No ano 1957 creábase a Empresa Nacional de Celulosa de Pontevedra, en paralelo ás de Huelva e Motril polo Instituto Nacional de Industria. España estaba en plena dictadura franquista, no económico, a autarquía era norma.
Dende o punto de vista económico, social e ambiental é obvio que as consideracións a facer hai 50 anos son moi diferentes ás de hoxe en día, pero hoxe, transcorridas cinco décadas hai un debate sobre a conveniencia de que Ence sega a contaminar e ocupar o litoral da ría de Pontevedra e, en calquera caso parece que non é desexable instalar grandes factorías nas rías xa que ocupan un valioso espacio, contamínanas e diminúen a calidade de vida das poboacións circundantes. Semella que se hoxe tivéramos unha máquina do tempo para corrixir actuacións do pasado, este podería ser moi diferente e Ence estaría noutro lugar, pois fai medio século o país era moi diferente, as necesidades completamente distintas e o contexto planetario non tiña moito que ver co de hoxe.
Pero determinados dirixentes do país non. Seguen a ser os mesmos de hai 50 anos de cambios históricos, fósiles viventes, zombis atrapados no tempo e nos paradigmas económicos do franquismo e na sensibilidade ambiental do século XIX. Se non, cómo se pode explicar o que está a pasar na ría de Ferrol?
Instalación perigosa
Cun porto exterior, dous mellor dito, a minutos de distancia, crease unha instalación absolutamente perigosa dentro da ría, unha planta regasificadora que incumpre a lexislación vixente, destacando a carencia de Declaración de Impacto Ambiental, o incumprimento da distancia mínima de 2000 metros a áreas habitadas, a Directiva 96/82/CE máis coñecida como lei de Seveso sobre industrias de risco, non hai plano de emerxencia e incumpre moitas outras normas. En definitiva, unha cacicada decimonónica como ás que nos tiñan afeitos os sucesivos “gobernos Fraga”, un despropósito na planificación do territorio, na planificación económica, unha desfeita ambiental e unha agresión social, con máis que obvios riscos pois de ocorrer calquera accidente no só estaríamos a falar de medio ambiente senón dunha poboación considerablemente grande. No Parlamento Europeo, curiosamente estase a falar durante todo este tempo de “security” e “safety” nos portos Europeos, dous conceptos que nola traen frouxa, polo visto. Por suposto Galiza sempre por detrás, concretamente medio século.
Como é lóxico e natural, os mariscadores protestan pois Reganosa, ademais do risco ambiental é unha agresión económica e supón, de facto, a privatización da ría de Ferrol. Logo, unha das miñas personaxes favoritas, o delegado do Goberno, di que hai que cumprir a lei. Ben, depende (idiosincrasia galega?). Os mariscadores si, Reganosa e a Xunta non, pois o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa fallou anulando as declaracións de efectos ambientais emitidas pola anterior Xunta (sentenzas 536/2004 e 606/2006), inda que claro, recorreuse e mentres non saen xa entran os gaseiros na ría. En definitiva, depende quén e de qué leis.
Cacicada
Todo soa á típica cacicada e estulticia planificadora da Era Fraga co apoio dunha clase empresarial que proviña do franquismo, poderíamos dicir que o de sempre, que normal. Pero agora na Xunta mandan outros que presumen de lei de litoral e desenvolvemento sustentable pero que non teñen ningún tipo de problema con esta descomunal estulticia. Véxanse as declaracións de Touriño e Irisarri, por exemplo, e a nebulosa que mantén o seu socio de goberno. Resulta sorprendente que unha das economías máis potentes do planeta, a de California, rexeite unha planta como a de Reganosa da man nin máis nin menos que do seu Gobernador Republicano, o famoso Schwarzenegger.
Falouse moito de qué facer coa famosa Cidade da Cultura sen reparar en que había máis caramelos envelenados de Fraga: Reganosa e os dous portos Exteriores, en definitiva, debates roubados. Reganosa, os portos exteriores e a Cidade da Cultura eran o Irak do Goberno galego, había que saír deles ao día seguinte.
Todo esto ven a explicitar que existen dúas Galizas: unha ancorada en 1957 e outra que mira cara ao futuro; que cada un escolla. Eu estou co Patrón Maior.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »