Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Cid

As mellores eleccións posíbeis

12:19 29/05/2007

Estes meus amigos que saben a lista dos concellos todos de Galicia por orde alfabética poderán colocar perfectamente a Vilasantar no mapa. Quizais os demais non tanto. Vilasantar, que está ciscado na provincia da Coruña na metade de ningunha parte, ten un pequeno núcleo de só dúas letras (Ru, auténtica xoia lingüística), e a partir destas eleccións, unha alcadesa (si, muller) nacionalista. E esa é a mostra de por que estas eleccións tiveron uns resultados tan xeniais.

En primeiro lugar, gañou a democracia, aínda que pareza mofa. Redúcense espectacularmente as maiorías absolutas (nas cidades, de 3 a 0) pero tamén nas vilas e nas aldeas. Os galegos e galegas apostaron por unha xestión do pacto, e iso hai que lelo indirectamente como un respaldo para o bipartito e como un fracaso da estratexia de Núñez Feixoo de facer do carteliño o cartelgate. Poderán gustarnos máis uns ou outros, incluso poderemos querer pactos con máis xente (sexan independentes, centristas ou de Esquerda Unida), pero apostamos porque a xente se entenda. Desapareceron algúns monstros populares (adeus Moncho, adeus Armando...), pero tamén os pequenos imperios da esquerda, durante demasiados anos anquilosados no sota, cabalo e rei de Fene, Betanzos ou Redondela. A hixiene, esa virtude electoral.

Pero ademais, o progresismo entrou, con posibilidades reais de alternancia, en boa parte do rural galego. Vale que en Beariz o PP obtivo unha vez máis os 9 concelleiros dos 9 posíbeis, cun 90% dos votos. Pero no resto, en Coles, en Maceda, en Manzaneda, en Vilasantar, en Láncara, no Rodeiro, en Riotorto, as cousas mudaron. Mudaron fortemente. E iso non é tan importante polo feito de que o previsíbel novo alcalde nacionalista da Pobra do Brollón vaia facelo mellor có seu predecesor popular, que quizais non, senón porque achega pluralidade a onde só había aborrecemento monocromo. Haberá mocións de censura, abofé; pero tamén haberá diálogo, onde ninguén, polo ben da democracia, debería estar excluído.

Os próximos candidatos
Tamén sería ben que algunhas persoas dimitisen, claro. Ou que cando menos fosen preparando a saída: Sánchez Bugallo, por exemplo, pero quizais tamén Néstor Rego, un dos mellores concelleiros da historia de Santiago, pero claramente a persoa "que non debía estar aí" no momento de máxima debilidade socialista. Tamén os ferroláns Pita e Juncal, pobres, pero tamén Orozco. E quen será o próximo ou próxima candidata nacionalista en Pontevedra? Váiano pensando e prevendo, porque dentro de catro anos poderá sentar Telmo Martín no despacho da Alameda, algo que no fondo, tampouco tería por que ser intrinsicamente perverso.

Tamén hai unha cousa que se chama España. E un paradoxo que Xosé Blanco definiu correctamente ao sinalar que "se quitamos os votos de Madrid, o PP non gaña as eleccións". Pero malpocadamente Madrid non pode ser borrada, como Cartago, a pesar de que cantos máis votos perdan os socialistas en Madrid máis os gañarán en Cataluña, Canarias, Euscadi ou Galicia, e ao revés. Pero peor, radicalmente peor, o ten o Partido Popular malia as súas euforias capitalinas, posto que nada nos aprende menos ca unha presunta vitoria. España nos se gaña na Porta do Sol, en Serrano ou na praia de Oropesa. O argumento de que racha España tocou o seu teito fóra de Madrid e Valencia: cantos votos medrou o PP en Castela León, en Estremadura ou en Andalucía? Un 0,4%, 1% e 1%, respectivamente. Na súa estratexia de ou todo ou nada, o Partido Popular só pode derrotar a todo o resto se algo terrible pasa en Euscadi ou se se crea un partido moderno de ultradereita co que poidan pactar ás veces. Pero nada parece que vaia mudar en Génova, e con ese argumentario terá que atacar Núñez Feixoo dende as súas atalaias do concello de Ribeira e a deputación de Pontevedra. Ou non.

3,31/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cid

(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web. »



Anteriores...