Temos dereito a protestar (tanto se nos acompaña a razón como se non). Temos dereito a protestar, incluso se non votamos, a pesar do que digan os utilitaristas da democracia. Todas as protestas son lexítimas. Os pilotos de Iberia reclaman máis salario, a miña veciña pide menos droga nas rúas, os cicloturistas reivindican o carril bici e os labregos un prezo mínimo pró leite. A Pantoja solicita a liberdade sen fianza, os veciños de Betanzos que suba o pan e baixe a caña, e os profesores galegos, saír entre dúas e catro horas antes nas tardes dos meses de xuño e setembro. Claro que hai un refrán sobre vicios e virtudes que vén ao dedo neste caso.
De que estamos a falar? Segundo o sindicato convocante da folga, respaldado por unha porcentaxe nada desprezábel de profesores (para os efectos, tanto ten 37% como o 73%), dunha privación de dereitos que consiste en realizar nos meses de xuño e setembro a mesma carga laboral ca en marzo ou novembro, polo mesmo salario. Non vou entrar a discutir se a reclamación é xusta ou inxusta: é xusta prós que a piden, e iso abóndame. Pero como cidadán supoño que podo formular unha opinión, e facerlles unha petición aos gobernantes: nin un paso atrás.
O executivo ten sinalado que esa medida mellorará a calidade do ensino, e seguramente non sexa certo. Como ben se ten apuntado, non por recibir máis horas de clase se aprende máis. Pero si que mellorará a calidade de vida dos pais e das nais, e probabelmente tamén a dos rapaces e rapazas, que neste asunto de educar as xeracións do futuro son numericamente moitos máis cós folguistas. Trátase entón de decidir quen debe ceder, e canto. Ou os pais e nais mudan nos meses de xuño e setembro a súa vida pra recoller os pícaros, que saen da escola antes ca no resto dos meses, ou o profesorado entende que non resulta lóxico cobrar máis por unha hora de xuño que por unha de xaneiro, malia a diferente presión atmosférica.
Non está exenta de privilexios a clase docente. Ben é certo que o seu traballo é duro e estresante. Ben é verdade que depositamos neles, cunha confianza cega, boa parte do que queremos da nosa sociedade pró futuro. Pero tamén o é que, a diferencia dos demais traballadores, nunca poden ser despedidos (agás que fagan unha que valla por sete, pero realmente por sete). Tamén o é que nunca pasan ningún control serio de rendemento e calidade. Tamén o é que gozan dun pequeno horario de traballo, moi adaptábel, que lles permite conciliar a vida laboral e familiar como ningunha outra profesión. E se sumamos aquí e acolá, un terzo do ano non acoden ao posto de traballo, ausencia que sorprendentemente xustifican co lecer dos estudantes. Vale que os nenos non vaian á escola entre o 20 de decembro e o 8 de xaneiro, pero por que non facer nese tempo cursos de formación obrigatorios pra docentes? Necesitan os profesores máis tempo cós demais mortais pra mercar agasallos?
Imaxinario popular
Se esas horas de xuño e setembro son o principal problema laboral do 37% (ou 73%) do profesorado, mal imos. Como apuntaba Manuel Bragado nun fundamental artigo, o problema non son este "mételle aí un par de horas", senón a concepción xeral do que é un horario no ensino e de pra que debe servir. Podemos optar por un horario que mellore a calidade de vida e o nivel de coñecemento da nosa sociedade. Un horario moderno, onde haxa sitio pra máis cousas cá carga lectiva. Ou, en troques, podemos escoller un horario que mellore a calidade de vida unicamente dos docentes. Pero quizais nos seus cómputos de trienios os mestres deberían integrar como sumando a percepción que a sociedade ten deles. E temo que profesores e pilotos de Iberia ocupan categorías próximas no imaxinario popular, algo que non beneficia a ninguén, e ao profesorado menos ca a ninguén.
O malo da parte socialista do goberno é que cando lles quero dar os parabéns, xa recuaron. Non dan tempo. Señora conselleira, atenda só un segundiño: ánimos e parabéns. Non se me deixe arrecunchar pola chantaxe da prebenda. Defenda a calidade do ensino en todos os aspectos, tamén con medidas como esta. Propoñan un novo sistema de horarios. Revisen o sistema de control de rendemento. Fagan testes, controis, expedientes. Miren por un control do investimento e do gasto, como fai calquera xefe responsábel. E non lles pido que abolan as oposicións e implanten o mercado laboral libre no ensino, porque sei que me dirían que contra o vicio de pedir existe unha virtude. Úsena.
(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web. »