Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Cid

Adiantar pola dereita

19:01 15/03/2007

O líder da oposición galega, Alberte Núñez Feijoo, acaba de propoñer que o ensino en Galicia se realice en tres linguas vehiculares: galego, castelán e inglés. Deixando á marxe a incoherencia e o oportunismo político, deixando tamén á marxe que esa aposta polo inglés é escasa e inxenua, é evidente que resulta unha medida máis interesante, máis provocadora e máis clara cá que nos propuxo hai uns días o goberno socionacionalista co seu Decreto Piñón.

Eu, dende logo, preferiría que o Partido Popular tivese tamén na negociación do decreto as ideas e o modelo tan claros como di telos agora. A manobra é impecábel. Primeiro relean na idea (tímida) do goberno, que acaba por aceptar, en aras dun consenso, un decreto mediocre que non satisfai a ninguén. Pero a seguir Núñez Feijoo propón outro novo modelo, que descualifica o seu movemento anterior, pero que sobre todo deixa nas verzas o insulso e inútil decreto Piñón adiantándoo pola dereita.

O peor de todo era que o decreto Piñón, e temo que tampouco as forzas políticas que están no goberno, teñen un modelo claro ao respecto de qué facer coas linguas no ensino. E sobre todo, cal é o obxectivo. Uns e outros falan de galeguización, de ampliar as porcentaxes, de que se a lectoescritura quizais si ou quizais non, pero non nos explican onde nos queren levar, que queren conseguir. ¿Queren que os galegos que gobernen este país en 2030 sexan capaces de exportar a nosa cultura ao mundo e de dirixir unha comunidade con identidade de seu e integrada nos fluxos económicos do planeta? Con eses elementos, a única conta que me sae é a dun ensino bilingüe en inglés e galego. E as porcentaxes e as materias que as distribúan os expertos, non os políticos.

É unha discusión que ten que medirse en termos de investimento económico e avaliación, non en patriotismo. A maior parte do galeguismo lingüístico gastou e segue gastando toneladas fólguicas en reivindicar o galego como a nosa lingua, argumento válido en 1960, pero non en 2010. O galego é unha das nosas linguas, pola que quizais sintamos un maior aprezo e, particularmente, a que nos outorga un maior capital simbólico e non simbólico. Pero xa non é a nosa única lingua. Reivindicala e corrixir as porcentaxes do ensino apoiándose niso só leva á incomprensión da cidadanía, á falta de ilusión nos sectores implicados e a un medo a que a prensa perversa publique titulares: e do medo derívase a inmobilidade.

E hai que pasar ao ataque e dicir con claridade que a posibilidade de futuro máis brillante competitivamente é un modelo bilingüe (un modelo bilingüe, e non ese fuleira proposta a tres de Núñez Feijoo cunha soa asignatura vehiculizada en inglés en secundaria). No canto diso elaboramos un decreto por consenso que o único que fai é "activar" un Plan de Normalización aprobado polo mesmo consenso (pero promovido por outro goberno) hai catro anos. Un decreto que como único cariño recibe aquilo de "algo máis có de agora parece que é". Retrocedemos catro anos.

Levamos demasiado tempo amando a nosa lingua. Levamos demasiado tempo usando consignas reaccionarias de "unha lingua, unha nación" sen decatarnos de que polo ollo desa agulla entran todo o máis o 15% dos galegos e das galegas. Levamos tempo sen gañarlle un peso a isto, e hai que empezar a gañar pesos e falantes. E o inglés pode ser un bo sistema de adiantar pola dereita, elegantemente.

3,36/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cid

(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web. »



Anteriores...