crítico e estrambótico informe do Consello Económico e Social sobre a creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, unanimente respaldado polos seus membros. Logo de lelo a un éntranlle as dúbidas sobre se solicitar por rexistro a disolución deste órgano consultivo, ou incluír o documento na lista de textos humorísticos galegos, canda os guións dos Tonechos.

A AGADIC é a institución coa que (baixo a fórmula administrativa de "axencia galega") o goberno quere substituír o IGAEM. Pero non é só unha desafortunada mudanza de nome. Conforme se desprende do anteproxecto da Consellaría, a Axencia terá como obxectivo "reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas", e para iso aparentemente potenciará a función de motor económico da cultura, tanto dentro do país como na súa internacionalización. Se o propósito da Axencia chega a converterse en realidade e ademais funciona, suporía unha ruptura brusca e total coa política cultural galega dos últimos 25 anos.

De toda esta ruptura fundamental, ao Consello Económico e Social de Galicia, o órgano consultivo da Xunta en materia socioeconómica, non lle interesan as repercusións económicas. Non lle interesa avaliar cal pode ser a mellor forma de internacionalización dos produtos culturais. Non achega modelos similares doutros contextos que poidan servir de inspiración. Non se pregunta por réximes fiscais, nin aconsella na adecuación da lexislación de pemes, nin se inquieta por como pode a Axencia afectar o réxime de fundacións, por exemplo. Non. O informe do CES, que é moi crítico, céntrase en tres aspectos: os procedementos de contratación, a duplicidade de competencias e a cultura popular.

Sorpréndome de que nun órgano no que están representados 11 sindicalistas, 11 empresarios (debidamente confederados) e 11 friquis (mariñeiros de baixura, consumidores, universidades...), as preocupacións fundamentais sexan esas. O dos contratos entendo que lles podería interesar aos sindicalistas; porén as opinións do informe van máis dirixidas a dilucidar quen ten o trienio máis longo do que a garantir salarios dignos ou recursos de formación. A discusión competencial parte do temor de que esta AGADIC lle pape terreo ao IGAPE ou a Industria: ese é un problema ao parecer inexistente logo dos convenientes acordos entre departamentos, pero aínda se houbese problemas de marcos, deberían as explotacións de vacún ser competencia de Industria ou de Medio Rural? Se é así, a partir de cantas cabezas consideramos unha granxa industria ou hobby labrego? Catro de carne e dúas de leite?

O da cultura popular é, con diferenza, o máis preocupante. O CES teme que a AGADIC deixe desprotexidas "as manifestacións e actividades culturais emanadas do movemento asociativo e cultural de base". Pero qué diaño hai que protexer nun movemento que se define como "de base"? Sorprenderíame a preocupación empresarial polas asociacións culturais, e desbotado que os mariñeiros de baixura interveñan nesta cuestión, deduzo con marxe pró erro que esta é unha achega do movemento sindical. Así que alguén debería dicirlle a este lobi mormente conservador que a política de subvencións culturais é algo a extinguir nun país socioeconomicamente san. É un atraso e unha miseria, como o foi a xugada de bois, a parcelación excesiva ou a pesca a ollo. Pra que gastamos durante estes 25 anos millóns e millóns de euros en subvencionar asociacións que tiñan como único fin publicar revistas? Canto nos custaron esas toneladas de papel aos galegos e ás galegas? E, máis importante, que quedou de todo iso? Debería haber un órgano consultivo que botase contas coma esas, pero non o hai.

A verdadeira cultura popular créase, sobrevive e muda autonomamente. A cultura popular é a de Tucho, un mozo que ten un bar en Ribeira, e que no faiado do local fai conferencias, exposicións e concertos do que lle peta e porque lle peta. Montaron unha asociación, fan as súas camisetas, manteñen unha pequeniña web... Pra que necesitan subvención ningunha? A outra, a que levamos sufrindo 25 anos, é unha rediña clientelar, así, prás nosas cousas, como a paga que se lles dá aos chavales, pero cunha adolescencia que xa nos dura 25 anos. Dixen rediña clientelar? O informe tamén sinala: "o CES entende que, na medida en que é un órgano de representación da sociedade civil," (!!) "debe contemplarse o dereito das asociacións empresariais e centrais sindicais máis representativas á participación no consello de dirección de AGADIC". Acabáramos! Velaí a cultura popular.


O informe do CES
(.pdf / 473 Kb)

4,88/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cid

(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web. »



Anteriores...