En 2005, o candidato Quintana acudiu á presentación do filme colectivo “Hai que botalos”, onde as denuncias ambientais tiñan un peso significativo. Ía unha boa tarde e o ambiente era de expectación. Un dos participantes dixo en voz alta algo así como “e a ver, que logo vos botamos a vós”. Verbas premonitorias que sen dúbida o candidato non oíu, ignorou, esqueceu ou desprezou.
Días despois da formación do novo goberno un ex-compañeiro de loitas ambientais e militante do BNG laiábase de ter deixado en mans socialistas a Consellería de Medio Ambiente. Eu argumentei que en realidade o BNG tiña grandes competencias ambientais: Industria polo que atinxe á enerxía e mineiría, Medio Rural pola súa definitiva competencia na maior parte do territorio.
Ás poucas semanas falamos por primeira vez do “desencanto” ao que un amigo puntualizou sensatamente que el non podía estar desencantado porque nunca estivera encantado. Fundamentalmente o que comezou a desilusionar foi comprobar cales eran os perfís dos cargos altos e intermedios e ver que tipo de políticas anunciaban. Lamentablemente uns meses máis tarde puidemos comezar a comprobar o desacertado das políticas ambientais (se é que se poden chamar así) que o bipartito comezaba a aplicar. Quizais precisen ser lembradas.
O de Medio Rural foi ben interesante, merecedor dun case study. O realmente excepcional desta Consellería foron os seus comunicadores, porque tendo ben pouco daban a impresión de facer cousas. A política foi continuísta coa do PP e, se cadra, acelerada. Continuouse coa plantación de especies forestais de crecemento rápido en todo tipo de lugares, mesmo en hábitats protexidos pola lexislación comunitaria e estatal, mesmo en Rede Natura 2000, coma se non existira. Por se isto fose pouco, empregáronse fondos europeos para a conservación de dita rede na destrución dos hábitats que a conforman e sen explicarlle aos labregos esta perversión, loxicamente. Se ben isto é moi malo en si mesmo aínda o é máis se temos en conta as vagas de incendios en 2005 e, sobre todo, 2006: continuaron coa política forestal e territorial que trae como consecuencia ese tipo de lumes. En definitiva, non tiñan ningunha idea e tampouco se molestaron en aprender nada instalados na súa torre de marfil. Neste senso, non se pode culpar a ningún goberno concreto, nin do PP nin do BNG, dos incendios cando estes aparecen, pero se non poñen fin ás políticas que os xeran, pasados 12 ou 16 anos si que os culparemos. Mentres, fuxida cara adiante e cortina de fume: pretendían que a sociedade esquecera a nube de estulticias verquidas ao respecto? A saber: complot, mafia, alcaldes do PP, etc. Lamentable na mesma medida que cando o PP acusaba aos do Bloque dos incendios. O problema segue aí; prognostico grandes incendios en torno a 2012 e absolutamente excepcionais entorno a 2022. Pero aquí non remata todo: tamén se desenvolveron concentracións parcelarias que supoñen unha agresión brutal ao medio natural, innecesarias, despilfarradoras e absurdas, máis se cabe cando se comenten ilegalidades comezando as obras antes da finalización do proceso de estudo de impacto ambiental e en Rede Natura 2000 de novo. Política continuísta co PP e multiplicada: calquera que vexa a destrución dos bosques do entorno da Limia polas concentracións parcelarias e teña un mínimo de sensibilidade só pode botar as mans á cabeza. Débese insistir: con esas políticas non se detén a sangría do rural, mesmo se acelera.
Unha mención específica merece o Bantegal, unha boa idea rescatada do PP pero de efectos moi limitados que produce na militancia un entusiasmo incomprensible, proporcional á distancia que se ten do medio rural. Mergullados na autocontemplanción, non se falou do impacto ambiental que ten o Bantegal que de novo estragou algúns hábitats de excepcional valor xa que non existiu avaliación ambiental estratéxica nin estudos de impacto ambiental. Tampouco houbo a penas quen o denunciara.
Chiringuitos herdados
Finalmente non se fixo practicamente nada por mellorar a situación da agricultura ecolóxica, nin a do seu Consello Regulador, nin de frear a expansión dos transxénicos. Herdaron algún 'chiringuito', como a SDC, que tardaron anos en finiquitar. Iso si, botaron á xente máis desprotexida á rúa, non aos autenticamente enchufados, o que non deixa de ser un acto de covardía co que disimular ante a militancia.
As desfeitas de Medio Rural foron consentidas por Medio Ambiente, consellería á marxe das mesmas; calquera funcionario desta última contaba cunha naturalidade pasmosa que non había relacións ou que estas eran tensas.
O da enerxía foi de 'cuchufleta'. Fernando Blanco limitouse simplemente a remudar o plano eólico do PP, do ano 1997. A enerxía eólica debe ser potenciada (aínda así non é a panacea que nos están a vender) pero para iso debeu facer un novo plan, someter este a avaliación ambiental estratéxica (a lei así o esixe), alentar a participación cidadá, non só das empresas interesadas, e casar o plan coa ducia de leis de conservación da natureza e da paisaxe que se verían (verán?) vulneradas. De levarse a cabo esta segunda parte do plan do PP, en moitos aspectos suporá a maior desfeita ambiental no país dos 50 últimos anos, claro que, a priori, parecía un bo negociño para un selecto grupo de empresarios. A cambio de que habería que preguntarse. O BNG repetía o responso: “é bo para Galiza”; eu, francamente, canto máis escoitaba a cantinela menos sabía que ou quen era Galiza e se iso penso eu, reflexionaba, que pensará o resto da cidadanía. Ademais, as contradiccións eran brutais: mentres se anunciaba o decretazo eólico, Francisco Jorquera, deputado en Madrid, pedía explicacións sobre unha liña de alta tensión para evacuar enerxía de determinados parques eólicos; sabían no BNG, sabía F. Jorquera, sabía F. Blanco, os miles de quilómetros de liñas de alta tensión que habería que construír co seu fantástico plano?. Ou tanto lles tiña ou ben non o pensaron nin 10 segundos.
O fundamental en materia enerxética, de cara á sostibilidade, non é a produción senón o aforro e a eficiencia e, neste senso, non houbo ningunha iniciativa salientable, só subvencións para decorar as cociñas con novos electrodomésticos.
Poderíamos continuar co problema de Reganosa na ría de Ferrol (outro tema enerxético), as canteiras da Terra Cha e do Caurel, etc. O balance sería un desastre.
Deste xeito dáse unha mensaxe moi clara á cidadanía, particularmente á mais concienciada: a da mentira. Se o BNG, na oposición, estaba a carón das organizacións ambientalistas e defendía o medio ambiente e agora o agride é que mentiron. E non hai nada que se lle tolere menos a unha formación política que a mentira, mesmo por diante da incompetencia.
Pola súa parte o PSdeG esforzábase en estragar o medio ambiente no marco dun discurso baleiro. O Plan de estradas de Caride non contemplaba en absoluto ningunha variable ambiental nin tampouco o uso que os cidadáns galegos facemos do territorio. Era asfaltar por asfaltar sen ter en conta nin as emisións de CO2, nin o territorio, nin as necesidades, nin o “peak oil”... Falouse moito do AVE (porque así o manda La Voz de Galicia), unha infraestrutura pouco apropiada ás necesidades de transporte da cidadanía, carísima e que dilapida recursos enerxéticos. Quedaron esquecidos por completo o metro, o tren lixeiro, o tren de proximidade e sobre todo, na miña opinión, o tren de mercadorías, que contribuirían de xeito moi importante a diminuír o impacto territorial, as emisións de CO2 e a gañar en competitividade empresarial. Disto non se fala porque non hai xornal que o mande.
Letargo
Touriñán foi unha anécdota. Un bonito cabo salvado, non o esquezamos, polo exercicio da responsabilidade, non pola magnanimidade dun goberno. O plan de acuicultura que desenvolveron, igualmente de xeito irregular, ten dous elementos que o fan ambientalmente insostible. Por unha parte, a ocupación de hábitats de interese comunitario (non só de Rede Natura 2000) coa violación da integridade dos mesmos. Por outra, a insostibilidade global da acuicultura intensiva. Este último é un debate básico pero esquecido a propósito por Touriño, Gallego, e outros; a acuicultura intensiva é insostible debido á sobreexplotación de caladoiros afastados para a produción de pensos e ás emisións de CO2 para fabricalos e traelos.
Da Consellería de Medio Ambiente non hai moito que dicir: o voluntarismo dalgún membro illado non é suficiente para contrarrestar a parálise do conxunto e o letargo doutras persoas.
Pero o que realmente molestou no bipartito, particularmente no BNG, eu polo menos así o sinto, é a arrogancia e autosuficiencia con que boa parte dos seus cargos se conduciron mentres estiveron no goberno, hai excepcións, claro. Bastou darlles un cargo para que sacaran fóra o pequeno Napoleón que levaban dentro. Pódense ter esas calidades negativas, que dúbida cabe, pero deberan ser compensadas con unha experticia e eficiencias extraordinarias e non foi o caso. Hai anos, concretamente dende a catástrofe do Prestige, que teño a sensación de que o BNG miraba o tema ambiental con condescendencia, como se o medio ambiente fora unha cuestión menor, de chavaliños e, en calquera caso, unha ferramenta ao servicio dunha suposta construción nacional, non un obxectivo en si mesmo, o que é dunha estolidez superlativa.
Haberá quen salve os mobles ambientais do bipartito. Ten que haber xente para todo. Realmente era tan catastrófica a situación con Fraga que calquera pequeno avance foi benvido, como as inversións en depuración de augas (para dar cumprimento a unha directiva comunitaria, non vaia ninguén pensar) e a protección dos primeiros 500 metros do litoral. Nesta liña, hai quen ameaza con que o PP vai ser peor e probablemente así será, pero empregar isto para captar votos ou parabéns non é máis que unha chantaxe, algo inadmisible.
O feito de que Galiza Non Se Vende monte unha manifestación un par de semanas antes das eleccións debeu facer pensar a máis de un. Pero non foi o caso, obsesionados co que La Voz de Galicia puidera publicar ou deixar de publicar; outro exemplo de debilidade conceptual. Se na cociña das Consellerías e na da campaña non había persoas competentes e con experiencia para contraatacar con eficacia e liderar as axendas só pode ser culpa de quen nomeou aos amigos en vez de a profesionais. Unha cuestión esta que debe incitar á tenrura, tanto como que se sorprendan de ter perdido o goberno. PSdeG e BNG tan só escoitaron aos aduladores, mesmo contratándoos.
Por outra banda, a súa acción tivo consecuencias colaterais máis alá das súas fronteiras: cando máis se vai necesitar o movemento ecoloxista, atopámonos con que está dividido, notablemente feble e sen rumbo. Os movementos sociais deben ser a vara con aguillón na punta para conducir ás accións políticas e non un xoguete dos partidos, senón perden mesmo a súa razón de ser.
Cambio radical
A pesares de todo, penso en positivo. A esquerda tivo unha oportunidade e estragouna, agora é o momento de reflexionar e cambiar. O primeiro que penso que hai que saber é que á esquerda vótaa fundamentalmente a esquerda e que polo tanto hai que cumprir minimamente os programas electorais. Para facer políticas de dereita moito mellor os orixinais. En canto aos candidatos e as ideas, o PSdeG é un partido grande onde os erros quedan diluídos e atopará, creo eu, rapidamente o camiño se se deciden a ter unha axenda propia e, en calquera caso, ten unha masa ampla de votantes. O BNG teno máis cru porque quen queda que estea sen tocar pola mancha do goberno bipartito? Quen ten ademais carisma, capacidade de liderado e unha visión contemporánea da sociedade? As dimisións (ollo, en plural) se ben inescusables, de nada serven se non hai un cambio de cultura radical. Poderá facelo? Será capaz de abandonar os comportamentos sectarios e trasnoitados e abrirse ao século XXI? Será capaz de saír da caverna no senso platónico e no prehistórico? Xa veremos, pero polo momento a corredoira da extinción está aberta.
Se a esquerda galega é capaz de cambiar a súa cultura e ten un comportamento honesto e intelixente, e o goberno de Feijoó repite condutas da era Fraga (ou as de Aguirre), a esquerda podería estar en posición de retomar o goberno sen maiores dificultades. Iso si, coas papeletas verdes que agora non teñen. Podemos botar a quen queiramos.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »