Teño comentado en múltiples ocasións, públicas e privadas, que os antigos gobernos de Fraga non facían políticas senón que facían campañas: a propaganda creaba a ilusión colectiva da existencia de feitos. A realidade logo ía por onde lle cadraba. Por iso cando fai uns días, sentado no cine, vin a última campaña propagandística da Xunta, concretamente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, unha sensación de déjà vu invadiume.
O resume e lema de dita campa é que “onde vivimos importa”. Non podería estar máis de acordo con esta sentencia. Subscríboa plenamente. Agora ben a campaña é, na miña opinión, completamente fallida e incluso innecesaria. Vexamos porqué.
Un dos factores do cambio político foi o maltrato xeralizado ao territorio, ao país, a arbitrariedade e a trama de intereses que sufría. Un bo grupo de votantes estaban fartos de tanto deslexo e violencia, outros obviamente non. Así que se esa campaña vai para os pre-concienciados, o Goberno debería saber que xa están (estamos) moitísimo máis aló e que non nos fai falla ningunha campaña: eles gobernan porque nos así o decidimos e non queremos spots, queremos feitos. Por qué me atrevo a dicir isto? Porque a sociedade civil volta a reorganizarse contra as agresións ambientais, territoriais, etc. ao marxe do Goberno e así recentemente montouse unha nova plataforma chamada Galiza non se vende.
Respecto aos votantes non concienciados, ou os non votantes, teñan por seguro que as campañas propagandísticas pouco lles importan: curiosamente sae nas imaxes unha parella nova nunha casa contemporánea; dubido que os meus parentes que viven en casas ladrillo-vista, fibrocemento e solucións imaxinativas (vamos, o que os urbanitas galegofalantes chaman feísmo) se sintan identificados ou aludidos por tal plantexamento, é máis, dubido que o entendan ou mesmo que cheguen siquiera a percibilo no medio da fervenza navideña de anuncios de colonias e xoguetes mentres papan as frebas da última matanza (incruenta eso si).
En definitiva, dende o meu punto de vista, innecesaria e pouco útil. Agora ben, se cadra equivócome por completo: é posible que esa campaña estea dirixida a propia Xunta para non esquecer en ningún momento cáles son as súas obrigas. É posible que estea dirixida á Consellería de Pesca para que non poña as piscifactorías sobre espacios naturais. Se cadra está dirixida á Consellería de Industria para non facer máis parques eólicos nas serras, protexidas legalmente ou non, para que pare a desfeita paisaxística, é posible que queiran tamén deter as centrais hidroeléctricas en construcción e autorizadas ou se cadran teñen que lembrar paralizar as canteiras do Caurel e Valdeorras o as areeiras da Terra Cha. Ten que ser, seguro, que a campaña está dirixida á Consellería do Rural para que dunha vez aposte polo rural en vez de desfacer o país con obsoletas concentracións parcelarias executadas ilegalmente en lugares de gran interese ambiental como o e Vilatuxe en pleno LIC do Candán, para que deixe de plantar piñeiros e abrir pistas no monte, como a navallada que lle meteron ao Monte Louro (tamén en Rede Natura 2000).... O anuncio tamén será visto na Consellería de Medio Ambiente, concretamente en Calidade Ambiental e Conservación da Natureza, responsábeis de vixiar e gardar o noso patrimonio.
Porque todo eso é máis é o noso territorio é hora de esixir políticas reais e non propaganda que inda por riba traslada aos cidadáns responsabilidades que nos mesmos lles outorgamos co noso voto. E non só responsabilidades senón tamén culpas, moi cristián sen dúbida pero pouco atinado.
A mellor campaña a favor do territorio que a Xunta pode facer é a de dar exemplo. Mentres, érgueste unha mañá e atopas que a túa casa é unha desfeita.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »