Nestes últimos meses é difícil abrir un xornal, prender a radio ou a televisión e non ter varias novas sobre cambio climático: gobernos que toman medidas, empresas que se poñen as pilas, expertos que alertan das consecuencias, que explican os procesos, tertulianos todólogos que descobren mediterráneos climáticos.... E eu, persoalmente, confeso que xa estou farto, todo cheira a moda.
O do cambio climático e o famoso efecto invernadoiro son cuestións que para un reducido número de persoas é un fenómeno que se comezou a falar hai xa uns trinta anos, así que esta especie de febre climática actual é unha medida, en certo modo, do que tarda en pasar o debate dende círculos científicos e ecoloxistas á sociedade en xeral, tres décadas. Sirvan estas verbas como (auto) homenaxe á persoas e colectivos, de aquí e acolá, que hai xa moitos anos estabamos preocupados por este fenómeno global.
Cumpriría preguntarse por qué se tardou tanto logo; obviamente pola presión en contra dos lobbys correspondentes: o enerxético, o petrolífero, o automobilístico... asociados a determinadas marionetas políticas, por exemplo sucesivos gobernos republicanos nos Estados Unidos, tépedos gobernos demócratas e papanatismo europeo. Neste contexto é impagable a labor feita por determinados científicos cuestionando resultados durante máis de tres décadas; a cuestión estaba clara e o único que fallaba por coñecer era a magnitude do fenómeno e a súa escala temporal. Aínda descoñecemos cousas, obviamente, pero iso non debería ser impedimento para actuar.
Agora, coa moda climática, parece que a cousa vai en serio. Parece: se ben todo o mundo ten na boca o quentamento global, ninguén parece disposto a facer nada serio por mudar a situación. Salvo propaganda. E negocios.
O núcleo do problema está na producción de enerxía a escala global, obviamente é unha cuestión a resolver pero neste contexto hai que lembrar que o único watio limpo é aquel que non se consume. Esto contrasta co brutal incremento do consumo enerxético, a pesares de que parte desa enerxía xa é renovable nunha fronteira diluída entre o negocio e a especulación con cachondeo incluído: agora resulta que as grandes eléctricas son as compañías máis “sostibles” e para que o saibamos fannos anuncios con xente guapa, paxariños silvestres e idílicas paisaxes. Vale.
Se esto fora en serio, e centrándonos xa en Galicia, habería que mirar canto se destina a aforro enerxético en contraposición co que se destina á producción, habería que contrastar cánto se destina á cambio climático e cánto se destina ao transporte privado por estrada, é dicir, cántas autoestradas están neste momento a ser construídas e/ou ideadas? Por poñer exemplos concretos, por qué se está a facer unha autoestrada entre Lugo e Monforte por Sarria, habendo unha liña de tren paralela e semiabandoada a 20 metros? Por qué se está a facer unha autoestrada Brión- Compostela en vez dun metro ou tren lixeiro de superficie? E así poderíamos recitar, sen pensalo moito, unha ducia de lamentables exemplos. Esas autoestradas terían estado ben, hai 80 anos, xustamente, non hoxe. Por outra banda, os vehículos son cada vez máis potentes (compárese un coche medio dos 70 cun dos 90 ou cun de hoxe en día), claro que dirán os tecno entusiatas que hoxe en día son máis eficaces. Poderíamos pensar en reducir os límites de velocidade en estradas e autoestradas como fai non moito fixeron en Bélxica, pero claro aí están os lobbys do motor cos seus símbolos: a Fórmula 1, o Dakar, o mundial de motos, etc, a santa velocidade.
Pero podemos seguir: por qué se subvencionan os voos de baixo custe? Qué interese pode ter o Estado en pagar románticos fines de semana en Roma?
Claro que o de culpar as persoas dásenos moi ben. É bonito poñer a parir aos que empregan enormes e estultos 4x4 dicindo que contaminan moito, pero sendo esto rigorosamente certo, o que realmente nos fode é a súa arrogancia e poderío económico. Postos a poñer a parir é moito máis útil perseguir aos camións, é dicir ao transporte de mercadorías por estrada; por qué non viaxa todo por tren, por un tren eficaz. Postos a pensar, por qué glorificamos o sector da construcción como motor económico cando é un sector que derrocha envía fervenzas de CO2 á atmosfera. E falando de construcción, quén son os responsables da planificación territorial que obriga a miles de cidadáns a vivir na periferia das cidades e empregar o vehículo privado da cotío?
O problema é que para todo esto hai que pensar, tomar decisións importantes, efectuar quizais algún pequeno sacrifico: todo elo medidas levemente impopulares que ningún dos nosos políticos teñen o que hai que ter para por en marcha. Nin nos tampouco. Pero benvida sexa a moda climática.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »